Convento da Purificación da Sagrada Virxe María

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Convento de San Martiño de Pantón»)
Convento da Purificación da Sagrada Virxe María
Vista do conxunto.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónSan Domingos de Guzmán
LocalizaciónPantón, Lugo, Galicia
Coordenadas42°30′50″N 7°36′54″O / 42.513844444444, -7.6150777777778Coordenadas: 42°30′50″N 7°36′54″O / 42.513844444444, -7.6150777777778
Culto
CultoCatólico
DioceseLugo
Arquitectura
Construciónséculo XVI
Estilobarroco
editar datos en Wikidata ]

O convento da Purificación da Sagrada Virxe María, tamén chamado convento de San Martiño de Pantón, é un edificio relixioso situado na parroquia de Pantón, no concello do mesmo nome. Atópase ó carón da igrexa parroquial.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1569 o párroco de Santa María de Río, Alfonso Ares legou no seu testamento a casa patrucial, chamada de Ferreirós, sita en San Martiño de Pantón, con tódolos mobles e inmobles dos que era ou puidese ser dono, para edificar un convento que sirva de acougo e albergue a relixiosos da orde de San Domingos. O seu propósito de formar un convento foi informado favorablemente polas xerarquías diocesana e dominica, e presentouse ó Capítulo Provincial, celebrado en Valladolid o 7 de maio de 1569. Alí os capitulares ordenaron a súa execución, é dicir axuntalos relixiosos precisos e mandalos a Pantón. Contaba co número mínimo de relixiosos esixido polas constitucións dominicas: doce freires e un prior.[1].

Nun principio o seu que facer estaría centrado primordialmente en levantala casa ou adecentela vella, e en atender a parroquia. Organizarían misións e quizais abriran estudo de Gramática e de Artes.

O convento tiña categoría de vicariado; logo ó final, acadou o de priorado. Algúns dos vicarios foron frei Pedro Fernández (1603), frei Nicolao de Avedaño (1605), frei Pedro Díaz (1611-1613), frei Xoán de Huerta (1617) e frei Xusto de Oviedo (último vicario do convento).

A estadía dos dominicos en Pantón foi breve. A partir de 1617 comezan a xestionar o traslado a Monforte de Lemos, o que encaixaba moi ben cos afáns expansionistas da orde dominica. A razón principal para o traslado sería por motivos económicos ó ser as súas posesións máis ben limitadas. De xestionar o cambio encargouse o prior frei Xusto de Oviedo, que viaxou a Roma para acadar o permiso de abandono de Pantón e fixación da comunidade en Monforte de Lemos, o que obtivo mediante a bula do papa Gregorio XV o 12 de marzo de 1621.

O priorado quedou convertido nunha simple reitoral. Nela viviu un frade dominico como encargado da parroquia e da administración dos bens, agora de San Xacinto de Monforte de Lemos.[2]

Foi adquirido recentemente por un empresario de Pantón residente nas Canarias, onde posúe unha cadea de hoteis.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Frei Juan López: Historia de Santo Domingo y su orden
  2. Rielo Carballo, Isaac (2000). Pantón, historia e fidalguía. Compostela. ISBN 84-8064-095-2.