Detido desaparecido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Detido desaparecido ou detidos desaparecidos (DD.DD.) é o apelativo que comunmente se emprega nos países de América Latina para referirse ás vítimas de crimes de desaparición forzada, xeralmente opositores políticos, cometidos por diversos réximes militares autoritarios durante as décadas de ´70 e ´80.

Orixe[editar | editar a fonte]

Cartón informativo dun detido desaparecido chileno durante a ditadura militar de Pinochet.

Estímase que a aparición simultánea e masiva desta práctica en diversos países derivouse do adestramento común recibido por parte dos encargados da represión, nunha institución situada en Panamá chamada Escola das Américas, dependente do goberno dos Estados Unidos.

Práctica[editar | editar a fonte]

O primeiro paso deste método consistiu, en grandes liñas, no apresamento das vítimas por parte de órganos da forza pública, grupos encubertos de policía secreta ou paramilitares que contaban co apoio oficial. En ocasións, o arresto realizábase con certa formalidade, noutras, revestía a aparencia e brutalidade dun secuestro.

Unha vez apresada, a vítima era normalmente sometida a sesións de tormentos físicos e psicolóxicos, mentres que as canles oficiais de información negaban a próximos e parentes ter coñecemento do destino ou paradoiro da persoa. Finalmente, o prisioneiro era asasinado e o seu cadáver ocultado.

O ocultamento do cadáver efectuábase, en moitas ocasións, con apoio de medios aéreos, como avións e helicópteros, desde os que os corpos eran lanzados ao mar ou a zonas inaccesíbeis.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A desaparición masiva de persoas implicou longos anos de procura e sufrimento para os seus familiares (motivando estados angustiosos graves ao vivir longos loitos inconclusos). Esta situación levou aos parentes a organizarse en demanda de información, xustiza e na procura dos cadáveres, mediante a elevación de recursos de habeas corpus aos tribunais. Por exemplo, en Chile actuou a Agrupación de Familiares de Detidos Desaparecidos e Executados Políticos e na Arxentina a Asociación de Nais de Praza de Maio.

Esta tenebrosa práctica obrigou, co paso dos anos e a caída das ditaduras que a realizaron, á creación de instancias oficiais de aclaración destes casos (como a Comisión Nacional sobre a Desaparición de Persoas na Arxentina) e dun novo tipo penal en moitos dos países afectados, onde hoxe se castiga explícitamente a desaparición forzada de persoas, ademais de tratados e convencións internacionais.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

Rubén Blades compuxo unha canción sobre este drama co título "Desapariciones", que tamén é interpretada polos grupos Los Fabulosos Cadillacs e Maná. O refrán di:

¿Adónde van los desaparecidos?
Busca en el agua y en los matorrales.
¿Y por qué es que se desaparecen?
Porque no todos somos iguales.
¿Y cuándo vuelve el desaparecido?
Cada vez que los trae el pensamiento.
¿Cómo se le habla al desaparecido?
Con la emoción apretando por dentro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Listaxes de detidos desaparecidos