Saltar ao contido

Elías (erudito bizantino)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaElías (Ἠλίας)
Nome orixinal(el) Ἠλίας Editar o valor en Wikidata
Biografía
NacementoSéculo VI
MorteSéculo VI
País de nacionalidadeBizantina
Director de teseOlimpiodoro (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónFilósofo
ProfesoresOlimpiodoro (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
AlumnosStephen of Alexandria (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Editar o valor en Wikidata

Elías (grego: Ἠλίας) foi un erudito bizantino que floreceu arredor do século VI. Destacou como comentador das obras de Aristóteles e Porfirio de Tiro.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Non queda rexistro algún referente á súa vida, polo que hai dúbidas sobre se realmente existiu.[1] Con todo, o nome de Elías adoita empregarse para referirse ao autor dunha serie de comentarios sobre a lóxica antiga.[1] Xa que logo, toda información biográfica procede de evidencia circunstancial atopada nestes textos. É probable que fose cristián, atendendo ao seu nome, pero non hai demostración fiable deste dato.[2] Porén, o seu pensamento está fortemente influenciado polo neoplatonismo, unha das correntes filosóficas dominantes da antigüidade tardía.[1]

Moitas das pasaxes atribuídas a Elías proveñen da obra de Olimpiodoro o Novo, un filósofo pagán cuxa escola se atopaba en Alexandría. Polo tanto, adóitase asumir que Elías foi un dos seus discípulos.[3] Isto permite situalo cronoloxicamente, xa que Olimpiodoro faleceu cara ao ano 570.[4]

Elías posuía o título de apo epárchōn (apoeparca ou antigo eparca), un termo empregado para altos oficiais retirados. Neste sentido, podería ser o mesmo eparca Elías da rexión de Iliria, que ostentou ese cargo no 541.[5] Porén, no Imperio Romano do Oriente, o título de apo epárchōn concedíaselle tamén aos eruditos de xeito honorífico, polo que esta identificación non é necesariamente certa.[6]

Os textos de Elías non foron pensados para a súa publicación. Como moitas obras do estilo, trátase de transcricións das súas leccións feitas por estudantes. Atribúenselle con certa seguridade as seguintes pezas:[1]

  • Prolegomena. Unha introdución á filosofía de Platón e Aristóteles, en doce leccións ou práxeis. Versa sobre a teoría da definición e sobre as definicións e divisións da filosofía. Está inspirada nas hoxe perdidas Protrepticós ("Exhortacións") de Aristóteles e, do mesmo xeito que estas, busca promover a actividade filosófica. Elías pon o énfase na idea platónica de que a filosofía deifica ao ser humano, con abundantes citas do autor.[1]
  • Unha introdución e comentario á Isagoge ("Introdución") de Porfirio.[3]
  • Escolios sobre o Perí hermeneias ("Sobre a interpretación") de Aristóteles. Probablemente sexan fragmentos dun comentario perdido sobre esta obra.[7]
  • Un comentario sobre os Analiticón protéron ("Primeiros analíticos") de Aristóteles, do que só queda o comezo. Aparece identificado no título como as anotacións de clase dun estudante de Elías.[8]

Filosofía

[editar | editar a fonte]

A concepción filosófico-relixiosa de Elías é difícil de precisar. Moitos dos comentarios cristiáns da súa obra poden ser interpolacións de autores posteriores. Ademais, algunhas das súas aportacións poderían interpretarse como unha proteción contra acusacións de paganismo. Con todo, Elías parece compartir a visión neoplatónica da eternidade do mundo, o que contradí a doutrina da Igrexa sobre a creación ex nihilo e a apocalipse. Ademais, defende a noción neoplatónica de que o propósito da filosofía é a unión co divino.[1] Así mesmo, a postura xeral dos seus Prolegomena aproxímase moito á da filosofía pagá dos antigos gregos.[9]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Wildberg, Christian (2022). Zalta, Edward N.; Nodelman, Uri, eds. Elias (Fall 2022 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  2. Sorabji, Richard (2019). Aristotle Transformed: The Ancient Commentators and Their Influence (en inglés). Bloomsbury Academic. ISBN 9781350123656. 
  3. 3,0 3,1 Barnes, J. (2006). Porphyry's Introduction (en inglés). Oxford University Press. ISBN 9780199288694. 
  4. Wildberg, Christian (2018). Zalta, Edward N., ed. Olympiodorus (Summer 2018 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  5. Westerink, L.G. (1961). "Elias on the Prior Analytics". Mnemosyne (en inglés) 14 (2): 126–139. JSTOR https://www.jstor.org/stable/4428472. 
  6. Westerink, L.G. (1990). Prolégomènes à la philosophie de Platon (en francés). Belles Lettres. ISBN 9782251004129. 
  7. Sedley, D. N. (2003). The Cambridge companion to Greek and Roman philosophy (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9781139000086. 
  8. Martindale, J.R. The Prosopography of the Later Roman Empire (en inglés). Cambridge University Press. 
  9. Wildberg, Christian (1990). "Three Neoplatonic Introductions to Philosophy: Ammonius, David and Elias". Hermathena (en inglés) 149: 33–51. JSTOR https://www.jstor.org/stable/23041172. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Sorabji, R. (ed. 2019). Aristotle Transformed: The Ancient Commentators and Their Influence. Bloomsbury Academic. ISBN 9781350123656

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]