FC Etar (Veliko Tarnovo)
Nome | Football Club Etar | ||
---|---|---|---|
Fundación | 24 de abril de 1924 | ||
Desaparición | 2003 | ||
Estadio | Ivaylo, Veliko Tarnovo, Bulgaria | ||
Inauguración | 1958 | ||
Capacidade | 18.000 | ||
|
O Football Club Etar foi un club de fútbol búlgaro, con sede en Veliko Tarnovo. Fundado en 1924, o club pasou a maior parte da súa historia na Liga Profesional de Bulgaria, a máxima categoría do fútbol do país.
O seu período de máis éxito deuse entre 1987 e 1992, baixo a dirección técnica do adestrador Georgi Vasilev. O Etar gañou a liga na tempada 1990/91, clasificándose así para a Copa de Europa 1991–92, a primeira e única vez que o club disputou a máxima competición continental.
Tralo éxito de 1991, o Etar comezou a sufrir unha caída gradual en termos de rendemento, que culminou co descenso á segunda categoría, ao que se sumaron os problemas financeiros da entidade. En 2003, o club foi formalmente disolto, debido á incapacidade de cubrir os custos económicos necesarios para o fútbol profesional. Ao mesmo tempo, fundouse un club sucesor, chamado Etar 1924. Este novo club tivo pouco éxito e só conseguiu xogar unha tempada na primeira división, ata que tamén acabou desaparecendo.
Historia
[editar | editar a fonte]O Football Club Etar foi fundado o 24 de abril de 1924, como resultado da fusión de seis clubs de Veliko Tarnovo. En 1930 chegaron ás semifinais do Campionato Estatal de Fútbol de Bulgaria, perdendo por 4-2 ante o Slavia Sofia.
Na tempada 1973/74 o equipo acabou cuarto na liga, clasificándose por primeira vez na súa historia para unha competición europea, a Copa da UEFA. Foron eliminados na primeira rolda, a mans do Inter de Milán adestrado polo galego Luis Suárez.[1]
Na tempada 1990/91, con Georgi Vasilev como adestrador e cun cadro de xogadores que incluía internacionais como Tsanko Tsvetanov, Ilian Kiriakov, Krasimir Balakov ou Boncho Genchev, o Etar proclamouse campión de liga por primeira e única vez na súa historia, con sete puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o CSKA Sofia. Ao ano seguinte participou na Copa de Europa, onde foi eliminado en primeira rolda polo Kaiserslautern.[2]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Liga Profesional de Bulgaria (1): 1990/91.
- Copa da Liga de Bulgaria (1): 1995.
- Copa da BFU (1): 1991.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Inter-Etar 1974". UEFA (en inglés). Consultado o 25 de agosto de 2022.
- ↑ "Kaiserslautern-Etar 1991". UEFA (en inglés). Consultado o 25 de agosto de 2022.