Garland é unha cidade localizada no condado de Dallas no estado estadounidense de Texas. No censo de 2010 tiña 226.876 habitantes e era a 87ª cidade máis poblada dos Estados Unidos de América, a 12ª do Estado de Texas.
En 1850, os inmigrantes comezaron a chegar a esta área, pero non foi ata 1874 cando se formou unha comunidade. Nesta época apareceron dúas comunidades chamadas Embree e Duck Creek, que posteriormente se converteron noutra comunidade que lle dá o nome a esta cidade, Garland (Grilanda). En 1920, os traballadores que vivían na cidade financiaron unha planta de xeración eléctrica, Garland Power & Light, que aínda está activa na actualidade. Arredor de 1930 creáronse diversas empresas e na segunda guerra mundial establecéronse varias factorías de avións nesta zona. En 1950 a poboación en Garland superaba os 10.000 habitantes e seguiu medrando ata acadar en 1980 os 138.000 habitantes.
Garland forma parte dunha rexión húmida subtropical na que o mes máis quente é xuño (44°C) e o máis frío xaneiro (-19°C), e o mes en que hai máis precipitacións é maio.
Ao longo da súa historia, Garland foi crecendo como cidade grazas a distintas empresas e actualmente aínda está activa unha delas, Kraft Foods. Tamén houbo outra empresa moi importante e que aínda hoxe fabrica sombreiros, Resistols Hat.
Garland Independent School District, GISD (Distrito Escolar Independente de Garland) xestiona os colexios e as universidades que hai nesta cidade. Dende novembro do 2006 o GISD tiña 52.391 estudantes e 3.236 profesores, cunha media aproximada de 16 alumnos por profesor.