Saltar ao contido

Epiophlebia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Epiophlebia é un xénero de insectos odonatos, que comprende catro especies. O xénero é o único membro da familia Epiophlebiidae, que á súa vez é a única familia da infraorde de epiproctos dos Epiophlebioptera.

Náiade de Epiophlebia laidlawi

As primeiras dúas especies foron historicamente situadas nunha suborde de odonatos propia, que se chamou Anisozygoptera, na que tamén se incluíron algúns grupos fósiles, que se consideraba intermedia entre as libélulas (anisópteros) e os cabaliños do demo (cigópteros), principalmente porque as ás posteriores son moi similares en forma e tamaño ás anteriores e cando pousan manteñen as ás cara a atrás sobre o corpo, como fan os cabaliños do demo. Posteriormente, recoñeceuse que o xénero Epiophlebia comparte un antepasado común máis recente coas libélulas (parece que quedaron separados xeograficamente delas co erguemento das montañas do Himalaia[1][2]), e, en consecuencia, o grupo foi reclasificado como unha infraorde de epiproctos.

Un cladograma no que se indican as posibles relacións entre estes grupos é o seguinte:[3]

Odonata

Zygoptera

Epiprocta

Anisozygoptera (= Epiophlebioptera, restrinxido aos recentes Epiophlebiidae, sen incluír fósiles)

___

Anisoptera

Moi recentemente [4] describiuse unha terceira especie, Epiophlebia sinensis, na provincia de Heilongjiang no nordeste da China, que fai de ponte entre a área de distribución dos Epiophlebia do Nepal e o Xapón. Finalmente, hai unha cuarta especie que só se coñece a partir de material larvario e que se atopou no sur da China.[5]

  1. Tillyard R J (1921). "On an Anisozygopterous Larva from the Himalayas (Order Odonata)". Records of the Indian Museum 22 (2): 93–107. 
  2. Fraser FC (1934). Fauna of British India. Odonata. Volume 2. Taylor & Francis. p. 151. 
  3. "Tree of Life, Odonata". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2018. Consultado o 15 de abril de 2017. 
  4. Li J.-K., Nel A., Zhang X.-P., Fleck G., Gao M.-X., Lin L. & Zhou J., 2012. A third species of the relict family Epiophlebiidae discovered in China (Odonata: Epiproctophora). Systematic Entomology, 37 (2):408-412
  5. Carle, FL (2012): A new Epiophlebia (Odonata: Epiophlebioidea) from China with a review of epiophlebian taxonomy, life history, and biogeography. Arthropod Systematics Phylogeny 70(2): 75–83 [1] Arquivado 18 de maio de 2018 en Wayback Machine.