Eiruga
Unha eiruga é unha larva de bolboreta. Por extensión chámase ás veces eiruga a calquera larva de corpo longo e formado por aneis doutros grupos de insectos, como as dalgúns coleópteros. A eiruga é o estadio larvario dos insectos da orde dos lepidópteros (orde de insectos que comprende as bolboretas e as avelaíñas).
Hábitos
[editar | editar a fonte]As eirugas son na súa maior parte fitófagas (comen vexetais) en canto a hábitos alimenticios, salvo algunhas especies que son entomófagas (predadoras doutros insectos).
O seu crecemento ten lugar a través dunha serie de mudas, con varias fases ou estados intermedios. Son comedoras voraces e moitas delas son consideradas como pragas na agricultura. Moitas especies de avelaíñas e mesmo bolboretas son moi ben coñecidas no seu estadio larvario a causa dos danos que causan á froita e outros produtos da agricultura, ou mesmo cousas domésticas como roupa e libros.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]1. Cabeza 2. Tórax 3. Abdome 4. Espiráculo 5. Falsas patas anais 6. Falsas patas abdominais 7. Segmento 8. Patas torácicas 9. Antena
Constitución xeral
[editar | editar a fonte]A maioría das eirugas teñen uns corpos longos, tubulares, e segmentados. O seu corpo é brando e crece, inflando rapidamente, como globos, entre as diferentes mudas. Só a cápsula da cabeza é de consistencia dura.
Cabeza
[editar | editar a fonte]Nas eirugas, as mandíbulas son duras e afiadas para mastigar as follas; porén, na maioría dos lepidópteros adultos, as mandíbulas atópanse moi atrofiadas, ou son incluso brandas. Detrás das mandíbulas da eiruga podemos atopar o aparato fiador, que segrega e manipula a seda.
Segmentos corporais e extremidades
[editar | editar a fonte]As eirugas contan con tres pares de patas verdadeiras nos tres segmentos torácicos, tendo ata catro pares de extremidades falsas nos segmentos medios do abdome, e incluso a miúdo un único par de falsas extremidades provistas de pequenas unllas ou ganchos no último segmento abdominal, tendo dez segmentos abdominais en total. As familias de lepidópteros difiren no número e posición das extremidades falsas. Por exemplo, mentres a separación entre segmentos dalgunhas especies é moi pequeno, noutras, como nas pertencentes á familia das Xeometridae, é moito maior. Os xeómetras, tamén chamados vermes medidores, reciben ese nome debido á súa maneira de avanzar, que parece medir a terra. A palabra xeómetra significa de feito medidor da terra en grego) e a principal razón para este desprazamento tan peculiar é a eliminación de case todas as falsas extremidades excepto as prensoras do segmento final.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Eirugas de Galicia |
- Artigo principal: Galería de imaxes de eirugas de Galicia.