Cromosoma plumoso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cromosoma plumoso do núcleo dun ovocito de Triton.

Os cromosomas plumosos ou cromosomas en escobilla (lampbrush chromosomes) son un tipo especial de cromosomas que se encontran nos ovocitos en crecemento (inmaduros) de moitos tipos de animais, pero non en mamíferos, que presentan unhas expansións que lle dan forma de pluma ou de escobilla limpatubos e están en activa transcrición. Foron observados por primeira vez por Walther Flemming en 1882 en ovocitos de anfibios. [1]. Os cromosomas plumosos mellor descritos son os dos anfibios anuros e urodelos, aves e insectos [2][3][4]. Os cromosomas normais transfórmanse en plumosos durante o estado de diploteno da profase I da meiose cando se expanden e experimentan unha activa transcrición de moitos xenes [5][6][7] . Volven outra vez ao estado compactado na metafase I meiótica. No diploteno estes cromosomas están no estado de bivalentes (dous cromosomas homólogos unidos, cada un con dúas cromátidas). As fibras das cromátidas forman moitos bucles dispostos ao longo do eixe maior do cromosoma. Os bucles permiten que o ADN estea dispoñible para o proceso de transcrición durante a maduración do ovocito [8][9]. Os cromosomas plumosos son claramente visibles con microscopio óptico, co que se ve que están organizados nunha serie de cromómeros con grandes bucles de cromatina estendidos lateralmente.

Os cromosomas plumosos de anfibios e aves poden ser illados do núcleo (vesícula xerminal) do ovocito microcirúrxicamente usando fórceps ou agullas. [10][11].

Un determinado bucle sempre contén a mesma secuencia de ADN, e permanece estendido do mesmo modo durante o crecemento do ovocito. Estes cromosomas producen grandes cantidades de ARN para cubrir as necesidades do ovocito, e a maior parte dos xenes presentes nos bucles de ADN están sendo expresados activamente. Cada bucle lateral contén unha ou varias unidades de transcrición cunha matriz de ribonucleoproteínas polarizada cubrindo o eixe de ADN do bucle [12][13][14]. Porén, a maioría do ADN, non está formando bucles senón que permanece en forma moi condensada nos cromómeros do eixe, onde os xenes xeralmente non se expresan.

Pénsase que os cromosomas interfásicos de todos os eucariotas están organizados igualmente en bucles (aínda que non sempre formen cromosomas plumosos). Normalmente estes bucles son demasiado pequenos e fráxiles para ser observados facilmente con microscopio óptico, pero poden usarse outros métodos para inferir a súa presenza. Estes experimentos e outros suxiren que o ADN dos cromosomas humanos está organizado en bucles de diferentes lonxitudes. Un bucle típico pode conter entre 50.000 e 200.000 pares de nucleótidos de ADN, aínda que foron suxeridos tamaños de ata un millón de pares de nucleótidos.

Os cromosomas xigantes en forma plumosa son útiles como modelos para o estudo da organización dos cromosomas, funcións do xenoma e expresión dos xenes durante a profase meiótica, xa que permiten que se poida visualizar a transcrición de determinadas unidades [15]. Ademais, os cromosomas plumosos son moi utilizados para o mapeado de alta resolución de secuencias de ADN e a construción de mapas citolóxicos detallados dun cromosoma determinado. [16].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Flemming W (1882) Zellsubstanz, Kern- und Zelltheilung. Vogel, Leipzig.
  2. Callan HG (1986) Lampbrush Chromosomes. Springer-Verlag, Berlin, Heidelberg. 252pp.
  3. Morgan, G.T. (2002) Lampbrush chromosomes and associated bodies: new insights into principles of nuclear structure and function. Chromosome Research. 10: 177 - 200.
  4. Gaginskaya E, Kulikova T, Krasikova A (2009) Avian Lampbrush Chromosomes: a Powerful Tool for Exploration of Genome Expression. Cytogenet Genome Res. V.124. P.251-267.
  5. Macgregor, H. Lampbrush chromosomes . School of Biosciences, University of Exeter.
  6. Callan, H.G. (1986). "Lampbrush chromosomes". Mol Biol Biochem Biophys 36: 1–252. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/3531807. 
  7. Gall, J.G.; Murphy, C.; Callan, H.G.; Wu, Z.A. (1991). "Lampbrush chromosomes". Methods Cell Biol 36: 149–66. DOI:10.1016/S0091-679X(08)60276-9. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/1811131. 
  8. Izawa, M.; Allfrey, V.G.; Mirsky, A.E. (1963). "The Relationship between RNA Synthesis and Loop Structure in Lampbrush Chromosomes". Proceedings of the National Academy of Sciences 49 (4): 544–551. http://www.pnas.org/cgi/reprint/49/4/544.pdf. 
  9. Callan, H.G. (1963). "The Nature of Lampbrush Chromosomes". Int Rev Cytol 15: 1–34. DOI:10.1016/S0074-7696(08)61114-6. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/14283578. 
  10. Gall JG (1966) Techniques for the study of lampbrush chromosomes. In: Prescott DM (ed) Methods in cell physiology, vol II. Academic Press, London New York, pp 37-60.
  11. Macgregor HC, Varley J (1988) Working with Animal Chromosomes. 2nd edition. John Wiley & Sons.
  12. Macgregor HC (1984) Lampbrush chromosomes and gene utilisation in meiotic prophase. In: Controlling Events in Meiosis, W. Evans and H.G.Dickinson (Editors). The Company of Biologists. P 333-348.
  13. Morgan, G.T. (2002) Lampbrush chromosomes and associated bodies: new insights into principles of nuclear structure and function. Chromosome Research. 10: 177 - 200.
  14. Gaginskaya E, Kulikova T, Krasikova A (2009) Avian Lampbrush Chromosomes: a Powerful Tool for Exploration of Genome Expression. Cytogenet Genome Res. V.124. P.251-267.
  15. Morgan, G.T. (2002) Lampbrush chromosomes and associated bodies: new insights into principles of nuclear structure and function. Chromosome Research. 10: 177 - 200.
  16. Gaginskaya E, Kulikova T, Krasikova A (2009) Avian Lampbrush Chromosomes: a Powerful Tool for Exploration of Genome Expression. Cytogenet Genome Res. V.124. P.251-267.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]