Historia de Hanoi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia urbana de Hanoi desenvólvese nunha área, a da cabeceira do delta do río Vermello, na que se coñecen asentamentos estables dende o cuarto milenio antes da nosa era no marco de catro culturas sucesivas (Phung Nguyen, Dong Dau, Go Mun e Dong Son), as dúas últimas asociadas aos reis Hung (lendaria dinastía Hong Bang, supostamente a primeira do Vietnam).

Co Loa[editar | editar a fonte]

No final da dinastía, disque Thuc Phan derrotou o último dos seus reis, fundou o reino unificado de Au Lac e estableceu unha nova capital, Co Loa (257 a. de C., ao norte na outra beira do río Vermello, ao seu paso pola cidade actual [1]). Co Loa tiña un complexo sistema defensivo de murallas de barro (ata 12 m de altura e 25 m na base) e fosos de auga en espiral.[2] Tres sucesivos recintos (de 2 x 3 km o exterior, con torres de garda, e 6,5 km de perímetro o interior) protexían unha cidadela elevada de forma rectangular (Co Loa Thanh) que contiña o pazo real [3].

Dominación chinesa[editar | editar a fonte]

Dende o 207 a. de C., cando Co Loa caeu ante o imperio Qin, a presenza chinesa no territorio vietnamita foi constante durante un milenio, cunha práctica ausencia de datos históricos para a cidade ata o século V, no que aparece nomeada como Tong Binh (454-456), xa na beira sur e oeste do río Vermello.

No ano 866, na loita da dinastía Tang contra o territorio rebelde do sur (Dali, actual Yunnan), Tong Binh foi convertida en cidadela (comezada en 767 con vestixios previos do século VII) e recibiu o nome de Dai La (tamén coñecida a terra no tempo como Long Do, "Ventre de Dragón"). Seica se alzaba no pequeno outeiro Nung (tamén chamado Long Do) como coroa circular que contiña un anel interior (Kinh Do, "tres pazos"). Ese outeiro, a única elevación nunha terra practicamente chá e anegada, sería o foco central de todas as intervencións urbanas posteriores.

Capital do reino Dai Viet[editar | editar a fonte]

Así, en 1010 o primeiro gobernante da vietnamita dinastía Ly, Ly Thai To, trasladou a capital do reino Dai Viet ao sitio da cidadela Dai La co novo nome de Thang Long ("Dragón Ascendente"). Tres murallas concéntricas arrodeábana: a exterior, de terra, servía como dique de protección ao longo dos ríos de arredor (o Vermello ao leste e dous brazos de auga a noroeste e sur); a interior protexía os pazos reais. O Pazo Can Nguyen, arrodeado de oito pazos máis e catro mansións, conformaba a cidade real (en 1029 foi destruído erixíndose o aínda maior Pazo Thien An no canto del). Parques con pagodas e templos enriqueceron axiña a capital. Ata finais do século XIV a estabilidade do reino permitiu a conformación dun centro cosmopolita economicamente e culturalmente rico. A área residencial estendíase ao leste da cidadela real (entre esta e a área portuaria no río Vermello) e o organismo enteiro aparecía arrodeado de lagos máis aló das murallas [4].

Cambios de nome[editar | editar a fonte]

En 1397 perdeu a corte cambiando o nome a Dong Do. En 1408 os chineses da dinastía Ming que ocupan Vietnam renoméana Dong Quan. En 1428, coa recuperación da independencia chamouse Dong Kinh, elixida de novo como capital. Mentres a cidade non cambiou en termos xerais (foi dividida en dous distritos), a cidadela real foi ampliada e enriquecida de continuo (gran Pazo Kinh Thien) acadando a súa máxima extensión [5][6]. A capital gozou dun período de prosperidade económica grazas ao desenvolvemento dos gremios artesanais e o comercio (principal porto do país con establecementos holandeses, ingleses e alemáns) [7].

Século XIX[editar | editar a fonte]

Mapa de Hanoi,1873.

En 1788 a ameaza chinesa da dinastía Qing provocou o traslado da capitalidade ao sur (Phu Huang e Hue). Porén, a cidade seguiu conservando a primacía económica e cultural do país e a cidadela real, os templos, as pagodas e as escolas foron restauradas. A partir de 1802 os novos gobernantes do sur (os Nguyen) renoméana Bac Thanh, destruíron as antigas fortificacións e mandaron erixir unha nova cidadela, cadrada con bastións segundo o tipo de Vauban [8][9].

En 1831 recibiu o nome de Ha Noi como capital provincial. Coa toma do Vietnam polos franceses no derradeiro cuarto do século Hanoi converteuse capital colonial (1884 de Tonkin, o norte, e 1902).

Capital da Indochina francesa[editar | editar a fonte]

Mapa de Hanoi, 1920.

A etapa colonial supuxo a modernización de Hanoi, con novas infraestruturas (estradas, ponte sobre o río Vermello, ferrocarril, etc.) e dotacións homologables ás dunha cidade occidental da época. Desenvolveuse unha extensión urbana de corte europeo ao sur da cidade histórica e do lago Hoan Kiem, que así ficou central na cidade contemporánea [10][11].

Pero tamén se decidiu a demolición das murallas da cidadela e a intervención no complexo palatino interior con destrucións indiscriminadas [12][13].

Capital de Vietnam[editar | editar a fonte]

En 1954, lograda a independencia, foi designada capital de Vietnam do Norte e en 1976, despois da guerra de Vietnam, cando soportou intensos bombardeos, capital do país unificado.

O crecemento intensificouse dende entón e acelerouse coa apertura económica do país nas últimas décadas [14][15]. Así, de 91 000 habitantes en 1961 Hanoi pasou a se converter nunha metrópole de máis de seis millóns con todas as características e problemas habituais nun desenvolvemento urbano tan precipitado [16].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Situación de Co Loa respecto ao asentamento posterior
  2. Planta de Co Loa
  3. Maqueta da cidadela de Co Loa (viettouch.com)
  4. Mapa antigo de Thang Long
  5. Mapa antigo de Dong Kinh
  6. Mapa da cidade real de Dong Kinh e a súa planta superposta na cidade actual [1]
  7. Esquema das diferentes extensións da capital nos séculos XV a XIX
  8. Mapa de Hanoi (Bac Thanh) ao comezo do século XIX coa nova cidadela [2][Ligazón morta]
  9. Recreacción a vista de paxaro da Hanoi do século XIX (nova cidadela e barrio artesanal e comercial) [3]
  10. Mapa de Hanoi antes das intervencións coloniais, 1873
  11. Mapa de Hanoi, 1915
  12. Mapa de Hanoi co ensanche europeo ao sur e as intervencións na cidadela, 1902 [4]
  13. Mapa de Hanoi en 1911 co progreso da cidade colonial[Ligazón morta]
  14. "Mapa da cidade en 1986". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2014. Consultado o 11 de xuño de 2011. 
  15. "Mapa do centro de Hanoi en 1992". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2014. Consultado o 11 de xuño de 2011. 
  16. Plan xeral da metrópole cara ó futuro[Ligazón morta]