Defense Meteorological Satellite Program
Defense Meteorological Satellite Program ou, abreviadamente, DMSP, é un programa de satélites meteorolóxicos militares dos Estados Unidos.
Historia
[editar | editar a fonte]A orixe do programa está na necesidade de coñecer a distribución nubosa sobra a Unión Soviética como apoio ao programa de satélites espía CORONA de principios dos anos 1960. O incipiente sistema de satélites meteorolóxicos civís TIROS non se adecuaba ás necesidades militares, polo que a Oficina Nacional de Recoñecemento (NRO) comezou o desenvolvemento de satélites específicos para o seu fin. Co tempo o programa ampliou as súas funcións e deu cobertura a operacións militares ó longo do planeta.
Inicialmente o programa foi coñecido como DSAP (Defense Satellite Application Program) e os primeiros satélites só se comezaron a denominar DMSP de maneira retrospectiva, despois de que o programa se renomeara oficialmente en 1973.
Os satélites DMSP divídense en familias ou "bloques" segundo a tecnoloxía que usaban e a época na que foron lanzados. Pódense dividir en ata 11 bloques.
Bloques
[editar | editar a fonte]DSAP-1
[editar | editar a fonte]Coñecidos tamén como P-35, foron a primeira serie de satélites militares dos Estados Unidos. O programa foi inicialmente coñecido tamén coas designacións P-698BH e P-417. Os satélites eran máis pequenos e lixeiros que os satélites civís TIROS. Con forma de poliedro de 10 lados, 53 cm de altura e 58 cm de diámetro, pesaban entre 45 e 55 kg. Estabilizábanse mediante xiro a unhas 12 r.p.m., co eixo de xiro perpendicular ao plano orbital grazas a un sistema de torque magnético. A bordo levaban unha cámara de televisión coa que tomar imaxes da superficie terrestre, que eran gardadas en cinta magnética para logo ser transmitidas a estacións terrestres. Os satélites DSAP-1 eran lanzados a unha órbita heliosincrónica. Inicialmente usáronse foguetes Scout X-2M e Scout X-3M, pero dado o pobre resultado (perdéronse tres satélites de cinco lanzamentos) pasouse a usar foguetes Thor Agena D e posteriormente Thor Burner 1.
Lanzáronse un total de 11 satélites DSAP-1 entre 1962 e 1965, dos cales 4 non chegarían a órbita.
DSAP-2
[editar | editar a fonte]O segundo bloque de satélites DMSP só tivo tres membros, dos cales un non chegou a órbita. Os tres foron lanzados entre 1965 e 1966 mediante foguetes Thor Burner 1. Tratábase de satélites DSAP-1 modificados con radiómetros infravermellos mellorados.
DSAP-3
[editar | editar a fonte]Só houbo un satélite DSAP-3, lanzado mediante un foguete Thor Burner 1 o 20 de maio de 1965 e chegando a órbita con éxito. Era un DSAP-2 modificado para probar de maneira experimental o acceso táctico a información meteorolóxica. Probouse para recibir datos nunha estación terrestre cerca de Saigón.
DSAP-4A
[editar | editar a fonte]A familia DSAP-4A supuxo un salto cualitativo no programa. Lanzáronse catro entre 1966 e 1967, todos con éxito, mediante Thor Burner 2. Eran lixeiramente máis grandes que os seus predecesores, con 76 cm de diámetro, 73 cm de altura e uns 79 kg de peso. Tamén se estabilizaban mediante xiro. Levaban dúas cámaras de televisión a bordo e un radiómetro infravermello de alta resolución para medir perfiles de altura das nubes. A cinta grabadora de abordo tiña maior capacidade que nos satélites anteriores e era capaz de proporcionar información meteorolóxica táctica en tempo real a grupos móbiles en terra ou a buques no mar.
DSAP-4B
[editar | editar a fonte]A sexta versión de satélites DMSP eran lixeiramente máis grandes que os seus predecesores e proporcionaban unha maior cobertura meteorolóxica. Lanzáronse tres unidades entre 1968 e 1969, todas sobre foguetes Thor Burner 2. Fabricouse unha cuarta unidade que non chegou a lanzarse e que foi doada ao Museo da Ciencia e da Industria de Chicago.
DSAP-5A
[editar | editar a fonte]Unha versión mellorada dos anteriores modelos. Lanzáronse tres entre 1970 e 1971, todos exitosos, mediante foguetes Thor Burner 2.
DMSP-5B
[editar | editar a fonte]Lanzáronse cinco satélites desta versión de maneira exitosa, todas entre 1971 e 1974 mediante Thor Burner 2.
DMSP-5C
[editar | editar a fonte]Lanzáronse tres unidades entre 1974 e 1976 desta versión mellorada, co último dos satélites acabando nunha órbita incorrecta por fallo da terceira etapa. Os tres foron lanzados usando Thor Burner 2A.
DMSP-5D1
[editar | editar a fonte]Esta versión foi tamén coñecido como AMS (Advanced Meteorological Satellite). Foi a primeira versión na que os satélites estabilizábanse nos tres eixos en lugar de mediante xiro e integraban a propulsión no bus, consistente nun motor Star 37XE e un Star 37S. A alimentación eléctrica era producida por un panel solar de oito segmentos. Lanzáronse cinco, entre 1976 e 1980, co último non chegando a órbita a causa do malfuncionamento do foguete.
DMSP-5D2
[editar | editar a fonte]Versión máis grande que os 5D1. Foron lanzados nove entre 1982 e 1997, oito mediante Atlas E/F e un mediante Titan II SLV, todos con éxito.
DMSP-5D3
[editar | editar a fonte]O bloque máis recente e último da programa é unha versión mellorada dos 5D3. Integran un único motor Star 37XFP e o seu instrumento principal é a cámara Operational Linescan System (OLS). Tamén levan a bordo un sondador de microondas, un detector ultravioleta, un fotómetro, un detector de plasma, un espectrómetro e un detector de láser. Os dous primeiros membros foron lanzados mediante Titan II SLV, mentres que un terceiro foi lanzado mediante un Delta 4M e os dous últimos mediante Atlas 5, todos entre 1999 e 2014.
Notas
[editar | editar a fonte]- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DSAP-1" (en inglés). Consultado o 16 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DSAP-2" (en inglés). Consultado o 19 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DSAP-3" (en inglés). Consultado o 19 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DSAP-4A" (en inglés). Consultado o 19 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DSAP-4B" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DSAP-5A" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DSAP-5B / DMSP-5B" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DMSP-5C" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DMSP-5D1 F1, 2, 3, 4, 5" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DMSP-5D2 F6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "DMSP-5D3 F15, 16, 17, 18, 19, 20" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Mark Wade (2019). "DMSP" (en inglés). Consultado o 16 de novembro de 2019.
- Mark Wade (2019). "DMSP Block 5A" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Mark Wade (2019). "DMSP Block 5B" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Mark Wade (2019). "DMSP Block 5C" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Mark Wade (2019). "DMSP Block 5D" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Mark Wade (2019). "DMSP Block 5D2" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- Mark Wade (2019). "DMSP Block 5D3" (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Defense Meteorological Satellite Program |