Día da Clase Obreira Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°29′14.22″N 8°13′22.06″O / 43.4872833, -8.2227944

Escultura conmemorativa do Dez de marzo en Ferrol, no lugar onde ocorreron os feitos en Recimil.

O día da Clase Obreira Galega é unha conmemoración anual non festiva celebrada cada 10 de marzo para lembrar a morte de dous traballadores galegos nun enfrontamento coa policía en Ferrol.

A súa orixe está no 10 de marzo de 1972, cando a policía franquista disparou contra unha protesta sindical nos estaleiros de Bazán, en Ferrol, e onde morreron dous traballadores[1], Amador Rey e Daniel Niebla, e onde resultaron feridos ao redor de medio cento de manifestantes máis. Dende aquel ano, a data é homenaxeada polas diferentes organizacións sindicais de Galiza, reclamando melloras sociais e laborais.

Historia[editar | editar a fonte]

No final do franquismo había unha situación de efervescencia social no que apareceron numerosos conflitos. Na comarca de Ferrol houbera numerosas mobilizacións e o final de 1971 fora moi activo na negociación do novo convenio da Bazán. en Astano tamén había unha situación conflitiva.

El clima de tensión en la ciudad se agudiza y va en aumento. El día 28 de febrero los 3000 trabajadores de las empresas auxiliares de Astano se declaran en huelga, con motivo de la ruptura de las negociaciones de su convenio[2]

O día 7 de marzo o Sindicato Vertical asinara en Madrid un convenio interprovincial que non recoñecía as reclamacións dos traballadores de Bazán Ferrol de ter convenio propio. As factorías de Cartagena e Cádiz estaban controladas polo Sindicato Vertical e a de Ferrol por CC.OO. O 8 de marzo en asemblea os traballadores de Bazan Ferrol rexeitan o acordo. Acordouse unha nova asemblea de traballadores para o día 9. A empresa respondeu despedindo a José María Riobó, Manuel Amor Deus, José Díaz Montero, Ramiro Romero, José Miguel Rey e Alfonso Couce, todos eles de Comisións Obreiras e prohibíndolles o acceso á factoría. Ramiro Romero foi agredido polos gardas de seguridade na entrada do estaleiro ao negarse a asinar a notificación da sanción. Situación que xera enfrontamentos entre traballadores e os gardas. Ao saberse o acontecido o paro foi total. Ás nove e media da mañá, uns cinco mil traballadores concentráronse para exixir a anulación dos despedimentos e sancións aos gardas. O director falou cos traballadores sen achegar solucións. Os traballadores acordaron manterse concentrados ata que se atendan as súas peticións. Ás tres da tarde a dirección da empresa ameazou co desaloxo policial. Diante da negativa dos traballadores ás cinco da tarde cargou a policía pechándose a factoría. Os enfrontamentos continuaron xa na cidade e escoitáronse os primeiros disparos da policía.

O día 10 a prensa informou do acontecido. Do peche da empresa, as cargas policiais e os disparos contra os traballadores. Ás sete e media da mañá xuntáronse uns catro mil traballadores nas portas de Bazán pechadas. Decidiron ir en manifestación ata o polígono de Caranza, entón un barrio novo en construción, e alí xuntarse cos traballadores de Astano. Ao paso dos traballadores na Estrada de Castela coa Avenida das Pías a policía cargou contra os traballadores que responderon con pedras. A policía disparou contra eles. Dous traballadores morreron e medio cento quedaron feridos[3]. A policía tivo que se retirar ao cuartel.

Por término de una hora y media, estuvieron las fuerzas acuarteladas, curando los heridos, reponiendo municiones y en estado de alerta en previsión de un ataque al cuartel, como sucedió el día anterior[4]

Os feridos non foron ao hospital por medo a ser detidos. Ao saberse o que estaba a acontecer as empresas da zona comezaron a pechar en folga solidaria. O goberno cortou as comunicacións por terra e telefónicas da cidade e un buque da Armada Española situouse fronte á ponte das Pías. Representantes dos traballadores entrevistáronse co capitán da Zona Marítima do Cantábrico para evitar a intervención militar. O exército permanece acuartelado e Ferrol é tomado pola Garda Civil e a Policía Armada con efectivos de León e Valladolid[5]. O paro foi total ata o 20 de marzo en que volveu abrir Bazán e houbo manifestacións contra a ditadura en varias cidades galegas, sobre todo en Vigo.[6] A nova tivo alcance mundial e apareceu nas portadas de The Guardian, Le Monde ou The New York Times. Houbo dous traballadores mortos, 16 feridos de bala e ducias por outras lesións, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados con entre 50.000 e 250.000 pesetas.[7] Só se coñece unha imaxe do acontecido: unha foto onde se ve aos traballadores camiñando pola Estrada de Castela á altura do barrio de Recimil, uns minutos antes dos feitos.[8] O acontecido o 10 de marzo de 1972 nunca foi levado aos xulgados e ninguén respondeu pola morte dos dous traballadores nin polos feridos.

Legado[editar | editar a fonte]

Rúa Dez do Marzal, Ferrol.

A rúa en Recimil fronte á Avenida das Pías, onde aconteceron os feitos, é chamada Dez do Marzal dende 1981[9]. Ata a construción do monumento aos mortos e feridos tódolos anos facíase unha ofrenda floral no pequeno campo que había entre Recimil e a Avenida das Pías, no lugar onde caeron mortos os traballadores.

No ano 1997, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade unha declaración institucional onde facía constar o especial significado do 10 de marzo, celebrado polas principais organizacións sindicais do país como Día da Clase Obreira Galega, especialmente por Comisións Obreiras, pois foi o sindicato que pediu a declaración. A efeméride acadou rango oficial en 2006.

En abril de 2014 o pleno de Parlamento de Galicia debateu a proposta presentada pola deputada Consuelo Martínez do grupo Alternativa Galega de Esquerda (AGE) na que instaba á Xunta a concesión a título póstumo da Medalla de Ouro da Comunidade aos ferroláns Amador Rey e Daniel Niebla. Porén, aínda que contaba co apoio do resto da oposición non foi aprobado polo voto en contra do PPdeG.[10]

No ano 2018, o videógrafo Ángel García e a periodista Marta Corral presentaron o documental titulado ¡Esto se cae!, facendo alusión ao berro de guerra que se escoitaba naqueles anos 70 nas rúas de Ferrol. O filme recolle a testemuña das mulleres do 72, loitadoras do movemento obreiro na procura da democracia, facendo un recoñecemento cos nomes e apelidos máis un exercicio de recuperación da memoria e da xustiza histórica.[11] Tamén a escritora Ánxela Loureiro Fernández co seu libro Voces da memoria con ollos de muller (2019) fai unha homenaxe e da visibilidade ás mulleres loitadoras no período 1970-1977 e a súa achega para conquistar as liberdades democráticas.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os dous traballadores non tiñan adscrición partidaria como se indica en documentos de CCOO (El proceso de los 23, páxina 19) e PCE (Rosa Cal, páxina 160)
  2. El proceso de los 23, páxina 16
  3. Non existe unha cifra clara porque só os feridos graves acudiron a centros de saúde por medo a represaliais. CCOO cita a 12 feridos de bala (El proceso de los 23) .
  4. Informe del Jefe superior al director general de seguridad en Madrid
  5. Los asesinatos de Ferrol, 10 de marzo de 1972, Día de la clase obrera gallega Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine. blog.
  6. "O 10 de marzo, 50 anos despois: o día que o movemento obreiro fixo abalar a ditadura en Ferrol". Praza Pública. 2022-03-10. Consultado o 2022-03-13. 
  7. Ferrol, 50º aniversario del 10 de Marzo de 1972. Escrito por Javier Losada, CGT, Navantia-Ferrol Izquierda Revolucionaria.
  8. La Transición fuera del palacio. Hace 40 años que la policía franquista asesinó en Ferrol a Amador Rey y Daniel Niebla El País
  9. Suprimidos los nombres franquistas de las calles de El Ferrol Perfecto Conde Muruais Santiago 4 MAR 1981 El País
  10. "Los obreros de Bazán asesinados por los 'grises' en 1972 no recibirán la Medalla de Galicia". www.elcorreogallego.es. Consultado o 2020-02-28. 
  11. "¡Esto se cae!, documental sobre las mujeres ferrolanas del 72". Angel García Videógrafo (en castelán). 2018-03-12. Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-21. 
  12. "Ánxela Loureiro: "Na ditadura, eu fun detida tres veces e agredida polos Guerrilleiros de Cristo Rey"". www.elcorreogallego.es. Consultado o 2020-02-28. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Referencias[editar | editar a fonte]

  • Cal, Rosa (2015) Los sucesos de Ferrol. 10 de marzo de 1972. LiberFactory
  • Pillado, Rafael (2012). O latexo da vida e da conciencia. Memorias Colectivas de Rafael Pillado I. Ferrol: Fuco Buxán.