Festa da Pita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


A Festa da Pita é o nome co que se denomina o Entroido do lugar de Eiroás (Cudeiro, Ourense). Chámase así en lembranza do emparellamento de dous viúvos que tivo lugar na segunda parte do século XX e que, conforme as e os informantes da zona, provocara sen querelo a celebración do Entroido naquel barrio durante dúas décadas. A noiva era alcumada a Pita, e de aí o nome da festa e dalgúns elementos que a rodean.

As Eiroás[editar | editar a fonte]

1742-51 - Memoria e minuta dos trastos e alfaias que quedan na casa de Eiroás.

A aldea de Eiroás sitúase ao norte da zona urbana do concello de Ourense e conserva unha identidade rural, procedente da idiosincrasia que posuía até hai poucos anos. Na década dos 60 do século XX, deixa de pertencer á parroquia de San Pedro de Cudeiro para formar parte da nova parroquia de Sta. Tereixiña. Os lugares do Val de Gola, o Val do Regueiro e As Eiroás articúlanse ao redor das propiedades da Casa das Eiroás, lindeira co pazo de Guizamonde cara o suroeste e co pazo de Souto de Rei cara o norte.

No aspecto patrimonial, á parte do propio Pazo das Eiroás (ou do Conde), reformado no século XIII, cabe salientar no barrio e na súa contorna o Castro do Val de Gola e un xacemento Paleolítico nas inmediacións do pazo. Ademais, no monte comunal que se atopa entre o barrio das Eiroás e a parroquia de Vilar de Astrés, podemos visitar a Necrópole de San Mamede, un conxunto de tumbas antropomorfas datadas entre os séculos VI e X, encravadas nun dos poucos espazos da cidade que conservan as distintas especies do bosque autóctono.

O "Carnaval de Eiroás"[editar | editar a fonte]

A mediados do século XX, o emparellamento de dúas persoas viúvas -Antonio Guimarey e Gumersinda de Benavides- deu orixe a unha festa, cando menos, singular. A tradición de facerlle unha cinzarrada ás persoas viúvas que voltaban a emparellar, víase aquí incrementada polo feito de estaren o Antonio e a Gumersinda na mesma condición. Seica acudían aos arredores da casa da parella (sita na actual praza das Eiroás) veciñas e veciños da contorna, reclamándolles o pagamento da festa. As informacións non son claras ao respecto sobre quen pagou, pero o caso é que si chegou a celebrarse unha pequena troula cuns gaiteiros e moita gana de festa. Esta coincidiu co Entroido e pasou a ser este núcleo un dos poucos lugares na cidade e arredores nos que se celebraba a festividade pagá que antecede á Coaresma. Naquela altura, a festa denominouse Carnaval de Eiroás e aínda que mudou as datas de celebración, adoitaba celebrarse na fin de semana "grande" do Entroido. Hai que lembrar, que desde o ano 1937, rexía unha prohibición sobre esta festa e sobre o feito de enmascararse, dependendo en boa medida da proximidade da garda-civil e aínda da complicidade da mesma. En certa medida, os entroidos populares sobreviviron entre intentos de suspensións e xogos de agachadas.

Pazo das Eiroás cara 1960

A festa, na honra da noiva, coñeceuse algún tempo como Festa da Pita, pois era o alcume da viúva protagonista, e celebrouse até comezos dos anos '70, esmorecendo pouco a pouco, aínda non sabemos ben porqué até -no ano 1999- a A VV rescatar da memoria aquela celebración a través dun proxecto de intervención socio-comunitaria a desenvolver en varios anos. Despois de recoller a información facilitada polas persoas participantes daquela cinzarrada que aínda estaban con vida, enmarcouse a nova festa dentro do ciclo tradicional do entroido, engadindo -nos anos posteriores- diversos contidos á festa, entre os cabe salientar unha representación teatral popular (que toma como base o que puido ser aquela cinzarrada) ou a creación dunha máscara propia que naceu coa intención de ser un dos símbolos do futuro barrio d’As Eiroás.

Os días da festa[editar | editar a fonte]

Veciña no Fareleiro

A festa dá comezo co Domingo Fareleiro (domingo de septuaxésima do calendario litúrxico e 2 domingos antes do Domingo de Entroido). Pola mañá, de cara ao mediodía, cólgase o Meco na farola da praza, dando por iniciado o ciclo do entroido no barrio das Eiroás e na cidade de Ourense. Xa de tarde, o farelo ocupa a praza, conformando un espazo de xogo/batalla amenizado con música, no que comezan a verse as primeiras mascaradas.

Nas 3 primeiras edicións, chegaron a celebrarse os Xoves de Compadres e Comadres xunto ao colexio das Eiroás na praza do barrio, desaparecendo posteriormente do programa por elección do propio centro de ensino, que preferiu celebrar estas datas dentro das súas instalacións.

Unha Pita e un veciño no Oleiro

A festa continúa coa celebración do Domingo Oleiro (domingo de sexuaxésima do calendario litúrxico e 1 domingo antes do Domingo de Entroido). O xogo das olas é o protagonista desta xornada (máis coñecida como Domingo Corredoiro no resto do país). O xogo consiste nunha roda de homes e/ou mulleres que van lanzándose unha ola dos uns para os outros tentando evitar que escache. Cando alguén non consegue apañala e deixa que caia no chan, perde. Ás veces, as olas van cheas de auga ou farelo. Segundo Taboada Chivite, este xogo era praticado na cidade de Ourense o Domingo Corredoiro e o Xoves de Comadres, de aí que nas Eiroás se adoitara a terminoloxía de Oleiro para designar a xornada. Tamén este día é o primeiro no que sae a Pita, a máscara do Entroido das Eiroás, encargada de baixar as olas á praza por volta das 5 da tarde e facer a primeira roda do xogo. A animación musical e a proximidade do Entroido xa deixa ver moita máis animación neste día.

O seguinte día da festa é o Sábado de Entroido, no que se leva a cabo un pequeno percorrido polo barrio, entre lusco e fusco, anunciando a chegada dos días grandes nas casas das veciñas e dos veciños.

Na fin de semana, as Pitas participan no pregón e no desfile do Entroido de Ourense, sendo as encargadas de abrilo desde a súa estrea, no ano 2002.

Pitas na Voda

E a festa remata coa celebración do Martes de Entroido. O día grande das Eiroás arrinca pola mañá cun folión que percorre o barrio anunciando con Pitas, gaiteiros, bombas e máscaras que chegou o día grande. Á 1 do mediodía ten lugar a Voda da Pita, o acto central da festa, unha representación popular satírica sobre o que puido ser a orixe da cinzarrada e -polo tanto- da celebración. Despois ten lugar un xantar popular na praza e xa de tarde, un baile de máscaras, con pasarelas de disfraces e moita animación, que decorre até a noite, momento no que se despide ao Entroido coa Queima do Meco.

A Voda da Pita[editar | editar a fonte]

Na segunda edición (2000) introduciuse a celebración dunha representación teatral popular que procuraba -nun ton satírico e desenfadado- lembrar a orixe daquela cinzarrada do pasado século. Até o 10º aniversario da festa, no ano 2008, a Voda da Pita era moito máis curta e tiña lugar ás 5 da tarde, abrindo o baile de máscaras vespertino e centrándose na orixe da cinzarrada con actores e actrices improvisadas/os. É apartir dese ano que muda a estrutura festiva do Martes, trasladando a Voda da Pita para a 1 do mediodía, introducindo un elemento gastronómico no programa da festa e prolongando, polo tanto, o programa festivo do día grande. Isto tamén trouxo canda si unha reforma no guión da Voda que fixo que esta medrara en tempo e en contidos, inserindo novos elementos satíricos sobre o acontecido no panorama social e político ao longo do último ano.

Na representación conviven 2 historias. Dunha parte, o emparellamento do Antonio e da Gumersinda, que deran orixe á nosa festa; e doutra, a análise con retranca do que pasou no último ano. Ademais, a estrutura do guión sempre contempla as mesmas partes, sendo común unha boa parte do texto en todas as edicións.

1º O narrador ou a narradora é quen sae primeiro á escena para adiantarnos o que alí vai pasar e situarnos naqueles anos nos que o Elvis facía bailar as parellas a ritmo de rock, Blanco Amor escribía A Esmorga e o Fraga bañábase en Palomares.

2º Un crego (habitualmente máis conservador) e unha monxa (tamén habitualmente, máis moderna), van dando entrada á cerimonia, aos noivos, Antonio e Gumersinda, que chega cunha pita nunha cesta, e as personaxes "convidadas" dese ano. A parella fala do seu amor, de como se coñeceron e de que queren iniciar unha nova vida en mutua compañía.

3º Lévase a cabo a voda, coas interrupcións necesarias se así o require a actualidade. Ao rematar, os noivos dan as grazas a todo o público pola súa asistencia e irrompe na escena unha veciña/o que, con coplas e aleccionando ao público asistente, reclama o pagamento da festa para celebrar esta unión.

4º Entra a Garda-civil en escena, tal e como contan que pasou en máis dunha ocasión na antiga festa. Nesta ocasión faino atendendo á chamada do crego e para deter a trifulca que se montou na praza. Despois dunha discusión entre a veciña e o garda, que non acaba de entender a retranca, increméntase o balbordo da cinzarrada poñendo nerviosa á autoridade, que dispara ao ceo mentres berra "Al suelo todo el mundo".

5º Irrompen as Pitas na escena, facendo soar as súas chocas, rodeando ao garda-civil e lanzando os seus ovos cheos de entroido, de penso e de alegría. Así é como as Pitas (que representan unha actualidade que devolve a autoridade ao pobo) neutralizan ao garda (que representa, coas súas formas, a outros tempos) reconciliando pasado e presente para construír un futuro común. No fin da obra, a persoa máis nova do elenco será a encargada de recoller a cesta coa pita que a noiva portara durante toda a celebración e recitar as coplas que levan pechando a Voda da Pita desde o primeiro ano:

NENA/O: Trinta anos agardou o pobo

a que alguén collera a cesta

Non permitades, veciños

que volte morrer a festa.

A máscara da Pita[editar | editar a fonte]

Máscara da Pita

Coa terceira edición (2001) chega a máscara da Pita. Unha carauta que aínda tería que agardar un ano para conformar a primeira saída da máscara completa no ano 2002.

A idea era crear unha máscara que representara nos anos vindeiros ao Entroido do barrio. Nacía a Pita co novo século e combinando o espírito entroideiro cunha homenaxe a aquela viúva que, sen querer, dera orixe á nosa festa máis querida.

A máscara ten dúas partes: o casco (feito á medida da persoa portadora) e o pescozo (realizado con medidas estándar).

O casco faise con vendas de estuque ou escaiola, empregando como molde a cabeza propia. Despois das capas suficientes e dos conseguintes modelados, engádense os picos laterais, o anterior e o posterior, líxase -de ser preciso- e píntase con arranxo ás seguintes indicacións: de xeito arlequinado en branco e negro, na parte dianteira e cun deseño libre na traseira que ten que gardar relación coa natureza ou co matrimonio.

O pescozo faise con papel-maché, seguindo as medidas estándar. Despois de estender a pasta de papel ao longo de todo o pescozo e de perfilar o que serán os papos e a crista da pita, engádense unhas plumas de feltro azuis, vermellas e amarelas, que dan colorido ao conxunto da máscara.

O traxe é unha vestimenta elegante (hai que lembrar que van “de voda”) que tenta mesturar as bases do traxe tradicional galego coas premisas entroideiras. Falamos pois, dunha chaqueta curta e dun pantalón curto negros sobre unha camisa e unhas medias de encaixe brancas, às que acompañan unhas polainas negras e diversos ornamentos. Dos brazos da chaqueta colgan sendas capas cheas de plumas de feltro azuis, vermellas e amarelas (a xogo coa máscara) rematadas por 4 puntas das que colgan cadanseu axóuxere. Os pantalóns tamén levan 6 axóuxeres (3 en cada perna) dos que colgan 4 fitas das mesmas cores empregadas no resto do traxe. A camisa é branca, sen pescozo, pois de aquí saen diversas fitas das 3 cores habituais. As medias son brancas de encaixe. As polainas son negras e tamén contan con 2 axóuxeres por perna e 4 fitas. Ademais, o traxe compleméntase con un cinto de coiro, do que colgan 17 chocas de 2 tamaños e cunha bolsa tamén de coiro na que as Pitas levan os ovos que lanzan a quen topan no camiño. No ombreiro dereito leva un broche ou perfura de coiro do que penduran outras fitas máis grosas e máis longas, que son as que indican a antigüidade de cada máscara. E na solapa esquerda da chaqueta, a única peza do traxe que pode levarse todo o ano: unha insignia de prata que representa a máscara da Pita.

Escolas amigas da Pita[editar | editar a fonte]

Desde o ano 2014, a Festa da Pita leva a cabo unha actividade de colaboración cos centros de ensino da cidade de Ourense. Consiste en visitar o centro presentando a festa e a máscara, amais de convidar ás/aos escolares a decorar unha parte das olas que se van xogar na xornada do Domingo Oleiro, na praza das Eiroás. A estes centros outórgaselles o recoñecemento de escolas amigas da Pita, porque ademais de coñeceren mellor a nosa festa, participan activamente na organización da mesma. Aquí pódese ver a listaxe das escolas amigas da Pita até a data de hoxe.

Estas actividades non teñen relación con outras colaboracións levadas a cabo tamén con centros de ensino, aos que visitamos ou facilitamos algunha máscara ou material. Estoutras colaboracións sempre son menor en número do que a Festa da Pita quixera atender, mais a humilde condición dunha pequena asociación cultural non permite gozar da dispoñibilidade temporal e dos recursos que foran desexables para atender ás numerosas solicitudes que chegan cada ano.

O broche de coiro[editar | editar a fonte]

O broche de coiro

Do ombreiro dereito do traxe da Pita sae un broche (ou perfura) de coiro que indica a antigüidade de cada máscara. No propio broche pode verse o logotipo da asociación e a data na que saíu por vez primeira vez unha máscara completa (2002). Da perfura penduran unhas fitas grosas de cores, representando cada unha delas o ano en que correu o entroido esa máscara en concreto. Así, levarán a branca as que correron o primeiro ano (2002), a azul as que o fixeron o propio no segundo (2003), a laranxa o terceiro (2004)... a marela as que correron no 2012 ou a prateada quen correron no ano 2022. Cada cor representa un feito ou reivindicación que a máscara da Pita quere lembrar sobre o ocorrido durante o ano anterior e -a maiores- inclúen as iniciais do nome das nenas e nenos que chegan ao mundo dentro da comunidade da Pita e unha lembranza tamén para as/os membros da comunidade que deixan o mundo. É todo un carnet de identidade de cada máscara cheo de contido e colorido. Aquí pódese ver o significado de todas as cores.

Carteis de autor[editar | editar a fonte]

Festa da Pita 2010 - Xosé Lois Vázquez Che

Desde o ano 2004 a Festa da Pita ten a sorte de contar coa colaboración totalmente desinteresada das e dos artistas da nosa terra, que aportan a súa particular visión sobre a festa e a máscara, conformando a imaxe de cada ano. Teñen participado co seu traballo Heitor Real, Félix Caramés, Xosé Xoga, Paco Boluda, Manolo Penín, Rober V. Araújo, Xosé Lois Vázquez Che, Jacobo Lorenzo Nespereira, Miguel Suárez, Iván Bendaña, Idoia de Luxán, Mónica Blanco, Pablo Otero Peixe, María Piensos e José Manuel Sánchez. Aquí poden verse todas as colaboracións gráficas da festa.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]