Cicada 3301 é o nome dunha enigmática organización que en seis ocasións publicou un conxunto de crebacabezas e xogos de realidade alternativa para recrutar decifradores de códigos do público.[1] O primeiro crebacabezas de Internet comezou o 4 de xaneiro de 2012, e estivo activo arredor dun mes. Unha segunda rolda comezou xusto un ano despois, o 4 de xaneiro de 2013, e a terceira rolda produciuse a través dun chío en Twitter xusto o 4 de xaneiro de 2014.[2][3] A intención declarada era recrutar "persoas intelixentes", presentando unha serie de crebacabezas que tiñan que ser resoltos, cada un en orde, para pasar ó seguinte. Non houbo crebacabezas publicados o 4 de xaneiro de 2015. Porén, un novo crebacabezas foi publicado en Twitter o 5 de xaneiro de 2016.[4][5] Os crebacabezas estiveron centrados en seguridade dos datos, criptografía e esteganografía.[1][6][7][8][9]
Foi chamado "o máis elaborado e misterioso crebacabezas da era de internet"[10] e está considerado como "un dos 5 mellores misterios sen resolver de internet" por The Washington Post,[11] e existen moitas especulacións do seu propósito. Entre estas posibles teorías, afírmase que poden ser ferramentas de recrutamento da NSA, CIA, MI6, ou dun cyber grupo mercenario.[1][7] Outras teorías din que Cicada 3301 é un xogo de realidade alternativa, pero o feito de que ningunha compañía ou individuo tomara o crédito ou tratara de monetizalo, combinado co feito de que ningunha persoa coñecida deu a coñecer que resolvera o crebacabezas, levou á a crer que non o é.[10] Outros din que é administrado por un banco que traballa en criptomoeda.[10]