Dr. Alimantado
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1952 (71/72 anos) Kingston, Xamaica |
Actividade | |
Campo de traballo | Reggae |
Ocupación | cantante, produtor, produtor musical, disc-jóckey |
Xénero artístico | Reggae |
Instrumento | Voz |
Dr. Alimantado, nado coma Winston Thompson, tamén coñecido coma The Ital Surgeon, nado en Kingston en 1952, é un cantante, DJ e produtor de reggae xamaicano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a gravar música dende moi cativo baixo varios nomes (Prince Winston, Winston Cool or Youth Winston). As súas primeiras gravacións estiveron amparadas polo mítico Lee "Scratch" Perry e Bunny Lee ("Place Called Africa Version 3" e "Maccabee Version"). En 1976 volveu colaborar con Lee Perry gravando as bases de Devon Irons 12" "Ketch Vampire". Entre 1971 e 1977 os seus sinxelos non se comercializaron fóra de Xamaica, sendo o recurso ao mercado de importación a única maneira de escoitalos. O seu recoñecemento musical chegoulle con temas coma "Oil Crisis" (versión da canción de Horace Andy "Ain't No Sunshine"), "Sons of Thunder", (sobre a base do tema de Jackie Brown "Wiser Dread"), "Gimme Mi Gun", versioneando o tema de Gregory Isaacs "Thief a Man", e "Poison Flour", na que emprega o ritmo do tema de The Paragons "Man Next Door". O seu disco máis vendido é Best Dressed Chicken in Town (1978), unha recompilación dos seus mellores temas editado por Greensleeves Records.
Nas súas cancións o Dr. Alimantado mestura a súa filosofía rastafari con comentarios sobre eventos que pasaban na súa comunidade. así, o tema "Poison Flour" fai referencia a un envelenamento masivo de kingstoniáns por comer pan feito con fariña contaminada. Alimentado fíxose moi popular entre os punkies dos 70 ó ser alabado polo seu "gurú" Johnny Rotten nunha entrevista. Tamén The Clash mencionou a Dr. Alimantado na canción "Rudie Can't Fail", no verso que di Like the doctor who was born for a purpose. Máis recentemente o rapeiro Mr. Rango homenaxeouno sinalando nunha das súas rimas que chegara best dressed chicken.
Debido ao éxito de Best Dressed Chicken e da seguinte compilación, Sons of Thunder, firmou con Virgin Records coma cantante. Aínda que demostrou un notable talento musical, os seus discos coma cantante nunca capturaron ao público coma aqueles nos que producía e remesturaba grandes temas ao estilo dos grandes DJ dos sound system (Count Machuki, Bunny Lee, U-Roy, Lee Perry, King Tubby...)
Desde 1983 só traballa coma produtor, sendo o seu último traballo Stop Your Fighting para o selo de Mad Professor Ariwa label, unha remestura sobre o ritmo do tema "Fever" de Horace Andy.