Ecúmene
A ecúmene (do grego οἰκουμένη, oikouménē, «terra habitada»)[1] é o conxunto do mundo coñecido por unha cultura. Xeralmente distínguese como aquela porción da Terra permanentemente habitada, en contraposición ao anecúmene ou áreas deshabitadas ou temporalmente ocupadas.
Historia do termo
[editar | editar a fonte]Durante o período helenístico, ecúmene facía referencia á parte da Terra que estaba habitada, xa fose por toda a humanidade ou só por unha parte desta. Con frecuencia referíase ás terras habitadas polos gregos, excluíndo aquelas que estaban ocupadas polos bárbaros. Co dominio de Roma, ecúmene empregouse xeralmente para aludir ao Imperio na súa totalidade.
No Novo Testamento o termo pode facer referencia tanto ao mundo actual como ao futuro reino de Cristo. Na literatura do Imperio Romano de Oriente reflíctese o uso grecorromano, pero por influencia do cristianismo inclúese aos pobos fóra do dominio imperial onde hai igrexas ou comunidades cristiás.
Esta acepción de Ecúmene foi incorporada polo uso eclesiástico; por iso, os concilios de toda a Igrexa foron chamados ecuménicos e o Patriarca de Constantinopla tivo o título de Patriarca ecuménico. Esta alusión á universalidade é a raíz do moderno concepto de ecumenismo.
Ecúmene na ficción
[editar | editar a fonte]- J. R. R. Tolkien describiu o seu concepto de Terra Media como o equivalente do que os gregos chamaban ecúmene: o lugar en que vivían os homes.[Cómpre referencia]
- Na serie de novelas de ciencia ficción Os príncipes demo, escrita por Jack Vance, o termo Oikumene refírese aos mundos da galaxia habitados por seres humanos.
- Na man esquerda da escuridade e outras obras relacionadas de Ursula K. Le Guin, o Ekumen é unha sorte de confederación de mundos habitados, unidos por comunicación instantánea, pero separados pola viaxe máis lenta que a luz.
- Na triloxía A idade de ouro de John C. Wright, a Ecúmene Dourada é unha unidade política que abarca parte do Sistema Solar.
- No universo de Halo, a ecúmene é a forma de afiliación política dos Forerunner.