Fernando Blanco de Lema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fernando Blanco de Lema
Fernando Blanco de Lema.jpg
Nacemento18 de outubro de 1796
 Cee
Falecemento5 de abril de 1875
NacionalidadeEspaña
editar datos en Wikidata ]

Fernando Blanco de Lema, nado en Cee o 18 de outubro de 1796 e finado en Cuba o 5 de abril de 1875, foi un filántropo galego.

Vida[editar | editar a fonte]

Trala morte do seu pai, que era sangrador (cirurxián), cando contaba con menos dun ano de idade, a súa educación correu a cargo de Fernando Blanco Giance, tío e padriño seu, ademais de cura da parroquia de Mazaricos, ao que debeu as súas sólidas crenzas relixiosas.

Monumento a Fernando Blanco de Lema en Cee.

En 1809, durante a guerra da independencia as tropas napoleónicas mataron o seu padriño e arrasaron a vila de Cee. A súa nai, viúva e con cinco fillos, decide enviar os tres fillos homes a Ferrol, e, dende alí, con só trece anos, Fernando Blanco de Lema emprende viaxe cara a Cuba.

O seu primeiro traballo na illa caribeña foi de dependente nunha tenda de ultramariños. Con trinta e tres anos decide adicarse ó negocio da ferraxería, creando varias tendas na illa, e sendo este negocio a base da súa fortuna. Ademais de ser posuidor de intereses e accións en bancos e en compañías de ferro, mantiña estreitas relacións comerciais cun curmán emigrado a Nova York, o rico empresario Bartolomé Blanco. En varias cartas dirixidas ao seu curmán percíbese o perfil humano do filántropo que máis tarde se revelaría: home afectuoso, preocupado polos seus parentes máis desfavorecidos, confirmándonos a fortaleza dos lazos que sempre mantivo coa súa localidade natal.

O 2 de abril de 1875, tres días antes de morrer, redactou o seu testamento, no que ratificaba as súas fortes conviccións relixiosas, aseguraba estar solteiro e sen fillos, e declaraba estar aloxado na casa de Regla da Silva, viúva que o coidou con esmero durante a enfermidade que poucos días despois acabou coa súa vida.

Almanaque Gallego, 1898, p. 50, Colegio - Instituto de Cée.jpg

No testamento expuña a vontade de asignar certas cantidades a dúas sobriñas de Regla da Silva, a dous afillados e a dúas curmáns que tiña en España sen fortuna. Tamén se viron favorecidas no testamento a Real Casa de Beneficencia e Maternidade da Habana e a Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia. Finalmente, o groso da súa fortuna (750.000 pesos de ouro) decide empregalos na construción e mantemento dun Colexio de Primeira e Segunda Ensinanza na súa vila natal (Cee). Para levar a cabo esta misión nomea coma testamenteiros a Juan Álvarez Baldonedo e a Brígido Zavala, e coma apoderado en España é nomeado o científico lugués Vicente Vázquez Queipo. Todos eles levaron a cabo, no medio dunha agre disputa xornalística e legal, o magno proxecto que determinaría o nacemento da Fundación. Na que fora a súa casa e despois escola feminina estableceríase máis tarde o Museo-Colección da Fundación Fernando Blanco de Lema.

As súas cinzas están depositadas na capela do Colexio que mandara fundar.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Páxinas externas[editar | editar a fonte]