Hidrograma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O hidrograma é un gráfico que mostra a variación no tempo dalgunha información hidrolóxica tal como o nivel da agua, o caudal, a carga de sedimentos... para un río, un regato ou unha canle. Tipicamente representa o caudal fronte ao tempo. Isto é equivalente a dicir que é o gráfico da descarga (L3/T) dun fluxo en función do tempo. Estes poden ser hidrogramas de tormenta e hidrogramas anuais, os que á súa vez se dividen en perennes e intermitentes.

Permite observar:

  • As variacións na descarga a través dunha tormenta ou a través do ano hidrolóxico
  • O pico de escoamento (caudal máximo da avenida).
  • O fluxo de base ou achega das aguas subterráneas ao fluxo.
  • As variacións estacionais dos caudais se se grafica nun período de tempo dun ou varios anos.

Os hidrogramas son útiles, entre outras cousas, para comparar os tempos de descarga e caudais pico de varias correntes ou cuncas hidrográficas, para así coñecer as diferenzas entre as súas capacidades de resposta ante avenidas.

Tipos[editar | editar a fonte]

Exemplo dun hidrograma unitario (en castelán)

Hidrograma unitario[editar | editar a fonte]

É a curva básica de resposta a unha unidade de precipitación que describe a forma na que unha cunca devolve un ingreso de choiva distribuído no tempo. Baséase no principio de que a dita relación entrada-saída é lineal, é dicir, que poden sumarse linealmente. Constrúese con base nun "Hidrograma en S", que, á súa vez, se constrúe detallando varias tormentas e os seus hidrogramas reais producidos.

Os seguintes pasos utilízanse na aplicación do método do hidrograma unitario:

  • Síntese dunha choiva de deseño, a partir dunha análise de intensidade-duración-frecuencia de chuvascada de curta duración.
  • Determinación dun índice de infiltración característico da cunca.
  • Cálculo da choiva de exceso a partir da choiva total de deseño e da infiltración esperada.
  • Determinación do hidrograma unitario da cunca.
  • Aplicación da choiva de exceso ao hidrograma unitario.
  • Interpretación dos resultados para estimar o caudal pico de crecente.

O método está limitado a cuncas homoxéneas.

Cálculo dun hidrograma[editar | editar a fonte]

Para o cálculo dun hidrograma unitario, que é unha constante da cunca e representa o efecto de todos os factores físicos que a caracterizan, e debido á inexistencia de medias de caudal na cunca, óptase por utilizar un método sintético de cálculo, exactamente o método de Mockus.

Hidrograma Sintético[editar | editar a fonte]

É un hidrógrama unitario estimado con base en fórmulas que inclúen parámetros físicos da cunca en estudo como área, lonxitude do leito principal, pendente media e outros. Son os hidrogramas sintéticos máis coñecidos o triangular do USDA, o de Schneider e o de Clark.