Euthyrhynchus floridanus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Euthyrhynchus floridanus

Euthyrhynchus floridanus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Hemiptera
Suborde: Heteroptera
Superfamilia: Pentatomoidea
Familia: Pentatomidae
Subfamilia: Asopinae
Xénero: Euthyrhynchus
Dallas, 1851
Especie: floridanus
(Linnaeus, 1767) [1]

Euthyrhynchus floridanus é unha especie de hemíptero carnívoro pentatómido e única especie do xénero Euthyrhynchus. É nativo das partes máis cálidas do sueste dos EUA e considérase beneficioso porque se alimenta de moitas especies de insectos que son pragas, así como de saltóns e outros pequenos insectos. Esta especie tamén caza en grupos, que poden ser de ata 12 individuos.[2][3]

Descrición[editar | editar a fonte]

O macho adulto é de aproximadamente 12 mm de longo mentres que a femia poden acadar 17 mm de lonxitude. O seu aspecto é algo variable, pero a cor de fondo adoita ser negra azulada ou marrón purpúrea, e ten puntos vermellos característicos nos laterais e pare traseira do escutelo. Ten tamén unha distintiva espiña no úmero, mais esta especie carece de espiña na parte posterior do fémur da pata anterior que si existe noutras especies similares de Florida. O primeiro segmento das pezas bucais con forma de bico é curto e groso, o que se diferencia das pezas bucais delgadas dos seus parentes herbívoros e chuchadores de zumes vexetais.[2]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

A femia pon lotes de entre 20 e 90 ovos. Teñen forma de barril e varias pequenas proxeccións ao bordo do opérculo. As ninfas pasan por cinco estadios no seu proceso de crecemento e teñen cabeza e tórax negro azulados e abdomes vermellos. O primeiro estadio permanece preto da masa de ovos e os seguintes tamén tenden a estar agrupados, ás veces alimentándose dunha presa común. No laboratorio as ninfas alimentáronse de larvas do lepidóptero Galleria mellonella, de varios estadios de Epilachna varivestis, de larvas de Heliothis virescens e de larvas de Agrotis ipsilon. Outras presas rexistradas son escarvellos, Fulgoromorpha, gurgullos,[2] larvas de Urbanus proteus[4] e Nezara viridula. O insecto atopouse en diversos tipos de plantas incluíndo plantas ornamentais, cítricos, malas herbas, herbas, árbores, arbustos e outros hábitats.[2]

Euthyrhynchus floridanus ten un maior período de desenvolvemento que calquera dos seus parentes próximos da subfamilia Asopinae. A 24 °C os ovos fan eclosión en 35 días e o desenvolvemento das ninfas tarda 65 días. A 27 °C estas cifras son 20 e 40 días, respectivamente. Como a femia adulta tarda uns quince días en madurar e pon un total de 140 ovos aproximadamente, as poboacións deste insecto non crecen tan rápido como as dalgunhas doutras especies con ciclos vitais máis curtos.[5]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Euthyrhynchus floridanus (Linnaeus, 1767)". Encyclopedia of Life. Consultado o 10 de setembro de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Florida predatory stink bug: Euthyrhynchus floridanus". Featured Creatures. IFAS. Consultado o 10 de setembro de 2016. 
  3. Grazia, J.; Panizzi, A. (2015). "Stink Bugs (Pentatomidae)". In True Bugs (Heteroptera) of the Neotropics, Entomology in Focus, vol 2. Springer, Dordrecht. doi:10.1007/978-94-017-9861-7_22. 
  4. Capinera, John L. (2001). Handbook of Vegetable Pests. Gulf Professional Publishing. pp. 364–365. ISBN 978-0-12-158861-8. 
  5. Schaefer, Carl W.; Panizzi, Antonio Ricardo (2000). Heteroptera of Economic Importance. CRC Press. p. 765. ISBN 978-1-4200-4185-9.