Gramófono
O gramófono (do grego: gramma escritura; fono son) foi o primeiro sistema de gravación e reprodución de son que utilizou un disco plano, a diferenza do fonógrafo, que gravaba sobre un cilindro. Así mesmo, foi o dispositivo máis común para reproducir son gravado desde a década de 1890 até finais da década de 1980. Foi patentado en 1888 por Emile Berliner.
Principio de funcionamento
[editar | editar a fonte]O gramófono de Berliner consta dun prato xiratorio, un brazo, unha agulla ou puga, parecidos aos dos tocadiscos, e unha bucina, ou un amplificador nos modelos eléctricos que xurdiron despois de 1925. Un motor de corda ou, posteriormente, eléctrico, fai xirar o prato a unha velocidade constante de 78 RPM.
O gramófono utiliza un sistema de gravación mecánica analóxica no cal as ondas sonoras son transformadas en vibracións mecánicas, que fan mover unha puga que traza sucos que conforman unha espiral, sobre a superficie dun disco metálico, que foi tratado quimicamente. En forma inversa, ao percorrer unha puga o suco dun disco de material termoplástico que xira no prato do dispositivo, xéranse vibracións mecánicas que se transforman en son que é emitido pola bucina.
O gramófono acabou impoñéndose sobre o fonógrafo polo menor custo de produción das gravacións destinadas a este dispositivo, dado que a partir dun único molde orixinal podían realizarse miles de copias. O fonógrafo só podía realizar unha única toma de son por cada representación orixinal. Por iso, cando se ía realizar unha gravación, dispoñíanse múltiples fonógrafos.
Non obstante, o fonógrafo tiña unha vantaxe con respecto ao gramófono: os usuarios podían gravar os seus propios cilindros, con música ou voces. Esta posibilidade tiña múltiples aplicacións que nin o gramófono nin o disco de vinilo posterior permitiron, e que se encontraron dispoñibles novamente coa aparición dos gravadores de arame metálico, de cintas magnéticas (de carrete aberto e casete) e os dispositivos dixitais (computadores equipados con circuítos de son e gravadores dixitais portátiles).
Gramófonos a aire quente
[editar | editar a fonte]O "Maestrophone" fabricado pola empresa Paillard, en lugar de usar un motor de corda de reloxo, viña equipado cun motor de aire quente. Cando se comercializaron estas máquinas, por 1910, os motores de aire quente levaban case un século funcionando, xa que foran patentados por Robert Stirling. A súa efectividade demostrárase particularmente en máquinas de pequena potencia, como esta, que requirían así mesmo fontes de calor pequenas. Os gramófonos operados por este sistema foron útiles, en especial para as salas de baile, xa que cunha soa carga de alcohol obtíñanse até doce horas ininterrompidas de funcionamento. A pesar de que a caixa deste gramófono tiña tres caras de cristal para poder vixiar o funcionamento do aparato, foron moitos os gramófonos deste tipo que se queimaron por fallos no sistema ou polo mal uso do usuario, polo que na actualidade consérvanse pouco máis dunha ducia en todo o mundo. En España comercializáronse estas máquinas co nome de "motofón".
Gramófono "Le Violon qui chante"
[editar | editar a fonte]En 1903, o fabricante de instrumentos musicais de corda Reginald Herbert Payne e o enxeñeiro Thomas Broadvent, patentaron un gramófono cun brazo reprodutor e altofalante amplificador que eran propiamente un violín. Segundo eles era, a mellor caixa de amplificación que o ser humano creara, polo tanto a súa capacidade para reproducir música sería superior á da dunha bucina cónica. A agulla de lectura ía montada sobre a ponte do violín.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gramófono |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Curiosidades: Gramófonos y violines Arquivado 18 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
- Berliner: el gramófono