Clúa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Clúa

Clúa 500
Fundación1949 - 1962
LocalizaciónEspaña Barcelona, España
Persoas claveJoan Clúa (propietario e director)
IndustriaTransporte
ProdutosAutomóbil
editar datos en Wikidata ]

Clúa foi unha marca catalá de motocicletas e micro coches, fabricados pola empresa Construcciones Mecánicas Clúa S.L. en Barcelona entre 1949 e 1962.[1] A empresa, propiedade de Joan Clúa e Maluquer, tiña a sede no número 6 da Avenida de Pau Casals, daquela chamada Avenida General Goded.[2]

Clúa fabricou o seu primeiro modelo de motocicleta, a MC-75, en 1951 e abandonou o sector once anos máis tarde, logo de demostrar axilidade e innovación, adiantándose a miúdo á súa época, adaptando as últimas solucións técnicas que aparecían. A súa gama era a máis completa da época (50, 75, 125 e 175 cc), completada cos triciclos. En 1955 empezou a fabricar micro coches en versión sport.[3]

Produción[editar | editar a fonte]

Motocicletas[editar | editar a fonte]

As características da MC-75 eran: Motor monocilíndrico de dous tempos, 3,25 CV a 5.800 rpm, pistón con deflector de gases, culata de aluminio e cilindro fundido gris grafitado en aliaxe de cromo-níquel; alimentado mediante carburador de nivel constante e regulación automática. Mestura ao 6% na gasolina; cambio de tres velocidades manual, bastidor de berce sinxelo en tubos de aceiro; suspensión dianteira por forquita telescópica de gran avance e posterior telescópica xemelga con moles helicoidais, inclinada en sentido da marcha. Depósito de 8 litros, consumo de 2 litros aos 100 km. Velocidade máxima: 70 km/h.

Clúa Sport 125cc de 1955

O ano seguinte este modelo modificouse, empezando pola forquita con percorrido máis curto e máis estabilidade, cambio de cor e motor novo no seu interior, con catro luminarias e pistón plano; compresión 7,2:1 e potencia 4 CV a 5.500 rpm, embrague de disco único e forquita dianteira complementada coa acción hidráulica. Velocidade máxima: 65 km/h.

En 1953 a gama ampliouse co modelo de 125 cc, equipado co novo motor Hispano Villiers monocilíndrico de dous tempos, potencia de 6,5 CV, culata de aluminio, pistón de cabeza plana e alimentación por carburador Hispano Villiers. Mestura de gasolina e aceite ao 16% e arranque por volante magnético; transmisión por medio de embrague a dous pratos con tacos de cortiza en baño de aceite e un cambio de tres velocidades, con mando no pé; peso: 80 kg; consumo: 2,5 l por 100 km; velocidade máxima: 80 km/h.

O modelo anterior fabricouse ata 1958, pero en 1954 foi complementado coa versión "125-Rapita", idéntica á anterior pero con motor propio, monocilíndrico dous tempos, 123,5 cc, mestura de aceite ao 8%, cambio de tres velocidades; velocidade máxima: 90 km/h; consumo: 2,5 l. cada 100 km; capacidade do depósito: 14 l.

Conservando o mesmo motor, ao ano seguinte dotouse dun novo cadro a suspensión posterior oscilante, que lle confería uns aires máis alegres e xuvenís. Nesta nova versión a potencia era de 7 CV e lubricación por mestura ao 8%; ofrecíase con caixa do cambio de 3 e 4 velocidades a escoller. O chasis era de tubo de aceiro estirado sen soldadura. En 1958 dotábase a este modelo de 125 cc dun novo cadro mono tubo e chapa estampada; o cambio pasaba a ser definitivamente de catro velocidades e adoptaba unha pequena agulla que, comandada pola panca de cambio, indicaba en todo momento a que velocidade habíase accionar. O prezo desta motocicleta era de 17.850 pesetas.

O modelo de 74 cc presentouse en 1957 e sería o último que esta marca sacaría ao mercado: motor con compresión 7:1, con 3 CV a 6.500 rpm. Mestura ao 9% e arranque por volante magnético con cota de regraxe 4 mm. Cambio de tres velocidades con mando ao pé; suspensión dianteira a biela empuxada e posterior por forquita oscilante; velocidade máxima: 70 km/h.[3]

Micro coches[editar | editar a fonte]

Os micro coches Clúa foron definidos como os de liñas máis harmoniosas e deportivas da época. Algunhas das súas carrocerías eran obra dun dos mellores carroceiros cataláns, Pedro Serra, autor entre outros do deseño do Biscuter Cupé (ou Pegasín).[4]

Micro coche Clúa 500 de 1958

En 1955, Clúa acomete o proxecto de fabricar un micro coche tipo spider de liñas elegantes, coas características seguintes: motor bicilíndrico de dous tempos dianteiro de 247 cc (máis tarde aumentado a 350 e 400 cc) con tracción dianteira, 4 velocidades e marcha atrás, arranque eléctrico, chasis de viga central, suspensión independente e rodas 4,50×10.

En 1956 incorporouse un motor bicilíndrico de catro tempos de 497 cc (cunha potencia de 17 CV a 5.000 rpm), algunhas unidades dos cales levaban a bonita carrocería asinada por Serra, inspirada no modelo Z-102 de Pegaso. As diversas versións deste modelo dispoñían de motores con cilindradas de 350, 400 e 500 cc e podían lograr unha velocidade máxima de 75–80 km/h.[4]

Atendendo ás súas características este coche poderíase situar nun segmento superior ao dos microcoches, preto de coches como por exemplo o Seat 600 debido á súa elegante liña, excelentes acabados e sobre todo polo seu motor de catro tempos. Malia que o seu prezo (64.000 pta da época) situábao preto do 600, este automóbil espertou grande interese cando foi presentado na Feira de Mostras de Barcelona en 1957. Fixéronse un gran número de pedidos co compromiso que en caso de calquera defecto ou anomalía a empresa devolvería o diñeiro ao comprador, desafortunadamente resultou que a chapa desaxustábase por un defecto de fabricación (alleo a Clúa), de forma que a empresa viuse obrigada a devolver o diñeiro a todos os que o pediron, motivo polo cal en 1960 liquidou as últimas unidades deste coche a 49.300 pta e en 1962 a empresa crebou.

Dos Clúa fabricáronse aproximadamente unhas 100 unidades en total.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Herreros, Francisco; Aznar, José Luis (1998). Historia del motociclismo en España (en castelán). RACC & Hipòtesi Edi-Balmes Edició SL. pp. p. 307. ISBN 84-920886-5-6. 
  2. Gimeno, Pablo (1993). El automóvil en España. Su historia y sus marcas (en castelán). Editorial Real Automóvil Club de España. pp. p. 344–346. ISBN 84-604-7935-8. 
  3. 3,0 3,1 http://frikndomotarra.blogspot.com/2008/10/la-moto-als-pasos-catalans.html
  4. 4,0 4,1 http://www.grupo7.com/microcoches/clua.htm
  5. http://www.autopasion18.com/HISTORIA-CLUA.htm

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]