Filosofía da educación
| Filosofía da educación | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||
A filosofía da educación é a rama da filosofía aplicada que investiga a natureza da educación, así coma os seus obxectivos e problemas. Tamén examina os conceptos e presuposicións das teorías da educación. Trátase dun eido interdisciplinario que parte de varios campos da filosofía e das ciencias, como a ética, a filosofía política, a psicoloxía e a socioloxía. Unha parte importante das súas teorías céntrase especificamente na educación nas escolas, mais tamén abarca outras formas de educación. As súas teorías adoitan dividirse en teorías descritivas, que ofrecen unha descrición neutral do que é a educación, e normativas, que investigan como se debería exercer a educación.
Os temas tratados pola filosofía da educación son moi variados. Algúns estudos ofrecen análises conceptuais de conceptos fundamentais da educación. Outros céntranse nos fins da educación, como a transmisión do coñecemento e o desenvolvemento de boas habilidades para razoar, xulgar e actuar. Un debate basilar en relación cos obxectivos epistémicos da educación é se esta debe centrarse na comunicación de crenzas verdadeiras ou, pola contra, na aprendizaxe de capacidades de razoamento e produción de saberes. Neste contexto, moitos teóricos destacan a importancia do pensamento crítico en oposición ao adoutrinamento. Outra discusión sobre o propósito da educación é se o principal beneficiario dos seus efectos é o estudantado ou a sociedade á que pertencen.
Outros debates máis específicos da filosofía da educación refírense aos contidos do currículo. Isto involucra as cuestións de se un tema debe ser ensinado, cando debería ensinarse e con que nivel de detalle (por exemplo, a educación sexual ou a relixión). Outras discusións céntranse nos contidos e metodoloxías usadas na educación moral, artística e científica. Algúns filósofos investigan a relación entre educación e poder, sobre todo en relación co poder empregado polos estados modernos para obrigar aos nenos e nenas a asistir á escola. Tamén se analizan problemas sobre a igualdade da educación e os factores que a ameazan, como a discriminación ou a desigualdade de recursos. Certos filósofos da educación promoven unha aproximación cuantitativa á investigación educativa, seguindo o exemplo das ciencias naturais, aplicando estudos experimentais. Outros prefiren unha visión cualitativa, cunha metodoloxía máis próxima á das ciencias sociais, que adoita dar preeminencia a estudos de caso individuais.
Varias escolas de filosofía desenvolveron as súas propias perspectivas sobre os principais temas da educación. Os existencialistas salientan o rol da autenticidade, namentres os pragmatistas acentúan a aprendizaxe activa e o descubrimento. O feminismo e o posmodernismo adoitan tentar revelar e poñer en dúbida os nesgos e formas de discriminación presentes nas actuais prácticas educativas. Outros movementos filosóficos inclúen o perenialismo, o clasicismo, o esencialismo, a pedagoxía crítica e o progresismo. A historia da filosofía da educación comezou no período antigo, mais só emerxeu como rama sistemática da filosofía na segunda metade do século XX.
Definición
[editar | editar a fonte]A filosofía da educación é unha rama da filosofía que examina a natureza, obxectivos e problemas da educación.[1][2][3][4] En canto tal, realiza as súas pescudas usando as mesmas metodoloxías que o resto de disciplinas filosóficas, como a filosofía da ciencia ou a do dereito.[5][6] Unha tarefa basilar da filosofía da educatión é explicitar as suposicións e mais os desacordos fundamentais do seu eido e avaliar os argumentos a favor e en contra das diferentes posturas.[1][5] A educación maniféstase en numerosos eidos. Xa que logo, o alcance e a influencia da filosofía da educación é notable, relacionándose con campos como a ética, a filosofía política, a epistemoloxía, a metafísica ou a filosofía da mente.[1][5][6] En consecuencia, as súas teorías adoitan formularse dende a perspectiva destas outras subdisciplinas.[2] Porén, este carácter interdisciplinario atrae tamén a investigadores de moi diversos ámbitos alleos á filosofía.[1][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Callan, Phillips & Siegel 2018.
- ↑ 2,0 2,1 Curren 1996.
- ↑ Siegel 2009.
- ↑ Noddings 1995, p. 1.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Siegel 2022.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Phillips 2010, pp. 3-20.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Callan, Eamonn; Phillips, D. C.; Siegel, Harvey (2018). "Philosophy of Education". The Stanford Encyclopedia of Philosophy (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2019.
- Curren, Randall (1996). "Education, Philosophy of". En Craig, Edward. Routledge Encyclopedia of Philosophy (en inglés). Routledge.
- Noddings, Nel (1995). Philosophy of Education (en inglés). Westview Press. ISBN 0-8133-8429-X.
- Phillips, D. C. (2010). "1. What is Philosophy of Education?". The SAGE Handbook of Philosophy of Education (en inglés). SAGE Publications. pp. 3–20. ISBN 978-1-84787-467-2. doi:10.4135/9781446200872.
- Siegel, Harvey (2009). "Introduction: Philosophy of Education and Philosophy". The Oxford Handbook of Philosophy of Education (en inglés). Oxford University Press.
- Siegel, Harvey (2022). "Philosophy of Education". Encyclopaedia Britannica (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo do 2022.
Este artigo sobre filosofía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |