Saltar ao contido

Erotókritos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Erotókritos e Aretusa, de Theophilos Hatzimihail (1870-1934).

Erotókritos (en grego moderno, Ερωτόκριτος) é unha epopea de corte romántico, composta polo poeta cretense Vitsentzos Kornaros a principios do século XVII. Componse de 10.012 versos de quince sílabas. Narra os amores de dous mozos: Erotócrito (que na obra aparece como Rotokritos ou Rokritos) e Aretusa (en grego Αρετούσα). Os temas tratados son o honor, a amizade, o rango social e a valentía. O poema está escrito en dialecto cretense segundo o ritmo tradicional das mantinadas.

Erotókritos, do mesmo xeito que o Erophile de Georgios Hortatzis, constitúe un exemplo paradigmático da literatura renacentista grega. Algúns extractos do Erotókritos quedaron como clásicos da canción popular grega. Os nomes de certos lugares, como a cova de Aretusa en Muniquia fan referencia aos personaxes da obra.

Argumento

[editar | editar a fonte]

A acción sucede na antiga Atenas. Desenvólvese nunha cidade fóra do tempo: paralelamente ás referencias á antiga Grecia, atopamos anacronismos e numerosos elementos do mundo occidental, como os torneos de cabalería. A intriga divídese en cinco partes:

  1. Heraclés, rei de Atenas, e a súa esposa conciben unha filla, Aretusa, tras moitos anos de matrimonio. Anos máis tarde o fillo do conselleiro real, Erotócrito, namórase da princesa. Non podendo desvelarlle o seu amor, canta baixo a súa fiestra todas as tardes. Aos poucos, a moza vai namorándose do seu misterioso cantor. Heraclés, cando se decata de que un pretendente rolda baixo a fiestra da súa filla todas as tardes, envía ao seu garda e deteno. Erotócrito e o seu amigo matan a dous dos soldados e feren a outros oito. Comprendendo que o seu amor é imposíbel Erotócrito intenta esquecer a Aretusa viaxando a Eubea. O pai de Erotócrito cae enfermo e Aretusa, ao ir visitalo, atopa por casualidade un retrato e algúns poemas que lle cantaba o seu admirador todas as tardes. Cando este retorna a Atenas, dáse de conta de que o retrato e os seus poemas desapareceran. Decátase de que Aretusa entrara soa na súa habitación. Aínda que se sabe desenmascarado, non se atreve a aparecer en palacio: o perigo é demasiado grande. Así pois, quédase na súa casa e decide non volver ver a Aretusa. Ao saber que Rotókritos está doente, a princesa faille chegar un poema, desvelando así os seus sentimentos.
  2. O rei organiza un torneo de cabalería para distraer á súa filla. Numerosos príncipes, chegados de toda Grecia, participan no torneo pero é Erotócrito quen o gaña.
  3. Os amantes comezan a verse secretamente baixo a fiestra de Aretusa. A moza persuade a Erotócrito para que pida a súa man ao rei, seu pai, que por suposto se nega categoricamente. Exasperado pola petición do rapaz, decide exilialo. Paralelamente, unha embaixada chegada de Bizancio pídelle ao rei que conceda a man da súa filla ao príncipe daquel lugar. Inmediatamente, a rapaza marcha para casar secretamente con Erotócrito, antes de que este abandone a cidade.
  4. Malia a insistencia de seu pai, Aretusa rexeita a petición do príncipe de Bizancio. Para castigala, Heraclés encérraa xunto coa súa ama de cría. Tras tres anos, mentres os valacos asedian Atenas, Erotócrito volve disfrazado, para evitar que o recoñecesen. Formidábel guerreiro, abate a cantos inimigos se lle poñen diante. Co fin de arbitrar o conflito, o rei de Valaquia propón un duelo entre o campión valaco e o campión ateniense. Erotócrito, que ocultou a súa identidade e se fai chamar Crítidis, propón defender os intereses de Atenas. Tras un épico combate, sae triunfante aínda que resulta gravemente ferido.
  5. O rei, agradecido, propón ao estranxeiro ferido converterse no seu herdeiro. Erotócrito só quere casar con Aretusa, aínda encerrada no calabozo. A princesa rexeita novamente calquera casamento. Erotócrito, dándose de conta de que Aretusa seguiu fiel durante estes anos, utiliza un filtro máxico que lle devolve a súa aparencia. O rei acepta o matrimonio e reconcíliase con Erotócrito e o seu pai. O mozo accede ao trono de Atenas.