Hell é un filme postapocalíptico xermano-suízo dirixido por Tim Fehlbaum[1][2] que se estreou no 2011. Conta a historia dun grupo de superviventes nunha Alemaña desolada do 2016, cando os raios solares destruíron a atmosfera da Terra e incrementaron as temperaturas 10°C.
Logo de que o Sol convertese ó mundo enteiro nun deserto caloroso e estéril os humanos restantes loitan desesperadamente por sobrevivir. Marie, a súa irmá máis nova Leonie e Phillip diríxense ás montañas no seu coche cos vidros polarizados. Rumoréase que alí aínda é posible atopar auga. No camiño, encóntranse con Tom, que resulta ser un bo mecánico e convértese nun membro máis do grupo. Malia todo, nin Phillip nin Marie confían nel e teñen pensado abandonalo en canto poidan. Durante a súa viaxe caen nunha emboscada dun grupo que caza persoas, coa cal comeza a verdadeira batalla pola supervivencia.