Cova des Coloms

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 39°55′58″N 4°02′20″L / 39.9329, 4.03895

Vista da cova dende o interior.

A cova des Coloms é unha cova natural situada no barranco de Binigaus, no concello menorquino de Es Migjorn Gran.[1] O seu teito ten 24 metros de altitude, a súa lonxitude é de 110 metros e o seu ancho de 20 metros. Pódese chegar a pé dende as vilas de Es Migjorn Gran collendo o camiño que leva á praia de Binigaus.[2]

Localización[editar | editar a fonte]

A cova está situada no barranco de Binigaus, aproximadamente a 1,6 km ao suroeste de Es Migjorn Gran e o acceso é gratuíto. O aparcadoiro máis próximo está no cemiterio local. O camiño está sinalizado nunha estrada privada de grava.

Descrición[editar | editar a fonte]

Vista do interior da cova

A cova ten 110 metros de longo, 20 de ancho e 24 de alto.[3] O seu nome provén da gran cantidade de pombas silvestres que vivían nela, das que aínda hoxe en día se pode ver algunha. Polo seu tamaño coñécese tamén como "a catedral". Está dividida en dúas zonas. Un salón central de 50 metros seguido dun longo e estreito corredor a continuación.

É unha cova de orixe cárstica, igual que a meirande parte das covas naturais de Menorca, que se formou pola circulación de correntes de auga subterránea, que foron erosionando a rocha calcaria. A Cova des Coloms está protexida dende 1966 como un ben de interese cultural. O número de rexistro do Ministerio de Cultura español é RI-51-0003660.

Xacemento arqueolóxico[editar | editar a fonte]

A Cova des Coloms foi un lugar de enterramento para o período posttalaiótico (550-123 a.C.) e tamén puido ter algún tipo de significado ritual ou relixioso.[4] Os sedimentos arqueolóxicos atópanse principalmente na sala principal da cova e é onde se realizaron pequenas investigacións e a zona que tamén sufriu máis espolio. Por desgraza, hai moi poucos datos sobre este xacemento arqueolóxico, xa que nunca se realizaron escavacións arqueolóxicas intensivas nin se realizaron investigacións arqueolóxicas que nos poidan proporcionar novos datos. Con todo, á dereita e á esquerda da entrada hai grandes montículos de terra que posiblemente sexan os restos destas "escavacións" clandestinas. Este sedimento podería ser o resultado do baleirado do interior da cova, unha pista que nos daría a entender que todos os enterramentos foron destruídos. Tampouco poderiamos descartar que todo o sedimento observado fóra da entrada da cova e no penedo sexa o resultado do baleirado do interior. A ambos os dous lados da entrada hai uns muros posiblemente prehistóricos que deberon pechar a cova dende o exterior.

Non obstante, a Cova des Coloms espertou o interese non só dos menorquinos, senón tamén de expertos historiadores e arqueólogos hai unhas décadas. De feito, o arquiduque Luís Salvador de Austria xa nos fala da Cova des Coloms e sinala o seu posible uso durante a prehistoria menorquina.[5] Por outra banda, o prehistoriador francés Émile Cartailhac publicou en 1892 que atopou cerámica e ósos humanos despois de realizar pequenas prospeccións.[6] Unha das únicas escavacións realizadas foi por Antonio Vives y Escudero e o propietario do terreo, Bartomeu Sturla, entre 1914 e 1915, cando atoparon vasos de cerámica prehistóricos e dous cornos de bronce[7] un dos cales forma parte da colección Vives Escudero e a outra da colección Cardona Mercadal, ambas doadas ao Museo de Menorca. Do primeiro corno mencionado extraéronse mostras de madeira calcinada, que foi analizada polo Carbono-14, e data do ano 406 a.C.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cova des Coloms en menorcadiferente.com,
  2. Rutes per la natura, Ajuntament d'Es Migjorn Gran
  3. MIR, F. (1979). "Noves aportacions al coneixement de les coves de Menorca" dins Endins 5-6
  4. NICOLAU MARTÍ A.; et al. (2015). Guia Menorca Talaiòtica. La prehistòria de l'illa. Sant Lluís: Triangle Books. p. 237. 
  5. HABSBURG, L. S. (1891). Die Insel Minorca. (La isla de Menorca en texto e imágenes. Edició en castellà publicada per SA NOSTRA, 1980)
  6. CARTAILHAC, E. (1892). Monuments Primitifs des Iles Baleares. 1a Edición publicada en Toulouse, Librairie Edouard Privat. Tradución e nova edición de G.Rosselló Bordoy (1991). Ed. José J. de Olañeta
  7. VIVES ESCUDERO, A. (1910). "El arte egeo en España II" dins Revista de Archivos Bibliotecas y Museos, 22
  8. MESTRES, J.S; NICOLÁS, J.C. (1999)."Contribución de la datación por radiocarbono al establecimiento de la cronologia absoluta de la Prehistoria menorquina" dins Caesaragusta, 73. Institución "Fernando el Católico", C.S.I.C.
  9. VAN STRYDONCK, M; FOREST, L; LANDRIE, M; HENDRIX, V; VAN DER BERG, K; JONG, A.F. (1995). Royal Institute for Cultural Heritage Radiocarbon Dates, XV

Véxase tamén[editar | editar a fonte]