Pishuru

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pishuru foi unha cidade habitada por kaskas na rexión de Ishupitta, que sobre o -1320 acadou a hexemonía comarcal e reconstruíu Palhwisa, que o rei Mursilis II incendiara un ano antes; pero o rei hitita volveu e incendiouna por segunda vez; os kaskas de Pishuru ocuparon entón a cidade de Kuzastarina que Mursilis atacou e reconquistou.

Pishuru non perdeu a hexemonía e mantívoa ao comezar o século –XIII. Ishupitta e Daistipassa, cidades próximas, ambas da Terra Alta Hitita, volvéronse aliadas de Pishuru e apoderáronse das terras de Landa, Marista e algunhas cidades fortificadas dos hititas; os hititas non os puideron conter e os kaskas continuaron avanzando ao sur cruzando o río Marasanda ou Maraššanda e chegando ata a terra de Kanis (Kanesh). As cidades de Kurustama, Gazzuira e outra cuxo nome non se pode ler (pero que comeza por Ha...) uníronse aos kaska e atacaron as cidades hititas das inmediacións. Durmitta tamén quedou baixo control kaska e atacou a comarca de Tuhuppiya. Os kaskas non atoparon ningún obstáculo na terra de Ippasanama (Ippaššanama), e puideron seguir ata atacaren a terra de Suwatara. Só dúas cidades, unha delas Istahara (a outra non se pode ler), escaparon aos ataques kaska.