Saltar ao contido

Ignacio Fernández Toxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaIgnacio Fernández Toxo

Fernández Toxo en 2012 Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento25 de novembro de 1952 Editar o valor en Wikidata (71 anos)
Ferrol, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónsindicalista Editar o valor en Wikidata
Partido políticoLiga Comunista Revolucionaria
Partido Comunista de España Editar o valor en Wikidata
MovementoSindicalismo Editar o valor en Wikidata

Twitter: toxo BNE: XX5106881 Editar o valor en Wikidata

Ignacio Fernández Toxo, nado en Ferrol o 25 de novembro de 1952, é un sindicalista galego. Foi o secretario xeral do sindicato Comisións Obreiras (CCOO) entre 2008 e 2017 e o presidente da Confederación Europea de Sindicatos (CES) desde 2011 até 2015.

Biografía

[editar | editar a fonte]

Comeza a súa vida laboral como aprendiz na Empresa Nacional Bazán de Construcións Navais Militares S.A. (Bazán), empresa que se fusionou con Estaleiros Españois, S.A. (AESA) en xullo do 2000, constituíndo a empresa Izar Construcións Navais. Nesta empresa continuará a súa vida laboral ata que é prexubilado dentro do ERE iniciado pola SEPI en abril de 2005.

Durante a súa mocidade foi militante da Liga Comunista Revolucionaria[1] e posteriormente do Partido Comunista de España.

A súa actividade sindical comeza en Bazán durante a súa etapa como aprendiz. Con 19 anos participa na organización da folga xeral de Ferrol do 10 de marzo de 1972. Durante as manifestacións a Policía Armada acurralou a algúns folguistas, entre os que se atopaba o mozo aprendiz Toxo, e comezou a disparar indiscriminadamente, ferindo a máis de 40 persoas e matando a dous traballadores de Bazán, membros de CCOO, Amador Rei e Daniel Niebla.[2] A vida sindical de Toxo, que acode regularmente á ofrenda floral anual fronte ao monumento en Ferrol aos asasinados o 10 de marzo, foi marcada profundamente por esta experiencia de mocidade, como se desprende das súas sucesivas declaracións sobre os feitos.[3]

Como consecuencia da folga do 10 de marzo Toxo será despedido e condenado a 5 anos de prisión.[4] Toxo foxe do penal da Coruña e pasa a vivir na clandestinidade até a aprobación da Lei de Amnistía de outubro de 1977, non obstante o cal se presentará ás eleccións xerais de España de 1977, como cabeza de lista do Fronte pola Unidade dos Traballadores para a provincia da Coruña.[5] Por aplicación da lei de amnistía Toxo recuperará o seu emprego en Bazán, onde chegará a ser elixido presidente do Comité Intercentros da empresa.[6]

En novembro de 1987 é elixido Secretario Xeral da Federación do Metal de CCOO en substitución de Juan Ignacio Marín,[7] cargo que ocupou até novembro de 1995, cando se fusionan as federacións do Metal e de Minería do sindicato. Tras a fusión, Toxo é elixido Secretario Xeral da organización resultante, a Federación Minerometalúrgica de CCOO, cargo que ostentará ata que en 2004 é substituído por Felipe López Alonso. Nesta etapa é de destacar a súa defensa da posición sindical ante a reconversión industrial e, moi especialmente, a súa participación na organización da Marcha de Hierro.[8]

Desde 2004 a 2008 desempeñou o cargo de Secretario de Acción Sindical e Políticas Sectoriais da Confederación Sindical de CCOO, e é membro do Consello Confederal e da Comisión Executiva Confederal do sindicato.

O 19 de decembro de 2008 foi elixido Secretario Xeral de CCOO no 9º Congreso Confederal, substituíndo a José María Fidalgo.[9] Durante o seu mandato CCOO situouse fronte á política de recortes iniciada en maio de 2010 polo Presidente José Luis Rodríguez Zapatero, e continuada polo seu sucesor Mariano Rajoy, promovendo dúas Folgas Xerais a nivel estatal e diversas folgas e mobilizacións a niveis local e sectorial. É de destacar, como innovación na estratexia sindical, a interposición de Iniciativas Lexislativas Populares ante o Congreso dos Deputados en temas como lexislación laboral, dereito á vivenda e fiscalidade.[10]

O 18 de maio de 2011 foi elixido Presidente da Confederación Europea de Sindicatos en substitución de Wanja Lundby-Wedin, membro do sindicato LO de Suecia.[11] Como presidente da CES defendeu ante as institucións da Unión Europea (UE) unha maior integración política dos países membros, a ampliación das funcións do BCE, a integración dos réximes fiscais dos países da UE e a converxencia das lexislacións laborais dos países membros.[12][13]

  1. Toxo, la larga escalada a la cumbre · RTVE.es (en castelán)
  2. "Estábamos aquí cuando la policía comenzó a disparar" · La Voz de Galicia (en castelán)
  3. Apunte en estrella digital sobre el discurso de Toxo en la celebración del 10 de marzo de 2009 Arquivado 21 de novembro de 2011 en Wayback Machine. · Estrelladigital.es (en castelán)
  4. Extracto da sentenza· La Vanguardia(hemeroteca) (en castelán)
  5. Extracto de las listas de las elecciones de 15 de junio de 1977· La Vanguardia(hemeroteca) (en castelán)
  6. Unas 15.000 personas se manifiestan en Ferrol contra la reconversión naval · El País, 14 de xaneiro de 1985 (en castelán)
  7. Los carrillistas pierden la mayoría en la Federación del Metal de CC OO · El País, 16 de novembro de 1987 (en castelán)
  8. Ensidesa volvió a parar ayer en solidaridad con la 'marcha de hierro' · El País, 28 de outubro de 1992 (en castelán)
  9. Toxo pone fin a la era Fidalgo y toma las riendas de CCOO · El Mundo (en castelán)
  10. CCOO notas de prensa Arquivado 02 de xullo de 2012 en Wayback Machine. · CCOO (en castelán)
  11. Nota de prensa del nombramiento de Ignacio Fernández Toxo como Presidente de la CES Arquivado 05 de abril de 2012 en Wayback Machine. · Confederación Europea de Sindicatos·(Press Room) (en castelán)
  12. Un pacto social para Europa Arquivado 27 de outubro de 2012 en Wayback Machine. · Confederación Europea de Sindicatos, 6 de xuño de 2012 (en inglés)
  13. Nota de prensa de las reuniones entre la CES y la Comisión y el Consejo de la UE del 26 de junio de 2012 Arquivado 08 de xullo de 2012 en Wayback Machine. · CCOO, 27 de xuño de 2012 (en castelán)