Grande Atractor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista panorámica do ceo completo en infravermello próximo. A situación do Grande Atractor localízase seguindo a frecha azul longa do fondo á dereita.
Imaxe do telescopio Hubble da rexión do ceo na que se localiza o Grande Atractor

O Grande Atractor é unha anomalía gravitatoria que se encontra no espazo intergaláctico no centro do proposto Supercúmulo Laniakea, que indica a existencia dunha concentración de masa localizada que é decenas de miles de veces máis masiva que a Vía Láctea. Esta masa é observable polo seu efecto no movemento das galaxias e os seus cúmulos asociados nunha rexión de centos de millóns de anos luz de lonxitude. O Grande Atractor está movéndose cara ao Supercúmulo de Shapley.[1] Recentes estudos astronómicos revelaron a existencia dun novo supercúmulo de galaxias, denominado Supercúmulo de Vega, na localización onde teoricamente debería estar o Gande Atractor[2].

Estas galaxias presentan todas desprazamento ao vermello, de acordo co fluxo de Hubble, o que indica que están afastándose de nós e unhas doutras, mais as variacións no seu desprazamento ao vermello son suficientes para revelar a existencia dunha anomalía. As variacións nos seus desprazamentos ao vermello son coñecidas como velocidades peculiares, e cobren un rango duns +700 km/s a −700 km/s, dependendo da desviación angular con respecto á dirección do Grande Atractor.

Localización[editar | editar a fonte]

As primeiras indicacións da desviación da expansión iuniforme do Universo obtivéronse en 1973 e de novo en 1978. A localización do Grande Atractor determinouse finalmente en 1986: está situado a unha distancia entre 150 e 250 millóns de anos luz (47–79 Mpc) (a última cifra é a estimación máis recente) da Vía Láctea, na dirección das constelacións Triangulum Australe e Norma.[3] Aínda que os obxectos situados nesa dirección sitúanse na chamada Zona de Evitación (a parte do ceo nocturno escurecida pola Vía Láctea) e son por iso difíciles de estudar con lonxitudes de onda visibles, as observacións de raios X revelaron que esa rexión do espazo está dominada polo cúmulo de Norma (ACO 3627),[4][5] un cúmulo masivo de galaxias no que predominan grandes galaxias vellas, moitas das cales están colisionando coas súas veciñas e radiando grandes cantidades de ondas de radio.

Debate sobre a súa masa aparente[editar | editar a fonte]

En 1992, gran parte dos sinais aparentes do Grande Atractor eran atribuídos ao efecto do nesgo de Malmquist.[6] En 2005, os astrómonos realizaron un exame de raios X dunha parte do ceo coñecido como proxecto dos cúmulos da Zona de Evitación (ou CIZA, do inglés Clusters in the Zone of Avoidance) e informaron que o Grande Atractor tiña en realidade só unha décima parte da masa que os científicos inicialmente estimaran. Este estudo tamén confirmou teorías anteriores como que a Vía Láctea está sendo atraída cara a un cúmulo de galaxias moito máis masivo preto do Supercúmulo de Shapley, que se encontra máis alá do Grande Atractor, e que se chama atractor de Shapley.[7]

Fluxo escuro[editar | editar a fonte]

Un termo que se ten utilizado ás veces en relación co Grande Atractor é o de "fluxo escuro'". O fluxo escuro en astrofísica describe un posible compoñente non aleatorio da velocidade peculiar duns cúmulos de galaxias. A velocidade medida é a suma da predita pola lei de Hubble sumada a unha posible e inexplicada pequena velocidade "escura" que flúe nunha dirección común á dos cúmulos galácticos.

Supercúmulo Laniakea[editar | editar a fonte]

Propúxose a existencia do Supercúmulo Laniakea, definido como a cunca do Grande Atractor, que comprende os anteriormente definidos supercúmulos de Virgo e Hydra-Centaurus. Deste xeito, o Grande Atractor sería o núcleo dun novo supercúmulo.[8]

Supercúmulo de Vela[editar | editar a fonte]

En 2016, un equipo multinacional de astrónomos surafricanos, europeos e australianos dirixidos polo astrónomo australiano Renée C. Kraan-Korteweg anunciou o descubrimento dun novo supercúmulo de galaxias, denominado Supercúmulo de Vega, que explicaría ben a identidade do misterioso Grande Atractor. Usando datos do espectrógrafo AAOmega, o Telescopio anglo-australiano de 3.9 m e o Gran Telescopio surafricano, detectaron unha rexión de sobredensidade galáctica consistente coa designación de "supercúmulo", que proporciona a explicación requirida para unha anomalía gravitatoria na veciñanza do supercúmlo de Shapely, onde se teoriza que está localizado o Grande Atractor.[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "What Is The Great Attractor? - Universe Today". Universe Today. 
  2. 2,0 2,1 Kraan-Korteweg, Renée C. (2016-11-08). "Discovery of a supercluster in the ZOA in Vela". Monthly Notices of the Royal Astronomical Society 466 (1): L29–L33. doi:10.1093/mnrasl/slw229. Consultado o 29 December 2017. 
  3. "NASA - Hubble Focuses on "the Great Attractor"". Nasa.gov. 2013-01-18. Consultado o 2015-06-02. 
  4. "[astro-ph/0006199] Galaxies behind the Milky Way and the Great Attractor". 
  5. "NASA's Ask an Astrophysicist: The Great Attractor". Imagine.gsfc.nasa.gov. Consultado o 2015-06-02. unha teoría afirma que o Grande Atractor é un supercúmulo (posiblemente o Supercúmulo de Shapley), "e Abell 3627 está preto do seu centro." 
  6. "A general analytical solution to the problem of Malmquist bias due to lognormal". Adsabs.harvard.edu. 1992-06-01. Bibcode:1992ApJ...391..494L. Consultado o 2015-06-02. 
  7. "X-rays Reveal What Makes the Milky Way Move". Ifa.hawaii.edu. 2006-01-11. Consultado o 2015-06-02. 
  8. Tully, R. Brent; Courtois, Helene; Hoffman, Yehuda; Pomarède, Daniel (2 September 2014). "The Laniakea supercluster of galaxies". Nature (4 September 2014) 513 (7516): 71–73. Bibcode:2014Natur.513...71T. PMID 25186900. arXiv:1409.0880. doi:10.1038/nature13674. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]