Henrique Otero
Henrique Otero | |
---|---|
Nacemento | 20 de xuño de 1930 |
Lugar de nacemento | Lavadores |
Falecemento | 18 de abril de 2013 |
Lugar de falecemento | Vigo |
Nacionalidade | España |
Ocupación | gaiteiro e profesor de música |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Henrique Otero Covelo, máis coñecido coma O Gaiteiro de Fragoso, nado en Santa Cristina de Lavadores, Vigo, o 20 de xuño de 1930 e finado en Vigo o 18 de abril de 2013, foi un gaiteiro e mestre de gaita galega.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Realizou todos os seus estudos no grupo escolar creado por Ramón Nieto Otero no concello de Lavadores. Desde os dez anos estudou solfexo e o emprego de diferentes instrumentos musicais, entre eles a gaita, incorporándose á Banda Municipal de Vigo no ano 1946. No ano seguinte, comezou a tocar tamén como gaiteiro no grupo de danzas da Sección Femenina e no 1949 trasladouse a Madrid onde fixo parte da banda de gaiteiros do ministerio do Exército e do grupo de coros e danzas do Centro Galego de Madrid. Regresou a Galicia no ano 1953.
En 1971 converteuse no primeiro mestre gaita no Conservatorio de Vigo, logrando que o Ministerio de Educación recoñecese o estudo oficial da gaita galega. Publicou, como material para as aulas, o que foi o primeiro método para a aprendizaxe do instrumento: Leccións de Gaita editado pola editorial Galaxia. Abandonou o conservatorio de Vigo no ano 1983, por incompatibilidade co seu posto na banda de música municipal, pasando a impartir aulas no conservatorio de Ponteareas.
Durante a súa carreira compuxo máis de trescentas obras, mestura da tradición e da busca de novas posibilidades para o instrumento,[1] formando parte, desde a década de 1960, do grupo Os Cruceiros, co que gravou cinco discos, catro singles e un L.P. Concedéuselle a medalla Constantino Bellón en homenaxe á súa carreira.
Discografía[editar | editar a fonte]
- Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso (Boa Music, 2001) contén quince das súas composicións orixinais.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Vieiros: Galiza Hoxe - Homenaxe ao Gaiteiro do Fragoso, un dos principais mestres da gaita". www.vieiros.com. Consultado o 2021-06-18.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Otero Covelo, Henrique (1992). "Datos biográficos do gaiteiro de Fragoso" (PDF). Anuario da gaita (Deputación de Ourense) (7): 23–24. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de xuño de 2021. Consultado o 27 de xuño de 2021.