F.C. Start

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cartel anunciador do Partido da morte.

O F.C. Start foi un club de fútbol ucraíno que existiu en Kiev en 1942. Estaba constituído por antigos xogadores do Dinamo Kiev.

Historia[editar | editar a fonte]

Tras a chegada do exército alemán a Ucraína en 1942 o Dinamo Kiev fora pechado pola administración invasora alemá e a liga ucraína de fútbol deixara de celebrar encontros.

O F.C. Start foi creado a iniciativa do panadeiro alemán Josef Kordik e do antigo porteiro do Dinamo de Kiev, Nikolai Trusevich. Formaban o equipo, ademais de Trusevich, os antigos xogadores Georgy Timofeyev, Ivan Kuzmenko, Pavel Komarov, Alexei Klimenko, Nikolai Korotkykh, Vasily Sukarev, Feodor Tyutchev, Makar Goncharenko, Mikhail Putistin e Mikhail Melnik.

Todos os partidos xogados polo Start foron encontros amistosos con equipos formados por soldados inimigos, tanto alemáns como de países satélites do III Reich. O primeiro deles tivo lugar o 7 de xuño de 1942 contra un equipo de soldados húngaros. Tivo un resultado de 7-2 a favor do Start, a primeira dunha longa serie de vitorias. Con intención de romper a popularidade que estaba adquirindo o Start entre a poboación ucraína a administración nazi organizou un encontro co MSG, un dos mellores clubs do seu tempo. O partido resolveuse coa vitoria do Start. O último equipo co que o Start xogou foi o Flakelf, composto por membros da aviación alemá. Nun primeiro encontro o Start ganou por 5-1. Durante o partido de revancha, que se deu en chamar o Partido da morte, os xogadores do Start recibiron ameazas de morte para se deixaren ganar. Finalmente o Start ganou o partido por 5-3.

Pouco tempo despois do seu último partido os xogadores do Start foron detidos, torturados e asasinados polos nazis. A historia do Start serviu de inspiración para o guión da película Evasión ou vitoria, dirixida por John Houston en 1981.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • PENA, H.J. F.C. Start: o equipo que lle fixo un gol ao Führer. Xornal de Galicia, 17/10/2010. Suplemento dominical, páxs. 12 e 13.