Funcións executivas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As funcións executivas compoñen un conxunto de procesos cognitivos encargados de controlaren e supervisaren outros procesos. É un "termo paraugas", que engloba diversidade de procesos relacionados coa conduta consciente e planificada dirixida a metas, ás respostas nas situacións novas ou difíciles, e á capacidade de inhibir as condutas que nos afastan do obxectivo perseguido, polo que se refiren ao necesario para o control deliberado do pensamento, das emocións e da accións [1] Os primeiros autores en se referiren a eles foron Luria e Lezak, tamén se denominaron en ocasións como control executivo, control cognitivo ou sistema atencional supervisor (SAS).

Papel que desenvolven[editar | editar a fonte]

Suponse que as funcións executivas están intensamente implicadas no manexo de situacións nas que non é posible empregar os procesos psicolóxicos "automatizados" mediante a aplicación de esquemas pre-aprendidos. Os psicólogos Don Norman e Tim Shallice sinalaron varios tipos de situacións nas que a activación de rutinas non serían suficientes para unha actuación axeitada[2].

  • Cando hai que planificar ou tomar decisións.
  • Cando hai que corrixir erros ou problemas xurdidos.
  • En situacións nas que se require unha resposta que contén un conxunto de accións novidosas.
  • Cando hai unha dilación temporal entre os elementos da secuencia da conduta.
  • En situacións que implican perigo ou dificultade.
  • En situacións nas que se require evitar unha resposta que é moi habitual ou prepotente.

As funcións executivas son frecuentemente empregadas cando é preciso inhibir unha resposta facilmente elicitada de maneira automática polos estímulos externos. Por exemplo, cando se presenta un estímulo reforzante (p.ex. un anaco de tarta) a persoa pode ter a resposta automática de coller un anaco. Porén, se esa conduta entra en conflito con plans internos (como manter unha dieta de adelgazamento), as funcións executivas inhibirán tal resposta.

O mecanismo neural polo que as funcións executivas son implementadas é un asunto de debate actual no eido da neurociencia cognitiva. Tradicionalmente houbo un forte interese polos lóbulos frontais, procedente do eido das lesións cerebrais, nas que o dano frontal se asociaba frecuentemente con síntomas de disfunción executiva. Mais algunhas investigacións recentes sinalan que a distribución cortical das mesmas é máis extensa[3].

Perspectiva histórica[editar | editar a fonte]

Aínda que a investigación sobre as funcións executivas e a súa base neural se desenvolveu de maneira espectacular nos últimos trinta anos, a súa orixe non é recente. Descricións históricas de casos de lesións como o de Phineas Gage [4] foron seguidos ao longo do século XX por traballos como os do neuropsicólogo ruso Alexander R. Luria, quen propuxo os lóbulos frontais como a base neural da programación e regulación do comportamento [5].

Nos anos cincuenta o psicólogo británico Donald Broadbent diferenciou entre procesos "automáticos" e "controlados" (unha distinción xa vista nos traballos de William James a finais do século XIX, e que sería estudada con maior profundidade por Richard Shiffrin and Walter Schneider nos anos setenta)[6]. En 1975, o estadounidense Michael Posner empregou o termo "control cognitivo" e o catalán Joaquin Fuster publicou o seu influente libro The Prefrontal Cortex[7]. O neuropsicólogo británico Tim Shallice suxeriu a existencia dun "sistema de supervisión" encargado da regulación da atención, que pode pasar por alto respostas automáticas a prol de intencións ou plans previos.[8]

O psicólogo inglés Alan Baddeley propuxo tamén un concepto semellante, denominado executivo central, como parte do seu modelo de Memoria de Traballo[9]; mentres que Bruce Pennington e Sally Ozonoff investigaron o papel do funcionamento executivo en condicións psicopatolóxicas do desenvolvemento como o autismo ou o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade[10]

O modelo de Miller & Cohen (2001)[editar | editar a fonte]

Máis recentemente, en 2001, Earl Miller e Jonathan Cohen publicaron un artigo no que describían un modelo teórico integrador do funcionamento do córtex prefrontal (CPF). No mesmo propoñen que a función principal do CPF é o control cognitivo, e que este se acada mediante o mantemento de patróns de actividade neural que representan metas e os medios para acadalas, e que proporcionan sinais a outras estruturas cerebrais co que se regula a súa actividade de xeito que exerza como guía entre a información entrante, os estados internos e as respostas necesarias para executaren unha tarefa dada.[11]

Consonte o modelo de Miller e Cohen o CPF pode exercer control sobre as neuronas de input (sensoriais) ou de output (resposta), así como sobre os elementos implicados na memoria ou na emoción. O control cognitivo está mediatizado pola conectividade do CPF coas cortizas sensorial e motriz e co sistema límbico. Dentro deste enfoque, xa que logo, o termo, control cognitivo aplícase a calquera situación na que un sinal determinado sexa promocionado sobre os outros para promover unha resposta apropiada á tarefa en curso, polo que o control se converte nun compoñente crucial dun amplo rango de construtos psicolóxicos como a atención selectiva, o control dos erros, a toma de decisións ou a inhibición de respostas.

Estrutura das funcións executivas[editar | editar a fonte]

Varios dos modelos sobre o funcionamento executivo (como o de Miller e Cohen, o SAS de Norman e Shallice, ou o executivo central de Baddeley) supoñen que este ten un carácter unitario; no entanto os datos procedentes de pacientes con lesións frontais encaixan con dificultade nesta conceptualización unitaria do sistema de control executivo: algúns pacientes tenden a ter dificultades nalgunhas tarefas e non noutras, mentres que, noutros, o perfil é diferente. Desta maneira, aínda que existe certo carácter unitario no funcionamento do CPF, dáse tamén especialización rexional dentro do mesmo [12] Os resultados sinalan, polo tanto, a existencia de déficits selectivos que suxiren que as funcións executivas poderían depender de varios procesos de control separables e que se poden especificar en termos cognitivos.

Nun estudo desenvolvido por Miyake e os seus colaboradores [13] concluíron que, aínda que o funcionamento executivo ten, en efecto, un certo carácter unitario, pódense identificar tres aspectos básicos diferentes no mesmo:

  • Inhibición das respostas dominantes (Inhibiting).
  • Actualización e monitorización das representacións na Memoria de Traballo (Updating).
  • Cambio entre tarefas ou conxuntos mentais (Shifting).

Evidencias experimentais[editar | editar a fonte]

As funcións executivas foron tradicionalmente difíciles de definir, debido ao que se denominou "baixa correspondencia entre proceso e conduta ".[14] É dicir, non existe unha conduta sinxela que sexa expoñente do funcionamento executivo, nin tampouco de disfunción executiva. Por exemplo é claramente obvio o tipo de dificultades que un paciente disléxico terá, mais non é tan obvio en que cousas presentarán dificultades os pacientes con disfunción executiva.

Isto ten estreita relación coa natureza das propias funcións executivas como elemento coordinador doutros recursos cognitivos, polo que as medidas que podemos obter sobre o seu funcionamento habitualmente están afectadas polo funcionamento deses outros procesos non executivos. Así mesmo, tamén resulta dificultoso estimarmos mediante situacións non reais (de laboratorio), as dificultades que as persoas con disfunción executiva experimentan só nas situacións da vida diaria. Como sinalou o neurólogo portugués António Damásio, un paciente con problemas executivos severos na vida diaria pode, non entanto, realizar con éxito probas de papel e lapis ou de laboratorio.[4]

Moito da evidencia experimental sobre as estruturas neurais implicadas nas funcións executivas procede de tarefas de laboratorio como o efecto Stroop ou a Tarefa de clasificación de tarxetas de Wisconsin (WCST). Na tarefa de Stroop, por exemplo, aos participantes pídeselles que nomeen a cor na que están escritas varias palabras, que son en si mesmas nomes de cores, e que en certos casos supoñen conflito (por exemplo, a palabra “VERMELLO” escrita con tinta azul). Para levar a cabo a tarefa con éxito, hai que inhibir a tendencia sobreaprendida e automática a ler as palabras (e responder, polo tanto, "vermello"), a favor da menos habitual tarefa de dicir o nome da cor na que a palabra está impresa. Moitos pacientes con dano frontal amosaron mal desempeño neste tipo de tarefas e estudos máis recentes con neuroimaxe funcional amosaron que dúas rexións do CPF son particularmente importantes na execución da tarefa Stroop: O córtex prefrontal dorsolateral (CPFDL) e o córtex cingulado anterior (CCA).

Nos últimos anos, o avance nas técnicas de neuroimaxe, así como da xenética molecular permitiron comezar a exploración dos vínculos xenéticos entre as funcións executivas e as variedades do xenes potencialmente implicados no seu desenvolvemento, o que permitirá no futuro descubrir os endofenotipos neuroanatómicos do funcionamento executivo. [15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Welsh, M.C. e Pennington, B.F. (1988). Assessing frontal lobe functioning in children: Views from developmental psychology. Developmental Neuropsychology, 4, 199–230.
  2. Norman, D.A. e Shallice, T. (1980). Attention to action: Willed and automatic control of behaviour. Oxford: Blackwell.
  3. Andrés, P.(2003). Frontal cortex as the central executive of working memory: time to revise our view. Cortex,39, 871-895.
  4. 4,0 4,1 Damasio A.R. (1994). Descartes' Error: Emotion, Reason and the Human Brain. N. York: GP Putnam's Sons.
  5. Luria, A. R. (1066). Higher cortical functions in man, London, Tavistock Publications,1966.
  6. Shiffrin, R.M. e Schneider, W. (1977). Controlled and automatic human information processing: II: Perceptual learning, automatic attending, and a general theory. Psychological Review, 84, 127–190.
  7. Fuster, J.M. (1980). The Prefrontal Cortex: Anatomy, Physiology, and Neuropsychology of the Frontal Lobe. New York: Raven Press.
  8. Shallice, T. (1988). From neuropsychology to mental structure. Cambridge, UK: Cambridge University Press.
  9. Baddeley, A.D.(1986). Working memory. Oxford, UK: Clarendon Press.
  10. Pennington, B. F. e Ozonoff, S. (1996). Executive functions and developmental psychopathologies. Journal of Child Psychology and Psychiatry Annual Research Review, 37, 51-87.
  11. Miller, E.K. e Cohen, J.D. (2001). An integrative theory of prefrontal cortex function. Annual Review of Neuroscience, 24, 167–202.
  12. Royall, D.R., Lauterbach, E.C., Cummings, J.L., Reeve, A., Rummans, T.A., Kaufer, D.I., LaFrance, W.C. e Coffey, C.E. (2002). Executive control function: A review of its promise and challenges for clinical research. Journal of Neuropsychiatry and Clinical Neurosciences, 14, 377–405.
  13. Miyake, A., Friedman, N.P., Emerson, M.J., Witzki, A.H., Howerter, A. e Wager, T.D. (2000). The unity and diversity of executive functions and their contributions to complex ‘‘frontal lobe’’ tasks: a latent variable analysis. Cognitive Psychology 41, 49–100.
  14. Burgess, P.W. (1997). Theory and methodology in executive function research. En P.M.A. Rabbitt PMA, Methodology of frontal and executive function. East Sussex, UK: Psychology Press
  15. Greene, C.M., Braet, W., Johnson, K.A. e Bellgrove, M.A. (2007). Imaging the genetics of executive function. Biological Psychology, 79, 30 |issue=1}}