Der Golem, wie er in die Welt kam é un filme mudo alemán dirixido por Paul Wegener e Carl Boese que se estreou en 1920. O guión baséase na novela de 1915 Der Golem de Gustav Meyrink.[1][2][3] O filme é o terceiro dos tres que Wegener fixo sobre o ser golem, sendo as outras dúas Der Golem (1915) e a comedia curta Der Golem und die Tänzerin (1917). Este filme é o máis famoso dos tres de Wegener porque é o único que non se perdeu e chegou ata a actualidade.
No século XVI, no gueto de Praga, vivía o Rabino Löw, mago e mestre na arte da nigromancia. Para evitar a expulsión dos xudeus, ordenada polo Emperador Rodolfo II, modelou a figura de arxila do Golem e invocou ó espírito de Astaharot para que lle outorgase a vida. Porén, cando os xudeus conseguen quedar na cidade, e o Golem salva a vida do Emperador, o rabino trata de invalidar o seu conxuro e quitarlle a vida porque xa realizou o seu cometido. Pero cando un servente, cegado de amor, devólvelle a vida, a figura de arxila escapa da influencia humana e convértese nunha ameaza.