Saltar ao contido

Historia de Buenos Aires

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Buenos Aires

Mapa de 1888.
Historia Buenos Aires
Relacionados
Historia Historia de Arxentina

A historia de Buenos Aires abrangue a historia da cidade de Buenos Aires. Esta foi fundada na desembocadura do Río da Prata o 2 de febreiro de 1536 polo conquistador Pedro de Mendoza. Bautizouna co nome de «Nuestra Señora Santa Maria del Buen Ayre», e despois Juan de Garay nomeouna «Santísima Trinidad y Puerto de Nuestra Señora del Buen Ayre».

Primeira fundación

[editar | editar a fonte]
Mapa de Buenos Aires poco despois da súa fundación.

En 1536, Pedro de Mendoza funda a cidade moi probablemente no actual Parque Lezama, por riba dun brazo do Riachuelo (hoxe barrio de Boca) na súa desembocadura no Río da Prata. Era unha posición ben defendible polas barrancas cara aos ríos que a arrodeaban. Os españois constrúen un forte moi precario en terra de 150 varas de lado e dous metros de alto, con foso e empalizada*.

Os constantes ataques dos indíxenas, enfermidades e falta de provisións fixeron inviable o asentamento que foi abandonado en 1541. Non quedan vestixios.

Segunda fundación

[editar | editar a fonte]

Pero a coroa española precisaba unha saída protexida da rexión interior ao Atlántico. Encomendouse a Juan de Garay a tarefa, e en 1580 a leva a cabo desta vez un pouco máis ao norte da anterior, sobre o Río da Prata.

O plan é prototípico das fundacións coloniais españolas. En dameiro con lotes ou mazás (cuadras) de 140 varas de lado deixando un baleiro para a praza maior onde se sitúan os edificios representativos dos poderes [1]. O forte, que comeza a se construír en 1595 colgando sobre o río [2]; a catedral (comezo das obras en 1602) no lado norte, e o cabido municipal no oeste [3].

Vicerreinado e independencia

[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento foi pequeno ata que en 1776, Buenos Aires é nomeada capital do Vicerreinado do Río da Prata. Dende o principio o porto habíase situado no Riachuelo e todos os intentos de construír peiraos no propio Río da Prata para grandes embarcacións co gallo do aumento de tráfico pola capitalidade non se levaron adiante durante o período colonial agás un embarcadoiro aos pes do forte, entre este e as Catalinas ao norte [4]. Había tamén unha alameda coma lugar de paseo [5].

A partir de 1810 Buenos Aires convértese en sede do goberno da nova nación. Pero non é ata a metade do século cando comezan os cambios urbanos: en 1853 derrúbase o vello forte e no seu soar construirase unha nova aduana semicircular (1855) que recibe aos viaxeiros e mercadorías chegadas por dos longos peiraos que penetran no río buscando calado [6]. A fachada da cidade complétase co Paseo de Xullo no lugar da antiga Alameda xunto ao río (actual av. Alem) [7]. No 1857 chega o ferrocarril.

Capital da República

[editar | editar a fonte]

O gran desenvolvemento da cidade, e da Arxentina, experimentado a fins de século ven da man da definitiva solución do seu status no país. En 1880 Buenos Aires convértese na capital da república coma distrito federal, cun considerable incremento da superficie administrada. Comeza entón unha época de construción de grandes infraestruturas e edificios representativos. Así, a primeira tarefa é a de deseñar un porto axeitado aos tráficos en continuo crecemento. O proxecto elixido, o de Porto Madero, afastará a cidade do río [8].

Ao mesmo tempo, aceptada a cuadrícula coma estrutura de expansión [9] para o grande incremento poboacional (inmigración europea sobre todo; gran continxente de galegos), vese necesario unha xerarquización das arterias da que aquela carecía ata entón. O modelo son os bulevares parisienses abertos por Haussmann unhas décadas antes. Comézase coa apertura da Avenida de Maio en 1894 entre a praza de Maio (vella praza Maior), onde eríxese a Casa do Goberno (Casa Rosada,1898) no soar do antigo forte, e a futura praza do Congreso co Capitolio lexislativo (1906).

Nas primeiras décadas do século XX ábrense co mesmo criterio as diagonais norte e sur dende Praza de Maio, unindo a primeira (1913-31) o poder executivo co xudicial da Corte Suprema e o Obelisco na Avenida 9 de Xullo (1937), unha das arterias máis anchas do mundo [10] que interxecta a todas as anteriores nun trazado paralelo ao curso do río e que se rematará xa nos anos sesenta. O Obelisco (1936) sitúase tamén no encontro desa avenida coa rúa Corrientes, que se anchea neses anos (1936), sendo unha das arterias vitais da metrópole. Dúas cuadras máis aló, cara ao norte, levántase o Teatro Colón (1908), un dos emblemas culturais de Hispanoamérica [11].

Xa en 1911 precísase unha ampliación portuaria, tal é o volume de tráfico acadado. Comezan para iso as obras do Porto Novo ao norte de Porto Madero [12]. No 1914 inaugúrase a primeira liña de metro de Suramérica.

Despois da IIGM a situación segue a ser a dunha grande afluencia poboacional (esta vez do rural do país) pero sen a situación económica boiante da primeira metade do século. O resultado, a aparición das aquí chamadas "vilas miseria", poboados chabolistas tan características das grandes metrópoles en Latinoamérica.

Nos últimos anos, estase a facer a completa rehabilitación de Porto Madero coma lugar de lecer, residencial e dotacional; e a recuperación da achegada marisma ata o río coma zona verde e reserva ecolóxica [13].

  1. [1] e [2]
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2007. Consultado o 19 de novembro de 2007. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2007. Consultado o 20 de novembro de 2007. 
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2007. Consultado o 19 de novembro de 2007. 
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2012. Consultado o 17 de xullo de 2012. 
  6. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2007. Consultado o 20 de novembro de 2007. 
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2015. Consultado o 20 de novembro de 2007. 
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2015. Consultado o 20 de novembro de 2007. 
  9. [3]
  10. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2014. Consultado o 21 de novembro de 2007. 
  11. [4]
  12. [5][Ligazón morta]
  13. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2008. Consultado o 23 de novembro de 2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]