Voda da Pita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Voda da Pita é unha representación teatral popular que ten lugar cada Martes de Entroido na praza das Eiroás (Ourense). É o acto central da Festa da Pita, que é o nome co que se denomina ao entroido das Eiroás que, á súa vez, chámase así en lembranza do emparellamento de dúas persoas viúvas que tivo lugar no barrio das Eiroás na metade do século XX e que, conforme as e os informantes da zona, provocara sen pretendelo a celebración do entroido naquel barrio ourensano durante 2 décadas. A noiva era alcumada a Pita e velaquí o motivo do nome da festa e dalgúns elementos que rodean á mesma.

No ano 1999, aa asociación vecinal das Eiroás decide recuperar a celebración do entroido, introducindo na nova festa diversos contidos entre os que se atopa esta representación teatral.

Historia[editar | editar a fonte]

Voda da Pita 2011

A primeira vez que tivo lugar a voda foi o 7 de marzo do ano 2000, na segunda edición da Festa da Pita. Alén de introducir un novo elemento do programa da festa, a voda procuraba -nun ton satírico e desenfadado- lembrar a orixe daquela cinzarrada que tivera lugar nos mediados do pasado século, provocada polo emparellamento de dous viúvos, e que dera lugar á celebración do entroido naquel barrio ourensán. O nome dos viúvos era Antonio Guimarey e Gumersinda de Benavides, alcumada a Pita, e daí a denominación da voda e da propia festa.

Até o 10º aniversario da festa, no ano 2008, a Voda era moito máis curta e tiña lugar ás 5 da tarde, abrindo o baile de máscaras vespertino e centrándose na orixe da cinzarrada con actores e actrices improvisadas/os. É apartir dese ano que muda a estrutura festiva do Martes, trasladando a Voda da Pita para a 1 do mediodía, introducindo un elemento gastronómico no programa da festa e prolongando, portanto, o programa festivo do día grande. Isto tamén trouxo canda si unha reforma no guión da Voda que fixo que esta medrara en tempo e en contidos, inserindo novos elementos satíricos sobre o acontecido no panorama social e político ao longo do último ano. No ano 2021, como consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19, a Voda da Pita tivo lugar de xeito virtual, dentro da experiencia novidosa e improvisada da celebración dun entroido on-line, permanecendo aloxada na canle oficial da festa no youtube.

Estrutura da Voda[editar | editar a fonte]

Na representación da Voda conviven 2 historias. Dunha parte, o emparellamento do Antonio Guimarey e da Gumersinda de Benavides, dous viúvos que, sen querelo, deran orixe á festa; e doutra, a análise con retranca do ocurrido ao longo do último ano. Ademais, a estrutura do guión sempre contempla as mesmas partes, sendo común unha boa parte do texto en todas as edicións.

1º O narrador ou a narradora é quen sae primeiro á escena para adiantarnos o que alí vai pasar e situarnos naqueles anos nos que o Elvis facía bailar as parellas a ritmo de rock, Blanco Amor escribía A Esmorga e o Fraga bañábase en Palomares.

2º Un crego (habitualmente máis conservador) e unha monxa (tamén habitualmente, máis moderna), van dando entrada á cerimonia, aos noivos protagonistas, Antonio e Gumersinda, e as personaxes "convidadas" dese ano. A parella fala do seu amor, de como se coñeceron e de que queren iniciar unha nova vida en mutua compañía.

CREGO: Antonio e Gumersinda. Benvidos á casa do Señor.

Dígovos moi en verdade, que casar a dous viuvos

é cousa de gran novidade.

Cando decidiron unirse, moita ledicia nos deron.

E por iso queremos saber como foi que se coñeceron?

3º Lévase a cabo a voda, coas interrupcións necesarias se así o require a actualidade. Ao rematar, os noivos dan as grazas a todo o público pola súa asistencia e irrompe na escena unha veciña/o que, con coplas e aleccionando ao público asistente, reclama o pagamento da festa para celebrar esta unión.

NOIVO: Casados quedamos

para as ledicias e para as desgrazas

NOIVA: E a todos os veciños

pola vosa compañía dámosvos grazas

VECIÑA/O: Che, che, che!!!... Para o carro

que con grazas non se paga.

Remexede na faltriqueira.

Veñan cartos e veña viño,

veña festa e veña leria.

Voda da Pita 2015

4º Entra a Garda-civil en escena, tal e como contan que pasou en máis dunha ocasión na antiga festa. Nesta ocasión faino atendendo á chamada do crego e para deter a trifulca que se montou na praza. Despois dunha discusión entre a veciña e o garda, que non entende a retranca, o balbordo da cinzarrada vai a máis e a autoridade competente acaba poñéndose nervioso e disparando ao ceo mentres berra "Al suelo todo el mundo".

GARDA: Que se pare la “trifulca”! Que se aparte la xente!

Que aquí llega montada la “autoridá” competente.

VECIÑA: Montada... ben se ve, e “autoridá” pode ser,

pero iso de competente... aínda está por ver.

5º Irrompen as Pitas na escena, facendo soar as súas chocas, rodeando ao garda-civil e lanzando os seus ovos cheos de entroido, de penso e de alegría. Así é como as Pitas (que representan unha actualidade que devolve a autoridade ao pobo) neutralizan ao garda (que representa, coas súas formas, a outros tempos) reconciliando pasado e presente para construir un futuro común. No fin da obra, a persoa máis nova do elenco será a encargada de recoller a cesta coa pita que a noiva portara durante toda a celebración e recitar as coplas que levan pechando a Voda da Pita desde o primeiro ano:

NENA/O: Trinta anos agardou o pobo

a que alguén collera a cesta

Non permitades, veciños

que volte morrer a festa.

Galeria de imaxes[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Referencias[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]