Deleción
En xenética, unha deleción[1] é un tipo de anomalía estrutural cromosómica que consiste na perda dun fragmento de ADN dun cromosoma e dos xenes que houbese alí.[2] Esta perda origina un desequilibrio, polo que as delecións están incluídas dentro das reordenaciones estruturais desequilibradas. O portador dunha deleción é monosómico respecto á información xénica do segmento correspondente do homólogo normal.[3]
Unha deleción pode producirse no extremo dun cromosoma (deleción terminal) ou ao longo dun dos seus brazos (deleción intersticial).[3]
A orixe das delecións pode ser unha simple rotura cromosómica e perda do segmento acéntrico. En certos casos, as delecións son o resultado dun entrecruzamento desigual entre cromosomas homólogos ou cromátides irmás mal aliñados. Tamén se poden producir na descendencia por segregación anormal dunha translocación ou unha inversión equilibradas dos proxenitores.[3]
Incidencia
[editar | editar a fonte]As delecións autosómicas citoxeneticamente visibles teñen unha incidencia de aproximadamente 1/7.000 nacidos vivos. As delecións submicroscópicas máis pequenas detectadas por medio de análises con micromatrices (microarrays) son moito máis frecuentes, pero aínda non se determinou o significado clínico destas microdelecións.[3]
Detección
[editar | editar a fonte]Para detectar unha deleción demasiado pequena como para ser detectada en preparacións metafásicas adoitan utilizarse as técnicas de bandeo de alta resolución ou a técnica FISH. Para ser detectada por bandeo de alta resolución a deleción debe ser de polo menos varios millóns de pares de bases. Polo contrario, a técnica FISH e as técnicas de micromatrices poden detectar delecións cariotípicamente indetectables ou delecións dubidosas con consecuencias fenotípicas utilizando para iso sondas específicas da rexión de interese.[3]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]A deleción de material xenético pode afectar desde a un só nucleótido (deleción puntual) a grandes rexións visibles citoxeneticamente.[3] As pequenas delecións é menos probable que sexan letais; as máis grandes xeralmente si o son. As de medio tamaño orixinan diversos trastornos nos humanos. A consecuencia clínica das delecións é a haploinsuficiencia, é dicir, a incapacidade da copia única do material xenético (a outra perdeuse pola deleción) para levar a cabo as funcións que normalmente efectúan as dúas copias. As consecuencias parecen depender do tamaño do segmento delecionado e do número e funcións dos xenes que contén. A deleción dun número de pares de bases que non é divisible por tres orixina unha mutación por corremento da pauta de lectura, que fai que todos os codóns que van despois do lugar da deleción se lean incorrectamente durante a tradución de proteínas, producindo proteínas moi alteradas e non funcionais. Mesmo poden aparecer codóns de parada prematuros. Cando a deleción afecta a un número de codóns divisible por tres é unha deleción dentro da pauta (ou in-frame).[4]
Investigacións recentes suxiren que algunhas delecións de secuencias moi conservadas (CONDELs) poden ser responsables das diferenzas evolutivas entre especies emparentadas. Tales delecións nos humanos denomínanse hCONDELs e poden ser responsables das diferenzas anatómicas e de comportamento entre os humanos, chimpancés e outros mamíferos.[5]
A deleción dun xene ou de parte dun xene pode ocasionar unha enfermidade ou unha anomalía. As delecións son responsables dalgúns casos de infertilidade masculina e 2/3 dos casos da distrofia muscular de Duchenne.[2] As delecións que afectan ao xene que codifica a proteína supervivencia de motoneurona (necesaria para un correcto splicing) causan atrofia muscular espiñal, a causa xenética máis común de morte infantil. Outros trastornos xenéticos nos que están implicadas delecións son:
- Síndrome do Cri du chat (deleción do brazo curto do cromosoma 5)
- Síndrome de Prader-Willi (deleción do brazo longo do cromosoma 15)
- Síndrome de Angelman (deleción dunha rexión do cromosoma 15)
- Síndrome deleción 22q13 (deleción do extremo distal do brazo longo do cromosoma 22)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Coordinadores: Jaime Gómez Márquez, Ana Mª Viñas Díaz e Manuel González González. Redactores: David Villar Docampo e Luís Vale Ferreira. Revisores lingüísticos: Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez Calvo. (2010). Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. (PDF). Xunta de Galicia. p. 57. ISBN 978-84-453-4973-1.
- ↑ 2,0 2,1 Lewis R. 2005. Human Genetics: Concepts and Applications, 6th Ed. McGraw Hill, New York.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Robert L., Nussbaum; Roderick R. McInnes; Huntington F. Willard (2008). "Capítulo 5: Principios de citogenética clínica". Thompson & Thompson. Genética en Medicina (en castelán) (7ª ed.). Barcelona: Elsevier Masson. pp. 68-75. ISBN 978-84-458-1870-1.
- ↑ LSDB - Controlled vocabulary terms Arquivado 06 de outubro de 2011 en Wayback Machine. at The GEN2PHEN Knowledge Centre. Posted Fri, 08/01/2010.
- ↑ McLean, C. Y.; Reno, P. L.; Pollen, A. A.; Bassan, A. I.; Capellini, T. D.; Guenther, C.; Indjeian, V. B.; Lim, X. et al. (2011). "Human-specific loss of regulatory DNA and the evolution of human-specific traits". Nature 471 (7337): 216–219. DOI:10.1038/nature09774. PMC 3071156. PMID 21390129. [1] Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine..