Eleccións ao Parlamento escocés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As eleccións ao Parlamento escocés celébranse cada catro anos dende 1999.

Sistema electoral[editar | editar a fonte]

O sistema de eleccións ao Parlamento escocés baséase nunha dobre votación por circunscricións e rexións electorais.

O voto por circunscricións[editar | editar a fonte]

As papeletas electorais para os votos ás circunscricións son de cor crema. Existen 73 circunscricións electorais en Escocia, e cada unha delas elixe o seu representante. A diferenza de poboación é moi pequena entre unha e outra circunscrición, e sitúanse ao redor dos 80.000 habitantes. Só as illas Shetland e Órcadas están sobrerrepresentadas pola súa escasa poboación.

É elixido deputado no parlamento escocés aquel ou aquela candidata que consiga un voto máis có resto. É o que se coñece como first-past-the-post, ou sexa, o primeiro que chega, gaña.

O voto por rexións[editar | editar a fonte]

As papeletas electorais para os votos ás rexións electorais son de cor violeta. Existen oito rexións electorais, e cada unha delas escolle sete deputados. As rexións teñen ao redor de 600.000 electores.

Aínda que se produce unha nova votación para este sistema, o voto por rexións é considerado complementario do de circunscricións, e procura compensar a proporcionalidade que se perde co sistema de elección directa. Para achar o número de deputados que se lles outorga a cada unha das candidaturas, divídese o número de votos recibidos na urna rexional polo número, máis un, das circunscricións en que obtiveron a vitoria. Así, se unha formación gaña en cinco circunscricións, divídese o seu voto rexional por seis. Despois realízase unha asignación semellante á Lei d'Hont, escollendo os mellores cocientes, e facendo subdivisións por divisores maiores ata completar os sete deputados rexionais.

Resultados[editar | editar a fonte]