Hereford (vaca)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un exemplar de hereford pacendo

A hereford é unha raza de vacún orixinaria de Inglaterra e unha das máis populares do planeta. É unha raza especializada fundamentalmente na produción de carne.

Características[editar | editar a fonte]

A hereford é unha vaca robusta e de gran tamaño, de cor rubia escura e con cornos. De feito, existe unha mellora xenética da hereford, a hereford mona, caracterizada precisamente por carecer de corna. A hereford ten a cara branca, pero tamén son brancas as patas, a liña do ventre e a agulla.

Un exemplar de vaca hereford móvese entre os 800 e os 900 kg, e ao redor de 140 cm de altura. O boi colócase entre os 1.000 e os 1.300 kg, cunha altura de 150 cm, pero téñense rexistrado exemplares de boi hereford de ata 1.770 kg (1839). Con todo, a mellora xenética buscou exemplares macho máis lixeiros e máis eficaces.

Historia[editar | editar a fonte]

Un boi hereford nunha feira gandeira en Dunblane.

Crese que a hereford ten orixe nunha pequena vaca rubia británica e do seu cruce con bois galeses brancos que vivían ceibos nas estremas entre Gales e Inglaterra. A raza hereford foi a primeira en ser recoñecida como tal, e aparece citada con ese nome en 1627. Era un tipo de vacún que se alimentaba unicamente de herba e que proporcionaba unha boa carne no contorno do condado de Herefordshire, no oeste de Inglaterra. Xa antes do século XIX algúns exemplares de hereford foran exportados a Irlanda coa idea de crear un armentío de seu naquela illa. A exportación aos Estados Unidos comezou en 1817. O primeiro libro de rexistro foi creado en Hereford en 1846, pero o oficial non chegaría ata 1887.

Rendibilidade[editar | editar a fonte]

Orixinaria do condado inglés de Herefordshire, a hereford é a vaca máis común na zona temperada de Australia, e é tamén altamente popular no suroeste dos Estados Unidos, así como no centro e no leste de Arxentina e en Uruguai. É tamén a raza con máis criadores en Nova Zelandia. En Rusia hai dous millóns de cabezas de hereford.

A carne da hereford é de excelente calidade, e o seu traballo máis dócil e cómodo có doutras razas de carne, como a angus. Dá unha carne con frebas brancas, moi boa para a súa preparación en churrascos. As vacas poden producir becerros ata os 15 anos e os bois son fértiles ata os 12.

Existen 28 sociedades de criadores de hereford. A asociación de criadores de hereford de España ten a súa sede na Coruña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Hereford

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]