Saltar ao contido

Foguete sonda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un foguete Black Brant lanzado desde o complexo de Wallops.

Un foguete sonda é un foguete deseñado para levar instrumentos a bordo e facer medicións e experimentos científicos durante voos suborbitais. A altura típica que alcanzan os foguetes sonda está entre 48 e 145 km[1], que é a altura intermedia entre a que traballan os globos sonda e os satélites artificiais. A altura máxima á que poden chegar os globos é duns 40 km e a mínima dos satélites uns 120 km.[2] Algúns foguetes sonda son capaces de chegar a alturas de 1000 e 1500 km, como os Black Brant X e XII. Os foguetes sonda con frecuencia usan motores foguete sobrantes de material militar.[3]

Os elementos básicos dun foguete sonda son un motor foguete, habitualmente de propelente sólido, e unha carga científica.[3] Os foguetes sonda máis grande e que chegan a maior altura teñen dúas ou tres etapa para aumentar a súa eficiencia e capacidade de carga. A parte da traxectoria na que o foguete está en caída libre é unha traxectoria elíptica cun eixo maior vertical que fai que pareza que a carga se mantén flotando cerca do seu apoxeo. O tempo de voo medio adoita ser de menos de 30 minutos, e máis habitualmente entre 5 e 20 minutos.[2] O foguete consome o propelente da primeira etapa na primeira parte do voo, separándose e caend mentres a carga continúa a súa viaxe en arco e volvendo a terra mediante paracaídas.[3]

Os foguetes sonda teñen a vantaxe, para algunhas investigacións, do seu baixo custo[2], corto tempo de preparación (menos de seis meses en ocasións)[3] e a súa capacidade para facer experimentos en sitios inaccesibles a globos e satélites. Tamén se usan como bancos de proba para equipamento que vai usarse en misións espaciais.[2] Canto máis pequeno é un foguete sonda máis sinxelo é lanzalo desde localizacións temporais, permitindo estudos en áreas remotas ou desde o medio do océano se se lanza desde un buque.[4]

Aplicacións

[editar | editar a fonte]

Meteoroloxía

[editar | editar a fonte]

Pódense facer observacións meteorolóxicas a alturas de ata 75 km mediante foguetes sonda con radiosondas, recollendo datos como temperatura, presión, humidade, dirección e forza do vento e densidade do aire.

Investigación

[editar | editar a fonte]

Os foguetes sonda poden usarse para:

  • Investigacións en aeronomía, o estudo da parte superior da atmosfera.
  • Astronomía de raios X e ultravioleta, para o que se necesita estar por enriba da maior parte da atmosfera.
  • Investigacións en microgravedade, cuns minutos de ausencia de peso en foguetes lanzados a alturas duns poucos centos de quilómetros.
  • Estudos remotos de recursos terrestres para obter unha visión mediante sensores dunha determinada área xeográfica.[5]

Uso dobre

[editar | editar a fonte]

Dada a gran relevancia militar da tecnoloxía de mísiles balísticos sempre houbo unha relación próxima entre os foguetes sonda e os mísiles militares. É un caso típico de tecnoloxía de dobre uso que pode ser usada con fins tanto civís como militares. Durante a guerra fría, a República Federal de Alemaña cooperou neste tema con países que firmaran o Tratado de non proliferación de armas nucleares do momento, como o Brasil, a Arxentina ou a India.

  1. nasa.gov NASA Sounding Rocket Program Handbook, June 2005, p. 1
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "NASA Sounding Rocket Program Overview". NASA Sounding Rocket Program. NASA. 24 de xullo de 2006. Consultado o 10 de xullo de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Marconi, Elaine M. (12 de abril de 2004). "What is a Sounding Rocket?". Research Aircraft. NASA. Consultado o 10 de xullo de 2022. 
  4. "General Description of Sounding Rockets". Johns Hopkins University Sounding Rocket Program. Consultado o 10 de xullo de 2022. 
  5. Payne, B.R.; Baird, J.L. (1976). "Remote Sensing of Earth Resources Sounding Rocket Capabilities". Canadian Journal of Remote Sensing 2: 12–17. Bibcode:1976CaJRS...2...12P. doi:10.1080/07038992.1976.10854945. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]