Cruz de Occitania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antiga Cruz de Occitania.

A cruz de Occitania - tamén chamada cruz Occitana, cruz de Languedoc, cruz de Forcalquier e cruz de Tolosa - é o símbolo de Occitania. Utilizouse por vez primeira como tal, probablemente, no escudo de armas dos condes de Forcalquier (Provenza), e logo polos condes de Tolosa no territorio tradicional de Languedoc. Máis tarde estendeuse a outras provincias de Occitania como Provenza, Güiena, Gascuña, Delfinado, Auvernia e Lemosín. Unha cruz occitana amarela con fondo vermello, xunto a unha estrela de sete puntas de ouro da Félibrige, constitúen hoxe en día o pavillón de Occitania. Tamén se pode atopar nos emblemas de Mediodía-Pireneos, Languedoc-Rosellón, Altos Alpes e o Val de Arán, entre moitos outros, así como en cemiterios e en cruceiros de camiños.

A Cruz de Occitania é tecnicamente descrita como unha "tricúspide, baleira e pometeada de ouro", isto é, unha cruz curvilínea cuxos brazos rematan en tres puntas, representada unicamente polo seu contorno e rematada en círculos recheos.

Entre os especialistas aínda é obxecto de controversia se a súa primeira aparición no territorio occitano se rexistra no Languedoc ou na Provenza.