Escudo de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de Vigo

O escudo da cidade de Vigo atópase regulado por un acordo do seu Concello aprobado o 7 de abril de 1987. A descrición do escudo tal e como aparece na norma que o regula é a seguinte:

En campo azul claro, un castelo de base cadrada rematado nunha torre ameada, todo en ouro, na porta baixa unha porta con arco de medio punto, dúas fiestras cadradas no corpo medio e dúas troneiras, tamén cadradas na torriña superior. Na banda esqueda do castelo hai unha oliveira de sinople con tronco marrón. Todo nun cotarelo sobor dun mar de seis franxas ondeantes de azul mariño.

Unha bordura de gules separada por unha pequena fita branca.

No timbre, coroa real fechada en ouro.

Unha fita de divisa en prata e como lema “Fiel, Leal, Valerosa e Sempre Benéfica Cidade de Vigo”, en negro.

Historia[editar | editar a fonte]

Historicamente Vigo estivo suxeita á xurisdicción da Igrexa compostelá, esta circunstancia explica que no escudo máis antigo da vila do que se ten figurase, xunto a un castelo, unha vieira xacobea. Finalizada a Guerra da Independencia decidiuse substituír a vieira, xa que Vigo xa deixara de pertencer a unha xurisdición eclesiástica, por unha oliveira xa que xunto á igrexa colexial da vila (Colexiata de Santa María de Vigo) existía un exemplar desta especie que foi considerado emblemático e no novo continente coñecíase Vigo coma “a vila da oliveira”. Realmente era moi común plantar á beira das igrexas galegas teixos ou oliveira (árbores perennifolias) coma ornamentais e símbolo de vida eterna (tradición que tamén existe en Asturias e nas Illas Británicas). Dende aquela no escudo da cidade de Vigo figurou un castelo arrodeado por unha coroa formada por dúas pólas de oliveira. Esta oliveira representa a vitoria e a fortuna, e foi tan representativo que Vigo chegou a coñecerse como a cidade olívica, aínda que non sexa esta nin árbore autóctona, nin cultivada.

Versión actual[editar | editar a fonte]

A versión actual do escudo é unha copia do que adornaba a fonte de Neptuno que estivo situada noutrora na Porta do Sol. En 1917 Marcelino Domínguez Elías, cronista da cidade, expuxo no Boletín da Real Academia Galega a conveniencia de establecer como modelo oficial do escudo, a versión que continúa a estar vixente na actualidade (véxase imaxe).

É frecuente que no escudo non figuren o bordo, a fita branca, nin a divisa malia que a norma que o regula establece o seu uso.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Fontes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]