Charnockita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diques de charnockita de estadio final cortando anortosita, Rogaland, Noruega

Unha charnockita é calquera rocha que conteña un ortopiroxeno, cuarzo e feldespato, composta principalmente por cuarzo, pertita ou antipertita e ortopiroxeno (xeralmente hiperstena) formada a alta temperatura e presión, que se encontra comunmente en rexións metamórficas de facies de granulita, como membro final da serie da charnockita.[1]

Serie da charnockita[editar | editar a fonte]

A serie da charnockita é unha forma especialmente espallada de rocha granoblástica (granofels). As rochas granoblásticas son unhas das poucas rochas non foliadas que se forman en condicións de temperatura e presión relativamente altas. Esta combinación xérase só en zonas profundas da codia por forzas tectónicas que funcionan a grande escala, polo que son un produto do metamorfismo rexional en vez de do metamorfismo de contacto. Están formadas principalmente a partir de rochas do clan dos granitos ou, ocasionalmente, a partir de lousas e arxilas completamente reconstituídas. Ten unha ampla distribución e grande importancia na India, Sri Lanka, Madagascar e África continental.

Nome[editar | editar a fonte]

Foi nomeada polo xeólogo T. H. Holland en 1893 pola lápida funeraria de Job Charnock, na igrexa de San Xoán de Calcuta, na India, que está feita desta rocha.[2]

Composición[editar | editar a fonte]

A serie da charnockita inclúe rochas de moi diferentes tipos, algunhas son félsicas e ricas en cuarzo e microclina, outras máficas e cheas de piroxeno e olivina, mentres que hai tamén variedades intermedias que corresponden mineraloxicamente a noritas, cuarzo-noritas e dioritas. Unha característica especial, frecuente en moitos membros do grupo, é a presenza de hiperstena verde ou avermellada fortemente pleocroica. Noméase ás veces engadindo o nome ortopiroxeno ou especificamente hiperstena á nomenclatura ígnea normal (por exemplo, hiperstena-granito), pero está moi estendido o uso de nomes específicos como norita, mangerita, enderbita, jotunita, farsundita, opdalita e charnockita (no seu sentido estrito); que son equivalentes do gabro, monzonita, tonalita, monzodiorita, monzogranito, granodiorita e granito.

Galería[editar | editar a fonte]

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Charnockita incipiente, Terra da raína Maud, Antártida

Todas as charnockitas se cre que foron inicialmente rochas ígneas, pero recoñécese que moitas son metamórficas porque, malia as altas temperaturas e presións, o protólito orixinal nunca se chegou a fundir. Porén, existen algúns granitos que levan ortopiroxenos con claras características ígneas, e estas rochas tamén entran dentro da definición de charnockita.[3] Moitos dos minerais destas rochas están schillerizados, xa que conteñen diminutas inclusións con foma de bastón ou placa, dispostas paralelamente a certos planos ou eixes cristalográficos. A reflexión da luz nas superficies destas inclusións dá aos minerais a miúdo unha aparencia peculiar, por exemplo, o cuarzo é azul e opalescente, o feldespato ten un resplandor lácteo como o luar, a hiperstena ten un brillo metaloide broncíneo. Moi a miúdo aparecen os distintos tipos de rocha en estreita asociación, xa que un conxunto forma bandas alternantes con outro conxunto, ou veas que a atravesan, e onde aparece unha facies frecuentemente tamén se encontran as outras.

O termo charnockita neste sentido non é, en consecuencia, o nome dunha rocha senón dunha ensamblaxe de tipos de rochas. A ensamblaxe está conectada coa súa orixe, a diferenciación do mesmo magma parental. A estrutura bandeada que presentan comunmente estas rochas no campo é só nunha pequena medida debida á deformación plástica, xa que en gran medida é orixinal e foi producida polo fluxo nun magma intrusivo viscoso en cristalización, xunto coa diferenciación ou segregación da masa en bandas de diferente composición química e mineralóxica. Houbo tamén movementos telúricos que actuaron sobre a rocha sólida nun momento posterior e a inxección de diques tanto paralelos coma transversais en relación á foliación primaria.

Distribución[editar | editar a fonte]

As charnockitas están amplamente distribuídas no hemisferio sur. Aparecen charnockitas, ou rochas similares a elas, tamén en Noruega, Francia, Suecia, Alemaña, Escocia e Norteamérica, aínda que nesses países foron maiormente descritas como granulitas de piroxeno, gneises de piroxeno, anortositas, ou con outros nomes. Son tipicamente de idade proterozoica.

Na India forman as Nilgiri Hills, os Shevaroys, as Biligirirangan Hills[4] e parte dos Ghats occidentais, estendéndose cara ao sur ata Kanyakumari e reaparecendo en Sri Lanka.

Unha variedade comercial chamada ubatuba verde encóntrase no Brasil.[5]

Idade[editar | editar a fonte]

No caso da India, aínda que o metamorfismo de facies de granulita está datado en hai 2500 millóns de anos nas rexións de Nilgiris, Shevroys, Madrás (Chennai), o episodio de facies de granulita que transformou os gneises graníticos en charnockita na parte sur do Terreo de granulita do sur da India está datado en hai 550 millóns de anos. Aínda que certamente son na súa maior parte gneises ígneos (ou ortogneises), as rochas que aparecen xunto con eles, como mármores, escapolita calcarias e rochas de corindón, probablemente son de orixe sedimentaria.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Classification of Igneous Rocks, 2nd ed., 2002, by R. W. Le Maitre et al.
  2. Holland, T.H. (1893). "The Petrology of Job Charnock’s Tombstone". Journal of the Asiatic Society of Bengal 62 (3): 162–164. 
  3. Williams; et al. (2014). "Garnet-forming reactions in felsic orthogneiss: Implications for densification and strengthening of the lower continental crust". Earth and Planetary Science Letters 405: 207–219. doi:10.1016/j.epsl.2014.08.030. 
  4. C. S. PICHAMUTHU Trap-Shotten Rock from the Biligirirangan Hills, Mysore State, India. Nature 183, 483 - 484 [1]
  5. Pivko, D. (2003). "Natural stones in Earth's history" (PDF). Acta Geologica Universitatis Comenianae 58: 73–86. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de xullo de 2011. Consultado o 28 May 2010.