Ernest. Comedia frívola para xente seria
Ernest. Comedia frívola para xente seria | |
---|---|
Título orixinal | The Importance of Being Earnest |
Autor/a | Oscar Wilde |
Lingua | lingua inglesa |
Xénero(s) | Comedia |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Ernest. Comedia frívola para xente seria é unha obra teatral de Oscar Wilde escrita en 1895 co título orixinal en inglés de The Importance of Being Earnest. Foi traducida ao galego por Miguel Pérez Romero, e publicada en edición bilingüe en 1999 pola Universidade da Coruña.
A obra
[editar | editar a fonte]É unha comedia que trata sobre os costumes e a seriedade da sociedade. Está dividida en tres ou catro actos (dependendo da edición) e inspirada no libro Engaged de William Schwenck Gilbert. Situada na Inglaterra da época vitoriana, a trama desenvólvese ao redor do protagonista Jack e o seu ficticio irmán Ernest.
As obras anteriores de Wilde levárano á cima do éxito polo que non se esperaba nada novo do dramaturgo. A prensa era feroz na súa procura de novos personaxes e argumentos, prestando grande atención aos detalles. Para combatela, Wilde bautizou a obra baixo o título de Lady Lancing e usou nomes de pobos costeiros para os personaxes principais e a localización da obra (o apelido de Jack, Worthing, está tomado da cidade onde residía Wilde cando escribiu a obra).
Foi a última comedia que escribiu Wilde e está considerada un dos seus mellores traballos segundo os críticos. Estreouse por primeira vez o 14 de febreiro de 1895 no St. James' Theatre de Londres, tres meses antes de que Wilde fose condenado a prisión.
Argumento
[editar | editar a fonte]Algernon é un novo aristócrata londiniense, que finxe ter un amigo chamado Bunbury que vive no campo e con frecuencia está doente. Cada vez que Algernon quere evitar unha obrigación social, ou simplemente escaparse a fin de semana, faille unha visita ao seu "amigo doente". Desta forma pode finxir piedade e dedicación, mentres ten a escusa perfecta para saír da cidade, evadindo as súas responsabilidades. Algernon chama a esta práctica "bunburying".
O mellor amigo de Algernon na vida real vive no campo pero realiza frecuentes visitas a Londres. O nome do seu amigo é Ernest Worthing... ou iso é o que pensa Algernon. Pero cando Ernest (Ernesto) esquece a súa tabaqueira de prata na habitación de Algernon, este descobre unha inscrición nela: "Da pequena Cecily, con agarimo para o seu querido tío Jack".
Isto forza a Ernest a revelar que as súas propias visitas á cidade son exemplos de "bunburying", para gozo de Algernon. No campo, "Ernest" paséase baixo o nome de Jack (o seu verdadeiro nome) e finxe que ten un irmán chamado Ernest que vive en Londres. Cando o honesto Jack visita a cidade, asume o nome e o comportamento do libertino Ernest. No campo, Jack leva unha actitude máis seria en beneficio da súa nova pupila, a súa herdeira Cecily.
Jack quere casar con Gwendolen, a curmá de Algernon, pero ten certos problemas. Gwendolen parece quererlo unicamente porque pensa que se chama Ernest, xa que opina que é o nome máis bonito do mundo. Doutra banda está a nai de Gwendolen, a terrible lady Bracknell. Lady Bracknell queda espantada cando descobre que Jack foi adoptado cando era un bebé tras ser descuberto nun bolso na estación de ferrocarril. Na súa opinión está moi por baixo do que merece a súa filla.
Mentres tanto, a descrición de Cecily dada por Jack fai que Algernon queira coñecela, malia a firme oposición de Jack. Algernon decide visitar a casa de campo de Jack, facéndose pasar polo misterioso "Ernest". Así Algernon-Ernest pode coñecer á protexida de Jack, Cecily, a cal xa fantasiaba cunha relación amorosa con Ernest (o inexistente irmán festeiro de Jack), polo que Cecily cae tolamente namorada de Algernon. Paralelamente, Jack, que decidiu deixar o seu Bunburying, anuncia a tráxica morte do seu irmán Ernest á institutriz de Cecily, a señorita Prism, e ao admirador secreto desta, o Reverendo Chasuble. Así pois, ambos "irmáns" atópanse, no momento en que un garda loito polo outro.
Coa chegada de Gwendolen, que fuxiu de Londres e da súa nai para estar co seu namorado, ármase aínda máis rebumbio. Cando coñece a Cecily, cada unha insiste fehacentemente en que é a prometida de "Ernest". Unha vez que Lady Bracknell chega en pos da súa filla, ela e Jack chegan a un punto morto cando Lady Bracknell segue opoñéndose ao seu matrimonio con Gwendolen. Como vinganza, Jack nega o seu consentimento ao matrimonio entre Algernon, sobriño de Lady Bracknell, e a súa herdeira e pupila Cecily.
Atopámonos nun punto morto, do que saímos grazas á reaparición de Miss Prism. Tanto ela como Lady Bracknell recoñécenos a ambos (Algernon e Jack) e desvélase que moitos anos atrás, traballando de aia para a irmá de Lady Bracknell, a señorita Prism perdera ao bebé nun bolso. Cando Jack mostra un bolso idéntico, queda abofé que el é o sobriño de Lady Bracknell e polo tanto o irmán máis vello de Algernon.
Só unha cousa interponse agora na felicidade das parellas, Gwendolen continúa insistindo que ela só pode amar a un home que se chame Ernest - cal é o nome real de Jack? Lady Bracknell cóntalle que lle puxeron o nome do seu pai, un xeneral, pero que non consegue recordalo. Jack consulta con impaciencia un libro militar e declara que o nome é Ernest logo de todo e que estivo dicindo a verdade inadvertidamente.
Cando as felices parellas abrázanse (incluíndo á señorita Prism e Chasuble), Lady Bracknell quéixase a Ernest, "Sobriño, pareces mostrar signos de trivialidade". "Ao contrario, tía Augusta", replica Ernest "Acabo de darme conta por primeira vez na miña vida da importancia de ser serio", onde Wilde fixo un xogo de palabras en inglés, xa que Ernest e earnest (serio, formal) pronúncianse exactamente igual.
Traducións
[editar | editar a fonte]A súa tradución literal sería A importancia de ser honesto. En inglés ten un dobre sentido, que se perde na tradución, xa que o nome Ernesto e a palabra serio son homófonas, é dicir soan igual foneticamente.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha do libro Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine., na páxina web da BiTraGa.