Saltar ao contido

Epperson contra Arcansas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Epperson contra Arkansas»)

Epperson contra Arcansas, 393 U.S. 97 (1968), foi un caso xudicial sentenciado polo Tribunal Supremo dos Estados Unidos que invalidou unha lei do estado de Arcansas que prohibía o ensino da evolución humana nas escolas públicas dese estado. O Tribunal aduciu que a Primeira Emenda da Constitución dos Estados Unidos prohibe que un estado esixa, invocando a opinión maioritaria, "que a ensinanza e a aprendizaxe deba estar deseñada segundo os principios ou prohibicións de calquera seita ou dogma relixioso." O Tribunal Supremo declarou a lei de Arcansas inconstitucional porque violaba a Cláusula do Establecemento (do estado laico) da Primeira Emenda. Despois desta decisión, algunhas xurisdicións aprobaron leis que esixían a ensinanza da chamada "ciencia da creación" xunto coa evolución, sempre que se ensinase a evolución, aínda que estas tamén foron declaradas inconstitucionais pola Corte no caso de 1987 de Edwards contra Aguillard.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Neste caso xudicial discutíase a constitucionalidade da lei de Arcansas de 1928 que prohibía a ensinanza da teoría da evolución humana nas súas escolas públicas e universidades. A lei foi promulgada durante un período de fervor relixioso fundamentalista cristián na década de 1920. A lei de Arcansas foi modelada despois da "Lei Butler" de Tennessee de 1925, que motivou o famoso xuízo de Scopes de 1925. O Tribunal Supremo de Tennessee ratificou a constitucionalidade da lei de Tennessee en 1927, permitindo que o estado continuase prohibindo a ensinanza da evolución.

A lei de Arcansas foi aprobada por medio dunha iniciativa lexislativa popular, e foi a primeira lei antievolución nos Estados Unidos aprobada por elección xeral. Os mestres que a violasen estaban suxeitos a multas e despedimento polo estado. A lei consideraba,

ilegal para todo mestre ou outro instrutor en calquera universidade, instituto, escola normal, escola pública ou outra institución do estado que estea financiada en todo ou en parte con fondos públicos derivados dos impostos estatais ou locais ensinar a teoría ou doutrina de que o ser humano ascende ou descende dunha orde inferior de animais, e tamén que é ilegal que un mestre, comisión de libro de texto, ou outra autoridade que exerza o poder de seleccionar libros de texto para as institucións arriba mencionadas, adoptar ou usar en calquera desas institucións un libro de texto que ensine a doutrina ou teoría de que o ser humano ascende ou descende dunha orde inferior de animais.[1]

O caso de Epperson contra Arcansas tivo que ver directamente coa ensinanza da bioloxía no instituto de bacharelato de Little Rock corenta anos despois de aprobada a mencionada lei. Baseándose na recomendación dos profesores de bioloxía da escola, os administradores adoptaron un novo libro de texto para o curso escolar 1965-1966, que contiña un capítulo no que se discutía a teoría evolutiva de Charles Darwin e a teoría evolutiva, e prescribía que o tema fose ensinado aos estudantes.

Susan Epperson era unha profesora do sistema escolar de Little Rock, que ensinaba o 10º grao de bioloxía na Little Rock Central High School. A adopción do novo libro de texto e currículo estándar colocouna nun dilema legal, porque seguía sendo un delito ensinar ese material no seu estado, e facelo seguindo as instrucións do seu distrito escolar poñeríaa en risco de ser despedida. Epperson non se opoñía a ensinar ese tema, e co apoio do capítulo de Arcansas da National Education Association e da American Civil Liberties Union, e o apoio inequívoco da Little Rock Ministerial Association, presentou no xulgado do Condado de Pulaski unha demanda sobre a posible inconstitucionalidade federal da lei do estado de Arcansas. Epperson pediu na súa demanda a anulación da lei e un requirimento contra o seu posible despido por ensinar o currículo evolucionista. Uniuse á súa demanda H. H. Blanchard, un pai con fillos que estudaban nese instituto.[2][3]

O xulgado do condado considerou que a lei violaba a 14ª emenda da Constitución dos Estados Unidos, que protexe aos cidadáns do estado de interferencias coas liberdades de expresión e ensinanza contidas na Primeira Emenda. O tribunal do condado decidiu que a lei era inconstitucional porque "tendía a entorpecer a busca do coñecemento, restrinxir a liberdade de aprendizaxe, e restrinxir a liberdade de ensinanza."[4]

Porén, isto foi recorrido, e en 1967 o Tribunal Supremo de Arcansas revogou a sentenza do tribunal de nivel inferior. A sentenza dicía:

Sobre o asunto principal, que é o da constitucionalidade, o tribunal mantén que a Medida de iniciativa popular (Initiated Measure) No. 1 de 1928, Ark.Stat.Ann. § 81627 e § 81628 (Repl.1960), é un exercicio válido do poder do estado de especificar o currículo nas súas escolas públicas. A corte non expresa ningún ditame sobre a cuestión de se a Lei prohibe calquera explicación da teoría da evolución ou simplemente prohibe ensinar que a teoría é certa, e a resposta non é necesaria para decidir neste caso e o asunto non foi preguntado.

[5]

Esta decisión deixou en vigor a prohibición de ensinar a evolución.[3]

Decisión final

[editar | editar a fonte]

Ante esta decisión da Corte Suprema do Estado, Epperson apelou á Corte Suprema dos Estados Unidos. Eugene R. Warren representou ao apelante, Epperson, e Don Langston, un fiscal xeral adxunto de Arcansas, representou o estado de Arcansas. Tanto Langston coma o Tribunal de Apelación do Estado centráronse no poder do estado para establecer os currículos estándar, e non entraon apenas no asunto da teoría da evolución nin nos límites entre igrexa e estado.[6]

O Tribunal Supremo dos Estados Unidos considerou que as razóns dadas na revogación feita polo Tribunal Supremo de Arcansas eran incorrectas. O tribunal dixo que o claro propósito da lei de Arcansas sobre a ensinanza da evolución era protexer os puntos de vista relixiosos, e era entón inconstitucional. Nunha decisión redactada polo maxistrado Abe Fortas, o Tribunal sostivo que:

O feito anulado é que a lei de Arcansas selecciona do corpo de coñecementos un segmento particular que proscribe pola única razón de que se considera que está en conflito cunha particular doutrina relixiosa; é dicir, cunha interpretación particular do libro do Xénese feita por un grupo relixioso determinado.[7]

A corte considerou que non só o estado tiña prohibido promover ou protexer unha determinada opción relixiosa, senón que:

O estado non ten un interese lexítimo en protexer algunha ou todas as relixións de puntos de vista que lles sexan desagradables.[7]

O maxistrado Hugo Black emitiu un voto particular na anulación da lei de Arcansas, ao coidar que a lei era inconstitucionalmente "vaga" en vez de ser unha vulneración relixiosa inconstitucional. Aínda que estaba de acordo coa maioría en revogar a decisión do Tribunal de Apelación do Estado, o seu ditame detalla a súa disensión da maioría sobre o asunto da Primeira Emenda.[3]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

O caso Epperson ten bastantes diferenzas co famoso caso do xuízo de Scopes. Aínda que o político e avogado William Jennings Bryan testemuñou sobre algunhas cuestións sobre creación bíblica no xuízo de Scopes de 1925, a aquel tribunal, igual que ao do caso Epperson, pedíuselle só que xulgase se ensinar ou non sobre a evolución humana podía ser prohibida nas escolas públicas. Mesmo nese caso, Bryan, que se opuxo á instrución da evolución, nunca argumentou que a ensinanza da creación bíblica pertencese á escola.

O precedente que quedou establecido no caso Epperson, no que o Tribunal concluíu que o único motivo que estaba detrás da prohibición da ensinanza da evolución en Arcansas era protexer un punto de vista relixioso determinado, o que anulaba todas as outras prohibicións educativas relacionadas en todo Estados Unidos. Nun curto período de tempo despois da sentenza do caso Epperson, os opoñentes relixiosos da ensinanza da evolución intentaron por outros medios diminuír a influencia desta no currículo, para o que requiriron que as escolas ensinasen a creación bíblica xunto coa evolución ou forzar as escolas a facer advertencias previas de que a evolución era "só unha teoría". Estes intentos resultaron finalmente en sentenzas de tribunais que sentaron precedentes, e finalmente produciuse o caso de Edwards contra Aguillard, que serviu para anular por inconstitucional unha lei de Louisiana que esixía ensinar a que se denominou "ciencia da creación" á vez que a evolución.

  1. Alvin W. Johnson, Frank H. Yost. Separation of Church and State in the United States. Univ Of Minnesota Press; Minnesota Archive Editions edition. ISBN 978-0-8166-5965-4. 
  2. Nelkin, Dorothy (2000). The Creation Controversy: Science or Scripture in Schools. New York: iUniverse. pp. 242. ISBN 0-595-00194-7. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Larson, Edward John (2003). Trial and error: the American controversy over creation and evolution (3, revised ed.). Oxford University Press US. ISBN 9780195154702. 
  4. Epperson v. State of Arkansas, Supreme Court of the United States, 1968, 393 U.S. 97, 89 S. Ct 266, full text
  5. Ver: Texto da decisión da Corte Suprema de Arcansas citada polo voto particular do maxistrado Fortas da Corte Suprema de Xustiza dos Estados Unidos, nota a rodapé 7
  6. O maxistrado Harlan da Corte Suprema de Xustiza dos Estados Unidos concluíu que a brevidade do ditame [da sentenza da Corte Suprema de Arcansas] indicaba un intento deliberado de esquivar a controversia entre evolución e relixión. Larson, Edward John (2003). Trial and error: the American controversy over creation and evolution (3, revised ed.). Oxford University Press US. ISBN 9780195154702. , p 108
  7. 7,0 7,1 Addicott, Jeffrey F. (2002). "Storm Clouds on the Horizon of Darwinism" (PDF). Ohio State Law Journal 63 (6): 1507. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de febreiro de 2012. Consultado o 09 de agosto de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]