Dick Spanner, P.I.

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Dick Spanner, P.I.
Formato4:3
Creado porTerry Adlam
Desenvolvido porVirgin Group
Escrito porTony Barwick (como Harry Bolt)
Dirixido porSteven Begg
Terry Adlam
IntérpretesShane Rimmer
País de orixeReino Unido Reino Unido
Temporadas1
Episodios22
Produción
Produtor(es)
executivo(s)
Gerry Anderson
Christopher Burr
CámaraSteven Begg
Bob Bell
Duración6 min
Emisión orixinal
Canle de orixeChannel 4
Primeira emisión3 de maio de 1987
Derradeira emisión27 de setembro de 1987

Dick Spanner, P.I. é unha serie cómica de animación británica en stop motion de 1987, parodia os relatos de detectives de novela negra, típicos de autores como Raymond Chandler.[1] O personaxe principal e protagonista da serie é Dick Spanner (con voz de Shane Rimmer), un detective privado robótico que traballa en casos nunha urbe do futuro. O programa emprega decote xogos de palabras e gags visuais.[1]

A serie consta de 25 episodios de seis minutos de duración cada un, que cubrían dúas historias de igual duración: «The Case Of The Human Cannonball» (en galego: O caso do home bala) e «The Case Of The Maltese Parrot» (en galego: O caso do papagaio maltés).[2] A serie emitiuse orixinalmente no Reino Unido como parte do programa Network 7 os domingo pola mañá en Channel 4, repetíndose após no mesmo canal na franxa nocturna.

Producida por Gerry Anderson, a serie foi creada e escrita por Terry Adlam, quen traballara previamente nos efectos especiais de Falcóns do espacio, creada por Anderson.[3] A serie serviu de inspiración para a campaña publicitaria de Gerry Anderson para Tennent Pilsner protagonizada polo personaxe Lou Tennent (con voz de Vivian Stanshall).

Lanzamentos comerciais[editar | editar a fonte]

Cinta VHS[editar | editar a fonte]

A serie foi lanzada en formato VHS pola compañía de vídeo Channel 5 (que lanzou moitas outras series de Gerry Anderson) a finais da década de 1980. Lanzáronse dous casetes, "The Case Of The Human Cannonball" e "The Case Of The Maltese Parrot"; ambos casos viñan nas cintas cos seus episodios unidos para amosar cada historia de forma completa, con pequenos cortes. A principios da década de 1990, ambos casos foron reeditados nun só casete por PolyGram Video. Tódalas cintas que saíron en VHS son na actualidade difíciles de conseguir.

DVD[editar | editar a fonte]

Un DVD da serie foi lanzado o 15 de outubro de 2007,[4] con extras que inclúen unha entrevista con Gerry Anderson.[5] A petición do propio Anderson, os episodios presentaron unha nova música de fondo, acústica en lugar da música de fondo de sintetizador orixinal (que probablemente sexa a máis famosa e recordada da serie). Os efectos de son modificáronse de xeito que moitos gags de son da serie se viron afectados. A calidade das gravacións parece un pouco degradada respecto ás lanzadas en formato VHS. Ademais a imaxe tamén se recortou a formato 16:9, perdéndose parte da visualización no proceso. A versión lanzada en DVD divídese nos episodios orixinais de seis minutos, porén os créditos orixinais do final substituíronse por outros novos para o DVD.

O 4 de setembro de 2017 DVD Network lanzou un novo DVD; este presenta a música orixinal e os episodios no formato orixinal de 4:3, é dicir, sen recortar, coas dúas historias presentadas en episodios a xeito de compilación. Ademais o DVD presentou de xeito adicional a introdución da terceira parte da serie, que resultou inconclusa, e incluíu «The Case of the Screaming Dame» (2017), unha historia en animatic creada por Terry Adlam, protagonizada por Dick Spanner e dividida en dúas partes.[6]

A desaparición da marioneta[editar | editar a fonte]

En outubro de 2007, varios periódicos (incluído The Independent) informaron que Gerry Anderson andaba buscando o monicreque orixinal de Dick Spanner, que fora visto por última vez en posesión dun tal "Clive", un home que traballara na serie.[7] Após sóubose que todo fora un truco publicitario para promover o lanzamento do novo DVD. A iniciativa tomouna un publicista de deuvedés sen o coñecemento de Gerry Anderson.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Worthington, TJ (decembro de 2002). "Comedy on Channel 4 Part Two: From Ruby Wax to Roger Mellie". Off The Telly (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12-10-2007. Consultado o 18-06-2019. 
  2. "Dick Spanner". páxina web oficial de Gerry Anderson (en inglés). Consultado o 18-06-2019. 
  3. Terry Adlam. "Film, TV & Video" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02-10-2011. Consultado o 18-06-2019. 
  4. "Dick Spanner P.I. Set [2007] (Gerry Anderson)". Amazon.co.uk. Consultado o 18-06-2019. 
  5. "Review of Dick Spanner P.I.". myReviewer.com (en inglés). Consultado o 18-06-2019. 
  6. "Dick Spanner, P.I.:The Complete Series". Amazon.com. Consultado o 19-06-2019. 
  7. Owen, Jonathan (21-10-2007). "Help! One of my puppets is missing, says T-bird 1". The Independent (Londres). Consultado o 18-06-2019. 
  8. Freeman, John (25-10-2007). "Local Papers Victims of Spanner PR Stunt". Downthetubes (en inglés). Consultado o 18-06-2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]