Os tres mosqueteiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os tres mosqueteiros
D'Artagnan e os tres mosqueteiros nunha ilustración de Maurice Leloir para a edición da obra da editorial Calmann Lévy en 1894. Os seus retratos dos personaxes convertéronse nos canónicos
Autor/aAlexandre Dumas
OrixeFrancia
Lingualingua francesa
Xénero(s)novela por entregas e ficción de aventuras
Data de pub.1844 e 1845
editar datos en Wikidata ]

Os tres mosqueteiros (en francés Les Trois Mousquetaires) é unha novela de Alexandre Dumas, escrita en francés no ano 1844 e publicada orixinalmente en forma de serie na revista Le Siècle entre marzo e xullo dese ano; uns meses despois, editouno nun volume a editorial Baudry e reeditouno en 1846 J. B. Fellens e L. P. Dufour con ilustracións de Vivant Beaucé. Foi a primeira parte dunha triloxía coñecida como «dos mosqueteiros», que abrangue tamén Vingt ans après (1845) e Le Vicomte de Bragelonne (1847). Na orixe da novela está Les Mémoires de d’Artagnan (1700) de Gatien de Courtilz de Sandras que narra ficcionalmente a historia dun personaxe real, Charles de Batz-Castelmore, conde d'Artagnan. En galego apareceu por vez primeira no ano 2000 na Colección Xabarín de Xerais, nunha tradución de Darío Xohán Cabana en dous volumes[1] e despois, en 2017, en Baía Edicións, en tradución de María Reimóndez.[2]

Argumento[editar | editar a fonte]

D'Artagnan segundo a primeira edición ilustrada. Vivant Beaucé (1849)

En 1625 o protagonista, d'Artagnan, un rapaz gascón que non domina moito o francés, viaxa á corte para entrar nos mosqueteiros en defensa do rei tanto contra os inimigos externos como internas e, especialmente contra o cardeal Richelieu. D'Artagnan é de orixe humilde, pero o seu pai coñecía o capitán da garda, que acepta facerlle unha entrevista. Antes desta entrevista, o rapaz gascón xa conseguira poñerse a mal, por varias razóns, con tres mosqueteiros: Athos, Porthos e Aramis. Os tres desafiárono en duelo, mais cando se vai celebrar o primeiro, contra Athos, aparece acompañado cos outros dous mosqueteiros como testemuñas. A partir dese momento, a obra segue as convencións da novela de aventuras, con enfrontamentos a espada, e unha posible historia de amor, tornándose nun clásico.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Fixéronse varias adaptacións ao cinema, desde a primeira realizada por Georges Méliès en 1903, especialmente en Francia e mais en Hollywood, e mesmo inspirou unha serie de debuxos animados, onde os personaxes eran cans: D'Artacán y los tres mosqueperros. O propio Dumas realizou a primeira adaptación teatral en 1849, La Jeunesse des mousquetaires aínda que xa en 1845 realizara unha adaptación de Vingt ans après. Tamén se realizaron varias adaptacións á banda deseñada como a versión de Mazel e Raoul Cauvin en 1972.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os tres mosqueteiros Arquivado 10 de outubro de 2016 en Wayback Machine. na Bitraga.
  2. Os tres mosqueteiros no sitio web de Baía Edicións.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]