HAL Light Combat Helicopter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
HAL Light Combat Helicopter
LCH TD2.jpg
helicóptero de ataque
FabricanteHindustan Aeronautics Limited
Primeiro voo29 de marzo de 2010
Unidades construídas4

O HAL Light Combat Helicopter (LCH) é un helicóptero multirol de combate indio desenvolvido e fabricado polo construtor aeronáutico Hindustan Aeronautics Limited (HAL). O aparello foi pedido tanto pola Forza Aérea da India como polo Exército da India. O modelo tamén intenta ser vendido no mercado de exportación e dende 2015 HAL está buscando clientes estranxeiros para o LCH.

O ímpeto polo desenvolvemento do LCH chegou na forma da guerra de Kargil, un conflito loitado entre a India e Paquistán en 1999, que revelou que as forzas armadas indias carecían dun helicóptero armado axeitado capaz de operar sen restricións nun teatro a gran altitude. En consecuencia, tanto HAL como as forzas armadas indias comezaron a explorar esforzos cara a definición dun helicóptero de combate conceptual que realizase ese papel. Durante o ano 2006 a compañía anunciou que lanzara un programa de desenvolvemento para producir ese tipo de helicóptero ao que chamaron simplemente Light Combat Helicopter. Orixinalmente agardábase que o LCH alcanzase a capacidade operativa inicial en decembro de 2010, porén, o desenvolvemento do tipo prolongouse e estivo suxeito a varios atrasos, algúns deles debido aos provedores.

O LCH baseouse amplamente nun helicóptero indio anterior desenvolvido e fabricado por HAL, o Dhruv; usar este aparello como punto de partida reducíu considerablemente o custo do programa. O 29 de marzo de 2010 o primeiro prototipo do LCH realizou o seu voo de estrea. Realizouse un extensivo programa de probas, usando un total de catro prototipos. Durante o transcurso desas probas o LCH gañou a distinción de ser o primeiro helicóptero de ataque en aterrar no glaciar de Siachen, aterrando repetidas veces en helipads a gran altitude, algúns deles a máis de 4 000 metros. A mediados de 2016 o LCH completou as súas probas de rendemento abrindo o camiño para a certificación da súa configuración básica. O 26 de agosto de 2017 inaugurouse formalmente a súa produción a gran escala.