Dassault Mirage 2000

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Dassault Mirage 2000
Mirage 2000C in-flight 2 (cropped).jpg
Tipocaza multirrol
FabricanteDassault Aviation
Primeiro voo10 de marzo de 1978
Introducidoxullo de 1984
Estadoen servizo
Principais usuariosForza Aérea de Francia
Forza Aérea dos Emiratos Árabes Unidos
Forza Aérea de Taiwán
Forza Aérea da India
Produción1978 - 2007
Unidades construídas601
VariantesDassault Mirage 2000N/2000D

O Dassault Mirage 2000 é un caza multirrol monomotor francés de cuarta xeración fabricado por Dassault Aviation. Deseñouse a finais dos anos 70 como caza lixeiro para substituír aos Mirage III da Forza Aérea de Francia. O Mirage 2000 evolucionou cara un avión multirrol con varias variantes desenvolvidas, sendo vendido a un feixe de países. Posteriormente desenvolvéronse as variantes de ataque Mirage 2000N e 2000D, o mellorado Mirage 2000-5, e varias variantes de exportación. Contruíronse un total de 601[1] avións que operaron en nove nacións.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Proxectos previos[editar | editar a fonte]

As orixes do Mirage 2000 remontanse ata o ano 1965, cando Francia e Reino Unido accederon a desenvolver a aeronave de xeometría variable anglo-francés (AFVG). Dous anos despois Francia retirouse do proxecto por motivos de custos, tras o cal Reino Unido colaborou Con Alemaña occidental e Italia para finalmente producir o Panavia Tornado. Dassault centrouse no seu lugar no seu propio avión de xeometría variable, o prototipo experimental Dassault Mirage G. Agardábase que o deseño se materializase no Mirage G8, que serviría como substituto do popular Mirage III na Forza Aérea de Francia.[2][3]

O Mirage 2000 comezou como un proxecto secundario en 1972 chamado "Delta 1000". Dassault estaba dedicando unha gran atención ao Mirage G8A, un derivado de xeometría fixa do Mirage G8 que servía como competidor do Panavia Tornado. O Mirage G8, que foi concibido como o "Futuro Avión de Combate" (ACF) da Forza Aérea francesa, non se alineaba coa concepción de servizo do seu futuro avión. A Forza Aérea quería un caza Mach 3, non un avión interceptor incapaz de loitar contra outro avión como era o Mirage G8. Polo tanto, Dassault redeseñou o Mirage G8 como o bimotor Super Mirage G8A que demostrou ser demasiado ambicioso e caro, custando dúas veces e media o prezo do Mirage F1 e estaba sobredimensionado en canto á súa enxeñería, especialmente comparado co F-16 que acababa de gañar ordes en varios países europeos. Como consecuencia disto, durante unha reunión do Consello Nacional de Defensa o 18 de decembro de 1975, o Super Mirage foi cancelado.[4][5]

O ACF era primeiramente un avión de ataque e o seu rol secundario era o de interceptor, mentres que o Delta 2000 era o contrario, aínda que o monomotor Delta 2000 era moito máis accesible. Na mesma reunión do Consello Nacional de Defensa ofreceuse un redeseñado Mirage 2000 á Forza Aérea, que pediu tres prototipos. En marzo de 1976 a Forza Aérea publicou un conxunto de requisitos oficiais cuxos parámetros coincidían coas estimacións de rendemento que Dassault estimaba para o novo caza. O rol principal do avión era a intercepción, con capacidades secundarias de ataque a terra; a Forza Aérea tiña un compromiso por 200 unidades. O primeiro aparello tería que ser entregado en 1982.[5][3][6] Este foi un regreso aos Mirage de primeira xeración, pero con varias innovacións importantes que intentaron solucionar as súas carencias.

Produción[editar | editar a fonte]

A produción do Mirage 2000 realizouse en tres lugares, dous dos cales estaban en Bordeos, que se especializaron en distintos compoñentes. As ás fabricáronse en Martignas, e a fuselaxe en Argenteuil (ao noroeste de París), realizándose a montaxe final en Bordeos-Merignac. O primeiro prototipo, o Mirage 2000 No. 01, porén, foi construído a man en St Cloud, antes de moverse ás instalacións de Dassault en Istres para a súa montaxe. Pilotado por Jean Coureau, o No. 01 realizou o seu primeiro voo o 10 de marzo de 1978, apenas 27 meses despois do visto e prace do programa. Durante o voo de 65 minutos, Coureau levou o avión ata Mach 1,02 sen posqueimador, antes de trepar ata máis de 12 000 m de altitude e acelerar o avión ata Mach 1,3.[7][8][9] A finais de maio o avión superara Mach 2 e unha velocidade indicada de 650 nós (1 200 km/h). No outro extremo do espectro da velocidade, o Mirage 2000 demostrou ser un avión capaz a baixa velocidade, como se puido ver no Farnborough Airshow en setembro de 1978, durante o cal o piloto de Dassault Guy Mitaux-Maurourd elevou o ángulo do avión ata un ángulo de ataque de 25° mentres o avión voaba a tan só 100 nós (185 km/h). Probas posteriores demostraron que o avión podía acadar un ángulo de ataque de 30° levando tanques de combustible e armas.[10]

O segundo prototipo, o No. 02, realizou o seu primeiro voo de 50 minutos en setembro de 1978 con Maurourd aos controis. O avión probou algúns dos sistemas de aviónica e o transporte de armas. Debido a un apagón de chama no motor durante unha aproximación o avión perdeuse en maio de 1984. O No. 03 voou por vez primeira en abril de 1979; equipado cun sisema de armas completo, usouse para probas de radar e armamento. Tras 400 horas de voo, os avións enviáronse ao centro de probas de voo Centre d'Essais en Vol. Aínda que a Forza Aérea só pedira tres prototipos en decembro de 1975, Dassault construíu un cuarto demostrador adicional para os seus propios propósitos, incorporando leccións aprendidas cos anteriores avións, como a redución da altura da deriva e o incremento do seu ángulo, entradas de aire redeseñadas, e un sistema fly-by-wire. O único Mirage 2000B biprazado programa de probas voou por vez primeira o 11 de outubro de 1980.[11][12]

O primeiro Mirage 2000C (C de chasseur, "caza") de produción voou o 20 de novembro de 1982.[5] As entregas á Forza Aérea de Francia comezaron en 1983. Os primeiros 37 Mirage 2000Cs entregados estaban equipados co Thomson-CSF Radar Doppler Multifunction (RDM), e impulsados polo motor turboventilador SNECMA M53-5. O Mirage 2000C número 38 tiña un motor mellorado SNECMA M53-P2. O Radar Doppler à Impulsion (RDI) fabricado por Thales para o Mirage 2000C entrou en servizo en 1987. Tiña unha autonomía mellorada duns 150 km, e estaba ligado aos mísiles Matra Super 530D, moito mellores que os máis vellos Super 530F. As capacidades de exploración e disparo a cotas inferiores están moito máis melloradas, pero este radar non adoita a ser usado para roles de aire-terra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Last Mirage 2000s delivered". HighBeam Research. 2018-03-10. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2018. Consultado o 2022-03-10. 
  2. "Dassault Mirage 2000 - Multi-role Aircraft - History, Specs and Pictures - Military Aircraft". web.archive.org. 2015-10-05. Archived from the original on 05 de outubro de 2015. Consultado o 2022-03-10. 
  3. 3,0 3,1 Richardson, Doug; Ramsden, J. M.; Velupillai, David; Warwick, Graham (20-26 de agosto de 1978). "Mirage 2000: Dassault's better delta". Flight International. Londres, UK: IPC Transport Press. 114 (3523): 637. ISSN 0015-3710
  4. Frawley, Gerard (2002). The international directory of military aircraft 2002/03 (Rev. 4th ed ed.). Fishwick, ACT: Aerospace Publications. ISBN 1-875671-55-2. OCLC 49889336. 
  5. 5,0 5,1 5,2 general editor, David Donald (1997). The complete encyclopedia of world aircraft. New York, NY. ISBN 0-7607-0592-5. OCLC 37976989. 
  6. Encyclopedia of modern military aircraft. London: Amber Books Ltd. 2006. ISBN 1-904687-84-9. OCLC 79862721. 
  7. "Mirage 2000 in production". Flight International. Londres, UK: IPC Transport Press. 122 (3826): 657. 29 de agosto - 4 de setembro de 1982.
  8. Spick 2000, p. 420
  9. "Dassault Mirage 2000", World Air Power Journal, p. 57.
  10. "Dassault Mirage 2000", pp. 57-58.
  11. "Mirage 2000 No 3 flies". Flight International. 19 de maio de 1979.
  12. World Air Power Journal, pp. 58-59

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Spick, Mike, ed. (2000). "Dassault Mirage 2000". Great Book of Modern Warplanes. Osceola, WI: MBI. ISBN 0-7603-0893-4. .