Estilo protocorintio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquifos típico do período protocorintio. Pódese observar a corola de raios triangulares na súa base.

Coñécese como estilo protocorintio[1] á forma orixinal de produción cerámica que se desenvolveu en Corinto durante o período orientalizante de Grecia, entre os anos 730 a. C. a 620 aC.

Periodización[editar | editar a fonte]

A etapa protocorintia, xurdida no 730 a. C., pode ser dividida en catro partes:

Protocorintio antigo[editar | editar a fonte]

Nestes momentos aparecen novas formas de vasos, dos cales se usan especialmente dous para marcar a cronoloxía do período protocorintio segundo a evolución das súas formas. Estes dous novos vasos son o aríbalo e a cótila (cunca pequena e profunda de dúas asas).

O aríbalo é un vaso de orixe chipriota que evolucionará desde unha forma globular a ovoide para, novamente, recuperar a súa forma globular orixinal cara ao 600 a. C. Nos aríbalos comezan a apreciarse a técnica das figuras negras, invención corintia. A evolución da cótila marcarase pola súa decoración, pasando dun vernizado completo até ser substituído por unha serie de liñas horizontais paralelas, con alternancia de bandas claras e escuras.

Protocorintio medio[editar | editar a fonte]

Aparecen nos vasos a técnica das figuras negras coas modalidades de silueta e de contorno. Como motivos decorativos adoitan aparecer na base dos vasos unha corola de raios triangulares; no ombreiro móstranse bandas de flores e no corpo o tema central. En bandas estreitas adoitan representarse figuras dacabalo ou temas de caza.

A obra máis representativa deste período é o aríbalo MacMillan,[2] situado actualmente no Museo Británico de Londres.

Protocorintio tardío[editar | editar a fonte]

É un período de aumento da produción cerámica e de redución da súa calidade. Os aríbalos fanse máis esveltos e aparecen novas formas como o olpe. O vaso máis característico deste momento é o olpe Chigi, cuxo autor puidese ser o mesmo que o do aríbalo MacMillan.

Transición ao corintio[editar | editar a fonte]

É unha etapa de declive. O ornamento resólvese rapidamente, a decoración de bandas desaparece para cubrir toda a superficie do vaso cunha ou dúas figuras. Aparece un novo tipo de vaso, o alabastrón, que substitúe ao aríbalo.

Predecesor:

Período Xeométrico
Periodo protocorintio

730 a. C. - 620 a. C.
Sucesor:

Periodo corintio

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Buscar — Google Arts & Culture". artsandculture.google.com. Consultado o 2023-01-23. 
  2. "aryballos ; British Museum". The British Museum (en inglés). Consultado o 2023-01-23. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carmen Guiral Pelegrín, Mar Zarzalejos Prieto e Mª Pilar San Nicolás Pedraz, Historia de la cultura material del mundo clásico, p.113. UNED (2015), ISBN 978-84-362-7033-4.