Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo
A Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo (en castelán: Compañía del Ferrocarril de Medina a Zamora y de Orense a Vigo), tamén coñecida polas siglas MZOV, foi unha empresa de transporte ferroviario española que tivo o seu período de operacións de 1862 a 1928, cando as súas infraestruturas quedaron integradas na empresa pública Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste.
Historia
[editar | editar a fonte]O 19 de febreiro de 1861 concedeuse a Rafael Beltrán de Lis unha concesión ferroviaria ao amparo da Lei Xeral de Ferrocarrís de 1855 para crear a sociedade Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora. O proxecto iniciou a desexada conexión de Galicia coa Meseta Central. No trazado da liña interviron diversos enxeñeiros debido á cantidade de túneles e pontes que salvan a orografía das provincias de Zamora e Valladolid entre Medina del Campo e Zamora.
Posteriormente iniciouse a construción do segundo tramo, entre Vigo e Ourense. A empresa recibiu entón o nome Compañía do Ferrocarril de Medina del Campo a Zamora e de Ourense a Vigo ou MZOV. No proxecto participou Juan Flórez.
En 1928 o Estado nacionalizou as empresas ferroviarias e as infraestruturas de MZOV quedaron integradas na Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste. Con todo, a división construtora da compañía continuou e fusionouse con Cubiertas y Tejados en Cubiertas y MZOV, a cal xuntouse en 1997 con Entrecanales y Távora para crear Acciona (que, por certo, ten unha división ferroviaria)[1].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "MZOV: La marca de trenes que sobrevivió a Renfe". Consultado o 2019/05/24.