Cristo da Vitoria de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cristo da Vitoria de Vigo.

O Cristo da Vitoria de Vigo ou Cristo da Boa Vitoria asóciase, tradicionalmente, á Reconquista de Vigo aos franceses no ano 1809, coa liberación da vila pola intercesión divina. Ángel Ilarri Gimeno, conservador do Pazo de Castrelos, atopou un documento transpapelado nas actas municipais de Vigo, un documento de 1740 no que Bernarda Bello de los Ríos pedía permiso ao Concello para colocar unha tarima para o seu uso e asento, que fora retirada cando o recente enlousado do templo, alá polo ano 1734 e tal como viñan facendo os seus maiores.

... echa y reedificada a su costa a la espalda de la columna que se halla frente a la que en que está colocado el Santissimo Christo de la buena Victoria, y a correspondencia de esta tarima que esta en el pilar al lado derecho sin que sirviese de estorbo ni ympedimento alguno

O Cristo de Vigo tamén é coñecido, por tradición oral, como "Cristo do Sal", pero non existe ningún documento oficial que acredite esta denominación. Vigo creceu grazas á salgadura do peixe e que o sal se converteu nun elemento crucial no seu desenvolvemento económico. Se a iso unimos que nos últimos traballos de restauración realizados sobre a talla en Madrid[1] non se atoparon nesta restos de sal que poidan dar veracidade á devandita lenda, iso formula serias dúbidas sobre a orixe da actual talla do Cristo.

A lenda[editar | editar a fonte]

Conta unha antiga tradición viguesa, que un barco cargado de sal encontrou en altamar unha imaxe de Xesús Crucificado. Foi recollida polos tripulantes da embarcación e pouco despois sobreveu unha horrible tempestade. Véndose en perigo de morrer envolvido nas enormes ondas que ameazaban afundir o barco, os mariñeiros fixeron a promesa de deixar a imaxe no primeiro porto no que puidesen atracar e asistir descalzos a unha misa que mandarían dicir. Calmouse a tempestade e o barco chegou, sen máis problemas, a Vigo. Unha vez no porto, libres xa do perigo que os ameazara, os mariñeiros esqueceron a súa promesa, e cando o tempo amainou, dispuxéronse a saír. Levantaron áncoras, despregaron as velas e comezou a navegar o buque cara ás illas Cíes. Ao pouco tempo, levantouse un vento borrascoso e encrespouse o mar, e o ceo iluminouse con lóstregos. De novo, volveron ao porto de Vigo, esperaron a que o tempo se calmase. Máis tarde intentaron saír de novo, e reproduciuse a tormenta o que os fixo regresar. Un terceiro intento resultou inútil. Foi nese momento cando se decataron da promesa incumprida e levaron a imaxe á antiga Colexiata da Cidade onde foi recollida polo prior desta, escoitando alí a misa prometida. Aquel mesmo día fixéronse ao mar.

Noutra versión da lenda, o barco atopa a imaxe no medio dunha terrible treboada. No momento que soben a imaxe a bordo o mar e o vento calman milagrosamente. Cando a tripulación chega ao porto de Vigo, contan o sucedido e a xente do Berbés, admirada do milagre, pídenlles que lles deixen quedar a imaxe na cidade. A tripulación négase, posto que consideran ao cristo coma o seu protector, e fanse ao mar cao imaxe abordo. Pero, pasadas as Cíes, levántase unha treboada que os abriga a volver a porto. Calmado o mar, volven intentalo co mesmo resultado, o temporal non os deixa saír da ría. A lenda remata dicindo que ao fin os mariñeiros entenden a causa dos seus problemas. Deixan o Cristo en Vigo e así poden saír ao mar sen atrancos.

Detrás da calquera das dúas versións atopamos un elemento común tamén a outras lendas relacionadas con imaxes relixiosas de gran devoción, como a da Franqueira, a elección. A imaxe chega a un determinado sitio pola súa elección, convertendo aos destinatarios, neste caso os vigueses, no seu pobo escolleito.

A historia[editar | editar a fonte]

Procesión do Cristo da Vitoria.

A partir do documento presentado por Bernarda a mediados do s. XVIII, as referencias ao Cristo multiplícanse, en ocasións referíndose a el como "O Cristo da Boa Vitoria", "o Christo da Vitoria" ou o "Bo Xesús da Vitoria", sendo esta última denominación a que podería achegar a clave sobre a orixe da talla. O termo da "Vitoria" tivo que atribuírse a unha imaxe xa existente e custodiada no templo da cidade baixo outra advocación, tras algún acción militar vitoriosa de certa relevancia na historia local. Curiosamente, o que si está documentado no século XVII, é a existencia dunha talla baixo a advocación do "Bo Xesús" na igrexa de Santa María, alá por 1605, recollida nunha breve relación de "confrarías, hospitalillos e ermidas" e anos máis tarde, como talla que acompañaba nunha capela colateral do templo ao "Patriarca" San Bieito, sobre a que pretendía exercer o padroado Diego Arias Taboada e ao que se opuxo o Concello"[2]. Quizais solapado pola gran devoción que se tiña na cidade a San Bieito, esta imaxe apenas recibe atención naqueles anos.

Corrían malos tempos para os campesiños, debido ás escasas colleitas que recollían e ante o temor do azoute da fame e das enfermidades, os vigueses comezaron a sacar en rogativa ao seu Cristo protector, acompañado con frecuencia pola nosa Señora da Soidade, polas rúas próximas ao templo, pero sempre dentro do recinto amurallado.

Moitas son as referencias sobre o Cristo ao longo deste séculos. Os fitos máis importantes:

  • 1740 (23 de maio) Bernarda Bello dos Ríos pide permiso ao Concello para colocar unha tarima, como viña facendo a súa familia, ... echa y reedificada a su costa a la espalda de la columna que se halla frente a la que está colocado el Santissimo Christo de buena Victoria ...
  • 1779 (27 de febreiro) existen na Igrexa de Santa María 6 confrarías: O Glorioso Santo Antonio, Santa Catharina, Nai de Deus, San Sebastián, Animas do Purgatorio e Santa Lucía.
  • 1790 (10 de xulio) Houbo un atentado contra os reis (Carlos IV e María Luísa de Parma) o Pleno Municipal decidiu componer un solemne Te Deum y Santa Misa, manteniendo al descubierto al Santísimo Christo de la Victoria,ymagen que continuamente aparece beneficiosa a estos naturales, con quien tienen una particular devoción.
  • 1801 (31 de xullo) Acordo plenario para pór ó Santísimo Cristo en novena debido a el calamitoso tiempo y a que faltan calores para la conservación de los frutos ...
  • 1810 (30 de marzo) O Concello acorda ... para todos los siglos venideros festivo el 28 de marzo, dedicándolo al Culto Divino y a la venerada efigie del Santísimo Cristo de la Victoria. Se Comboque a la Comunidad Religiosa de San Francisco y al pueblo a través de los gremiales ... por carta diligenciada ...
  • 1816 (18 de xaneiro) O Alcalde Buenaventura Marcó del Pont comprométese a custear do seu peculio un altar para o Cristo da Vitoria.
  • 1823 Sebastián Botana escribe a Novena do Cristo.
  • 1861 (11 de abril) Dona Magdalena de Haz, viúva de Don Benito Tejidora, doa un dosel de veludo dourado para o Santo Cristo da Vitoria.
  • 1862 (26 de abril) Accédese a que a procesión pase pola rúa do Príncipe á volta do Combento das Monxas.
  • 1866 (12 de abril) O Concello en Sesión Plenaria cambia a Procesión do Cristo do primeiro domingo de Pascua de Resurrección a outra estación máis axeitada, o primeiro domingo de xuño.
  • 1872 (17 de xuño) Solicitase que o Cristo da Vitoria se separe da Confraría das Animas e que lle constrúan un templo propio.
  • 1879 (18 de marzo) Decreto Pontificio de S.S. León XIII concedendo indulxencia plenaria ós fieis que visiten a imaxe do "Santísimo Cristo de la Buena Victoria" o día da súa festividade e os 50 días de indulxencias ós que asistan á Novena.
  • 1883 Trasládase a procesión do primeiro domingo de xuño para o primeiro domingo de agosto.
  • 1897 Antonio López de Neira costea "Un raio (foco luminoso) de luz Drummond ó Cristo" na rúa do Príncipe, traída de París para a súa procesión.
  • 1927 (28 de setembro) Visitan Vigo Afonso XIII e Vitoria Uxía que rezan ante o Cristo.
  • 1939 Fúndase en Madrid a parroquia do Cristo da Victoria, culto levado polo Bispo Eijo Garay, desmembrada da dos Dores. O seu primeiro párroco foi José Alcocer Moneo. Erixiuse para conmemorar "a vitoria" do 28 de marzo de 1939 en Madrid.

(6 de agosto) Felipe Sánchez, Tenente Coronel da Infantaría e Comandante militar da praza de Vigo, na misa do Cristo, cedeu a medalla de platino que lle concedera o Concello da cidade e que fora costeada por subscrición popular.

  • 1953 (19 de xuño) Créase a actual Confraría do Santísimo Cristo da Vitoria. Nese mesmo ano constitúese a "Hermandad de Señoras".
  • 1957 (20 de xullo) Concédenselle ó Santísimo Cristo da Vitoria honores militares de capitán xeneral con mando en praza.
  • 1958 Imponse a faixa de Capitán Xeneral ó Cristo.

1959 O Prelado concede permiso para celebra-la misa pola tarde os terceiros venres do mes, para os membros da Confraría.

  • 1963 Santiago Padrós Elías fermosea o presbiterio con dous mosaicos. É a primeira parte do seu traballo.
  • 1969 Remátanse as obras de reforma e decoración do presbiterio da Concatedral de Vigo, coa obra do catalán Santiago Padrós Elías (o mosaísta do Val dos Caídos) e a Casa Raventós S.A. de Madrid. As obras foron promovidas por José Conde, quen presidía a Confraría e costeada por devotos da cidade.

(3 de agosto) Cambiouse a imaxe do lateral do Evanxeo ó Presbiterio, pois o pobo visitaba o seu Altar e esquecíase de visitar o Santísimo Sacramento.

  • 1979 (9 de xuño) Don Leopoldo Eijo Garay, Patriarca das Indias e Bispo de Madrid (gran devoto do Cristo), lega as súas xoias á Parroquia de Santa María.
  • 1995 (20 de febreiro) Foi restaurada no Obradoiro do Museo de Pontevedra a imaxe do Cristo.
  • 1998 Pasa por Madrid para a súa restauración.

Localización da talla do Cristo da Vitoria[editar | editar a fonte]

Colexiata de Santa María de Vigo.

O Cristo da Vitoria de Vigo é unha talla venerada da Concatedral de Vigo, edificio neoclásico do arquitecto santiagués Melchor de Prado, que é coñecido popularmente como Colexiata de Vigo. O altar do Cristo da Vitoria estivo situado ata o século XIX nunha pequena capela situada na nave localizada á dereita da porta principal do templo e aí debía levar anos cando Bernarda solicita colocar unha tarima no interior do templo a mediados do s. XVIII. Dende a Reconquista da cidade aos franceses, a imaxe gañou en fervor entre os vigueses. Ese lugar non era o axeitado para renderlle culto. Aproveitando a edificación dun novo templo parroquial en 1816, o Intendente Honorífico do Exército e alcalde da cidade Buenaventura Marcó del Pont ofreceuse a custear do seu peculio o novo retablo do Santísimo Christo de la Victoria na nova Igrexa, segundo o deseñara Melchor de Prado.[3]

A morte do arquitecto santiagués e as demoras na construción do templo fixeron que a súa construción se atrasase até 1864.

O Himno ao Cristo[editar | editar a fonte]

É tradición cantalo ao final da procesión, coa imaxe na Porta do Sol. Resulta, para as persoas que acoden á procesión, un dos momentos máis emotivos de todo o día de celebracións.

Letra (en castelán):

Con acentos de amor encendido.

Entonemos un himno sin par:

Al Santísimo Cristo de Vigo,

Que es el Rey de este pueblo inmortal.

Cielos y Tierra, canten la gloria

Del Santísimo Cristo de la Victoria,

Del Santísimo Cristo de la Victoria.

Alza Vigo, la frente serena

Y contempla a tu Cristo en la Cruz;

Y verás como envuelve a este pueblo

En torrentes de amor y de luz.

Cielos y tierra…


Vuelve, Vigo, rendido y humilde

A la Fe, en que tus padres brilló;

Pues en ella salvose la Patria

Y el Santísimo Cristo triunfó.

Cielos y tierra…

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Restauración realizada en 1998 por el Instituto del Patrimonio Histórico Español. Ministerio de Educación y Cultura.
  2. Diego Arias era Mestre de Campo e Gobernador Militar da Praza, quen herdara de María de Figueroa a fundación de misas na igrexa de Santa María. Interpuxo un preito ao Concello, quen o gañou en 1680.
  3. Acordo do 18 de xaneiro de 1816. (Arquivo Municipal de Vigo. COL/6 1811-1814)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BOUZA BREY: "Conflicto en la Iglesia Parroquial de Vigo el Viernes Santo de 1695". Cuadernos de Estudios Gallegos. Tomo XXV. 1970. Páxs 124 - 126.
  • OTERO NUÑEZ, Ramón: " Melchor de Prado y la Academia de San Fernando". Cuadernos de Estudios Gallegos. CSIC. 43 Imp. Padre Sarmiento. Tomo XXIV. nº 72, 73, 74. Santiago de Compostela.
  • RODRÍGUEZ PAZ, Montserrat: Santa María de Vigo, la "iglesia-madre de la ciudad". La Concatedral. La Cofradía del Cristo de la Victoria. Cofradía del Cristo de la Victoria, 2000.
  • VARIOS: "La Iglesia Colegiata (Concatedral) de Vigo". Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología. Tomo XLV. Universidade de Valladolid, 1979.