Saltar ao contido

Corvo mariño pequeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Corvo mariño pigmeo»)
Corvo mariño pequeno
Microcarbo pygmaeus

Adulto

Individuo novo
Individuo novo

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Phalacrocoracidae
Xénero: Microcarbo
Especie: M. pygmaeus[1]
(Pallas, 1773)
Nome binomial
Microcarbo pygmaeus
Sinonimia

Phalacrocorax pygmeus
Phalacrocorax pygmaeus
Microcarbo pygmeus
Halietor pygmeus
Pelecanus pygmeus

Ovos de Microcarbo pygmeus

O corvo mariño pequeno[2][3] (Microcarbo pygmaeus, antes Phalacrocorax pygmaeus) é unha ave mariña da familia dos corvos mariños, Phalacrocoracidae. A súa área de distribución esténdese desde o sueste de Europa ata o suroeste de Asia.[1] É unha ave parcialmente migratoria: as poboacións do norte migran durante o inverno cara ao sur, sen saíren da súa área de reprodución. Ademais, é unha ave accidental nalgúns países de Europa occidental.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

E unha ave de tamaño mediano, de plumaxe de cor verde escura e negra. Mide entre 45 e 55 cm de longo e de 70 a 90 cm de envergadura alar. Ten unha cola longa e un peteiro curto e groso. Os adultos presentan pequenas plumas brancas no pescozo e preto das patas durante a tempada de reprodución; o resto do ano, o pescozo é completamente branco. Ambos os sexos son similares, pero as crías teñen unha plumaxe máis clara e amarronada.

O corvo mariño pequeno diferénciase do corvo mariño grande e do corvo mariño cristado polo seu tamaño, moito máis pequeno, pola súa complexión máis lixeira e pola lonxitude da súa cola.

Reprodución e alimentación

[editar | editar a fonte]

O corvo mariño pequeno vive en colonias formadas en zonas húmidas, preto de fontes de auga doce como deltas fluviais ou lagos cubertos de vexetación, e mesmo campos de arroz. Evitan as zonas montañosas, frías ou secas. Durante o inverno tamén visitan augas con alta salinidade en estuarios ou lagos de barreira. Constrúe o seu niño con herba e ramas, sobre unha árbore baixa ou un tronco e deposita de tres a seis ovos cada verán. Os dous pais chocan os ovos durante de 27 a 30 días e os pitos poden desenvolverse de maneira independente aos 60 días de vida.

A súa principal fonte de alimento son os peixes. Estas aves pescan en grupos e descansan sobre as árbores durante as súas expedicións para conseguir alimento.

Estas aves sofren varias ameazas: a drenaxe e a degradación das zonas húmidas e dos bosques anexos onde viven, a contaminación da auga, as molestias que causan os humanos e a pesca ilegal, que leva a que moitos exemplares queden atrapados en redes de pesca e afoguen.

A súa zona de distribución, que anos atrás era moito máis extensa, redúcese cada vez máis: en Europa considérase que quedan soamente de 6 400 a 7 300 parellas. A colonia máis grande vive preto do delta do río Danubio e está formada por catro mil parellas, mais o número parece estar decrecendo debido a unha serie de plans para construír canles na zona que comezou en maio de 2004, malia que a área está protexida.

O corvo mariño pequeno é unha das especies protexidas polo Acordo para a conservación de aves acuáticas migratorias africano-eurasiáticas.[4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Esta especie foi clasificada inicialmente dentro do xénero Phalacrocorax, pero, de acordo coas análises de ADN realizadas,[5][6][7] foi trasladada ao xénero Microcarbo.[7][8]

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2012) Microcarbo pygmaeus; The IUCN Red List of Threatened Species, Version 2014.2. Consultado o 25 de outubro de 2014.
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. Dicionario Digalego corvo > corvo mariño pequeno Arquivado 06 de marzo de 2019 en Wayback Machine.
  4. "Waterbird species to which the Agreement applies" (PDF) (en inglés). AEWA. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de marzo de 2012. Consultado o 6 de maio de 2012. 
  5. Kennedy, Martyn; Russell D. Gray & Hamish G. Spencer (2000) "The Phylogenetic Relationships of the Shags and Cormorants: Can Sequence Data Resolve a Disagreement between Behavior and Morphology? Arquivado 06 de maio de 2016 en Wayback Machine."; Molecular Phylogenetics and Evolution 17 (3): 345-359.
  6. Holland, Barbara R.; Hamish G. Spencer; Trevor H. Worthy and Martyn Kennedy (2010) "Identifying cliques of convergent characters: concerted evolution in the cormorants and shags"; Systematic Biology 59 (4):433-45.
  7. 7,0 7,1 Kennedy, Martyn & Hamish G. Spencer (2014) "Classification of the cormorants of the world"; Molecular Phylogenetics and Evolution 79: 249–257.
  8. Gill, F. & D. Donsker eds. (2014) IOC World Bird List, Versión 4.3. Consultada el 23 de octubre de 2014.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]